O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de facer pública unha sentenza na que anula o informe de impacto ambiental co que a Consellería de Medio Ambiente autorizou en 2019 a unha granxa de Rairiz de Veiga a duplicar a súa capacidade duns 23.000 a uns 48.000 pitos. A sentenza deixa en evidencia de novo o control ambiental da Xunta, que non só non avaliou os impactos desa ampliación na veciñanza, nas augas ou nas aves malia estar nun espazo protexido pola Rede Natura 2000 senón que tampouco ten en conta os efectos acumulativos das numerosas explotacións similares que hai na comarca da Limia nin o alcance da contaminación agrogandeira na zona tras anos de advertencias científicas.
A sentenza do TSXG emítese en resposta a un recurso contra a Xunta presentado por unha familia veciña da granxa contraria á ampliación promovida pola empresa Cavirsa Freire, SC, segundo a sentenza “titular da explotación de engorde para pitos integrada/vinculada dentro do grupo Coren”. Unha resolución xudicial que chega tras anos de denuncias sobre os efectos da gandaría intensiva na Limia e a falta de control sobre os xurros que produce.