E-distrito

Noticias

Os Orzamentos do Estado prevén un 29% máis de investimento en Galicia para 2022 malia á fin do AVE

Os Orzamentos do Estado prevén un 29% máis de investimento en Galicia para 2022 malia á fin do AVE

  Malia á fin das grandes partidas do AVE, o Ministerio de Transportes e as entidades que dependen del seguen sendo as áreas con maior investimento previsto en Galicia

  14 outubro 2021

  O Goberno de España prevé inaugurar en decembro deste 2021 o treito que falta da liña de alta velocidade entre Ourense e Madrid. Os sucesivos proxectos de Orzamentos Xerais do Estado reflicten dende hai anos como a conclusión destas grandes obras do AVE implicou a fin das cifras milmillonarias no investimento estatal en Galicia, toda vez que só resta a variante ferroviaria da capital ourensá, que non impide a chegada do tren rápido.

  Os Orzamentos estatais superan os 1.000 millóns de investimento previsto en Galicia por primeira vez dende 2016

  Así e todo, tras media década por baixo do simbólico limiar dos 1.000 millóns de euros, o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2022 rexistrado este 13 de outubro no Congreso pola ministra de Facenda, María Jesús Montero, volve superalo por pouco. Son 1.074 millóns de euros os consignados nun proxecto marcado pola inxección de fondos europeos de recuperación tras a COVID,un 29% máis que nas contas públicas de 2021.

  Proxectos como as fragatas que os estaleiros ferroláns de Navantia construirán para o Ministerio de Defensa, pero tamén melloras no tren convencional ou obras pendentes en diversas estradas compensan a práctica desaparición dos fondos para a construción das liñas de AVE. Non en van, do proxecto que marcou o investimento estatal en Galicia dende finais do século pasado apenas destacan obras como a variante ourensá, que pasa de 9 millóns en 2021 a 22 para 2022.

  Malia á fin das grandes partidas do AVE, o Ministerio de Transportes e as entidades que dependen del seguen sendo as áreas con maior investimento previsto en Galicia, con incrementos en áreas como o tren convencional, conservación de estradas ou autovías pendentes de conclusión

  Esta mudanza pola conclusión do AVE non impide, así e todo, que o Ministerio de Transportes e as entidades que dependen del, como Adif ou Renfe, continúen sendo os departamentos que máis investimento prevén para Galicia no vindeiro 2022. Así, por exemplo, a renovación na liña ferroviaria de ancho métrico (a antiga FEVE) entre Ferrol e A Veiga (Vegadeo) en Asturias ten asignados 15 millóns de euros fronte aos 3 cos que contaba no 2021. Unha partida un chisco maior, de algo máis de 16 millóns, é a que consigna Transportes para continuar os traballos de electrificación e reforma entre Monforte e Lugo, no marco da mellora xa iniciada da liña de Ourense á capital lucense.

  Alén do tren, que conta asemade con diversos proxectos para a integración de Galicia no corredor atlántico de mercadorías, tamén destacan no proxecto orzamentario algunhas partidas e incrementos en materia de estradas. É o caso dos 41 millóns de euros no tramo de Melide a Palas de Rei na autovía A-54 entre Lugo e Santiago, dos 23 millóns de euros para a circunvalación de Pontevedra da A-57 ou dos 9 millóns do enlace orbital da AP-9 en Compostela. 

  As contas estatais tamén inclúen, por exemplo, un incremento de 11 millóns (de 48 a 59) para conservación de estradas; nesta área entran en xogo tamén os fondos europeos (23 millóns) para o impulso de zonas de baixas emisións ou a integración de estradas en contornas urbanas. Pola contra, a gran maioría dos diversos proxectos que nos últimos anos veñen aparecendo nos orzamentos con contías que só permiten facer estudos previos seguirán nesa mesma fase ao manter cifras igualmente mínimas.

  Defensa, segundo ministerio máis investidor polas fragatas F-110

  Alén do Ministerio de Transportes e as súas entidades vinculadas, tradicionalmente os que teñen maior peso investidor, o segundo departamento do Goberno de España que máis investimento proxecta para 2022 en Galicia é o Ministerio de Defensa, con case un terzo do total. A razón é o inicio da construción das fragatas F-110 encargadas por este Ministerio aos estaleiros públicos de Navantia na ría de Ferrol, proxecto que pasa de 65 a 121,8 millóns de euros. 

  Ademais, a Sociedad Estatal de Participaciones Industriales (SEPI) contempla nestas contas unha partida de 51 millóns de euros para a construción do coñecido como taller de subbloques de Navantia, unha infraestrutura que permite automatizar e mellorar diversas fases do proceso da construción naval. En 2021, este proxecto tiña consignados 20 millóns.

  Á marxe do orzamento de investimentos, Transportes contempla tamén o mantemento sen cambios dos descontos na autoestrada AP-9 aprobados o pasado ano. Volverán supoñer, segundo o previsto, algo máis de 50 millóns de euros nun ano.

  Por tras de Defensa vólvese situar o Ministerio para a Transición Ecolóxica. Xunto a proxectos xa contemplados nas contas de 2021 como a rexeneración da ría do Burgo (engádense 14,8 millóns aos 20 millóns do pasado ano), esta área do Executivo estatal figuran outros de menor contía, como o incremento de 1,1 a 2,4 millóns de euros para proxectos como a depuración de augas en diferentes puntos de Galicia. 

  O aumento de 15 a 39 millóns nos orzamentos da Zona Franca de Vigo ou os 25 millóns cos que conta para 2022 o Consorcio de Santiago son outros dos destinos aos que se dirixen os fondos contemplados no proxecto orzamentario que agora inicia trámite parlamentario. Nel inclúense tamén, segundo confirmou a ministra Montero, os algo menos de 200 millóns pendentes de ingreso polo mes do IVE pendente dende a reforma de Rajoy en 2017, que segundo o Supremo deben ser ingresados á Xunta.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados