E-distrito

Noticias

A incidencia máis inmediata da COVID en Galicia é a menor dende que hai datos comparables

A incidencia máis inmediata da COVID en Galicia é a menor dende que hai datos comparables

  Os 17 casos novos por cada cen mil habitantes que Galicia rexistra nos últimos sete días supoñen o nivel máis baixo dende que a capacidade diagnóstica é equiparable á actual

  27 setembro 2021

  O Sergas notificou este sábado, 25 de setembro, os 57 casos novos da COVID que rexistrou entre as seis da tarde do xoves e a mesma hora do venres. En termos de días naturais, ata o último con datos completos -o xoves- son xa sete consecutivos por baixo do centenar e, na última semana, foron diagnosticadas en Galicia unha media diaria dunhas 67 infeccións activas.

  Todas estas cifras dan lugar a taxas de incidencia acumulada que seguen en claro descenso e que no seu indicador máis inmediato, o que mide os últimos sete días, están no seu nivel máis baixo dende que hai datos comparables. Son apenas 17 casos novos por cada cen mil habitantes nunha semana e para atopar un valor máis baixo hai que remontarse a principios de agosto de 2020, cando a capacidade diagnóstica do sistema sanitario era moito menor e, polo tanto, con datos que non son mecanicamente comparables -calcúlase que daquela eran detectados apenas un terzo dos casos-.

  A maior dispoñibilidade de test PCR -algo máis de 2.300 diarias na última semana- e doutras probas diagnósticas como os test de antíxeno, provoca que, neste 2021, a imaxe que ofrecen as cifras de incidencia sexa moito máis precisa. E o que di é que, dende que existe a actual capacidade diagnóstica, a incidencia acumulada a 7 días nunca fora tan baixa. O indicador a 14 días -a piques de baixar de 45- segue un camiño semellante.

  Os concellos que rexistraron máis de 10 casos novos nos últimos 14 días son apenas unha vintena

  Neste contexto, son xa apenas unha vintena os concellos galegos que rexistraron máis de dez casos novos da COVID-19 nos últimos 14 días, segundo os datos do Sergas. Dous dos que rexistran maiores incidencias, ademais (Foz e O Barco) teñen a orixe destas cifras en senllos focos en centros escolares.

  Na banda contraria atópanse os 169 concellos que, a 24 de setembro, non rexistraran caso novo ningún en 14 días. Os que estaban libres da COVID nos últimos sete días ascendían xa a 219.

  Tras superar o 83% da poboación con pauta completa da vacina, o Sergas dá por pechada a fase da inmunización masiva e céntrase en captar persoas pendentes da primeira inxección

  A incidencia descende territorialmente e tamén o fai en todos os grupos de idade, segundo os datos divulgados polo Ministerio de Sanidade -a Xunta dispón deles e transmíteos ao Estado, pero non os fai públicos-. A taxa máis elevada en Galicia (111 casos novos por cada cen mil persoas a 14 días) está nos últimos días no único grupo de poboación que aínda non foi incorporado á vacinación, a infancia menor de 12 anos. Así e todo e malia ao comezo do curso, polo momento a incidencia neste grupo de idade continúa baixando e tamén o fai en todos os demais. Entre a poboación de 60 a 69 anos xa baixa de 30 casos novos por cada cen mil a catorce días.

 

  Todos estes datos de incidencia non é posible comprendelos sen atender ás moi altas taxas de vacinación. A pauta completa da vacina xa supera o 83% de cobertura no conxunto da poboación galega e xa só hai dous grupos de idade (20-29 e 30-39) por baixo do 80%. Neste contexto, o Sergas dá por finalizada a vacinación masiva e céntrase agora en captar persoas pendentes de recibir a súa primeira dose con recursos como a cita mediante o WhatsApp (981 21 59 30) ou as quendas de vacinación sen cita previa, abertas ata final de mes en horarios e lugares que se poden consultar nesta ligazón.

  O avance da vacinación tamén inflúe de xeito crucial nos baixos niveis de hospitalización de persoas con test positivo da COVID. Alén da foto fixa da oscilación diaria, as 59 persoas que había ingresadas ás seis da tarde do venres eran 48 menos que unha semana antes e 18 delas estaban na UCI e eran unha decena menos que o mesmo día da semana anterior.

  Mentres, as cifras de falecementos de persoas coa COVID -cuxas mortes non son, necesariamente, consecuencia directa do virus- seguen situándose nunha media diaria a 7 días inferior a 2 e trazando unha liña levemente descendente. O total é de 2.628 persoas, segundo datos do Sergas.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados