E-distrito

Noticias

As augas residuais da Coruña apuntan a que ómicron xa supón o 70% dos contaxios

As augas residuais da Coruña apuntan a que ómicron xa supón o 70% dos contaxios

  Un informe de CovidBens describe como a nova variante se multiplicou por sete en só unha semana e apunta ao 100% en poucos días

  24 decembro 2021

  A repunta de casos de coronavirus a vindeira semana vai ser inevitable, probablemente acadando cifras endexamais vistas. Así o constatan os últimos datos do estudo coruñés CovidBens, que detecta a presenza do coronavirus en augas residuais. A tan só unha semana da irrupción de ómicron, o último informe dá parte dun incremento dun 4% a un 29% desta variante nunha semana, o que significa que se multiplicou por máis de sete en sete días.

  A análise xenómica das mutacións do coronavirus analizada polos científicos revela un ascenso pronunciado de ómicron e permite prognosticar a vindeira situación epidemiolóxica: “Considerando o último informe, calculamos que esta mesma semana probablemente os casos de ómicron constitúan o 70%”, explica Margarita Poza, científica do grupo de Microbioloxía do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña, que calcula que antes de que acabe o ano, a súa prevalencia será practicamente do 100%.

  Datos fiables da evolución do coronavirus no futuro

  O equipo multidisciplinar de CovidBens, composto por microbiólogos, enxeñeiros, matemáticos, químicos e biólogos, analiza periodicamente a evolución da incidencia do virus e das súas variantes nas augas residuais dos municipios da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleiredo e Oleiros. Xa se anticiparon á irrupción da variante delta e fano de novo con ómicron, ofrecendo estudos vencellados ás 400.000 persoas que conviven neses concellos e que poden axudar a comprender o desenvolvemento global da pandemia.

  Dende que CovidBens recolle mostraxes das augas residuais ata que se analizan e se revelan os resultados, pode pasar ata unha semana. A investigadora Margarita Poza explica que coas sucesivas variantes a carga viral aumentou ata niveis que dificultan a estimación real de casos: “Anteriormente tiñamos a capacidade de estimar o número de persoas infectadas, mais coa irrupción das novas variantes, a cantidade de carga viral excretada por cada infectado aumentou de xeito considerable”, relata a experta.

  “A variante ómicron aparece en medio da sexta onda”

  Porén, as pescudas permiten adiantarse aos datos dos sistemas sanitarios ata 18 días. Por esta razón, pódese predicir o ineludible aumento de casos. Ademais, o estudo de CovidBens pode resultar un claro indicador da evolución do nivel de contaxios e da futura situación da ocupación hospitalaria: “A irrupción de ómicron coincide co desenvolvemento da sexta onda. Xeralmente as ondas anteriores viñeron pola causa das irrupcións dunha variante e esta é unha situación preocupante”.

  Ademais de adiantarse aos resultados sanitarios, a diferenza entre estes datos e os revelados polo proxecto é de grande consideración. Isto é así porque constitúe unha radiografía da incidencia global do virus. Deste xeito, inclúense os casos asintomáticos que non reportan a infección nos centros sanitarios. “Esta distancia reduciuse co tempo, posto que agora realízanse máis PCRs, test de cribado e hai un mellor seguimento dos pacientes”, di Margarita Poza.

  “Delta vai quedar relegada a un segundo plano”

  A incidencia de delta é cada vez menor. Ómicron é unha variante con maior capacidade de infección, pero tamén con menor probabilidade de desembocar en sintomatoloxía grave. “O que estamos a ver é que delta vai quedar nun segundo plano ante o auxe de casos desta nova variante, como xa ocorreu no pasado”, expón a científica.

  O ritmo de contaxios avanza a un ritmo imparable. Non só o evidencian os datos sanitarios, senón que tamén as pescudas do equipo. É probable que nas próximas semanas academos picos de contaxios que non foron vistos ata a data, o cal pode desembocar unha alta ocupación das UCIs, sobre todo polo contaxio das persoas non vacinadas. “É a vacinación a que nos está salvando, por iso non estamos a vivir novamente un colapso sanitario”.

  Por outra banda, a experta concorda en que, ante o avance descontrolado dos contaxios, a importancia de tomar medidas en interiores é vital. Ademais, expón que bota en falta a consideración destes estudos para tomar decisións determinantes: “CovidBens é unha realidade grazas ao financiamento da depuradora EDAR Bens e sería crucial aproveitar as nosas pescudas para minorar os efectos da pandemia”.

  Como medida de contención, o goberno acordou o uso obrigatorio da máscara en exteriores, unha decisión que algúns expertos cualifican de insuficiente. “Se vemos o que está a acontecer noutras cidades europeas, podemos facermos unha idea do que vai pasar aquí”, alerta a científica.

  Xunto cos investigadores Ricardo Cao e Susana Ladra, Margarita Poza coordina un grande equipo multidisciplinar coa fin de analizar periodicamente a evolución da incidencia do virus e das súas variantes nas augas residuais dos municipios da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleiredo e Oleiros. Así, microbiólogos, enxeñeiros, matemáticos, químicos e biólogos xa se anticiparon á irrupción das pasadas variantes. Xa o fixeron con delta e fano de novo con ómicron, ofrecendo estudos vencellados ás 400.000 persoas que conviven neses concellos e que poden axudar a comprender o desenvolvemento global da pandemia.

  Derivado de GCiencia.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados