No outono de 2019, a factoría de Vestas (Viveiro) recibiu unha ampla delegación institucional para celebrar o vixésimo aniversario da fábrica de compoñentes eólicos que a multinacional danesa abrira en solo rústico da parroquia de Chavín. Os gobernos galego e español, a Deputación e o Concello acudiron á chamada da empresa para conmemorar as dúas primeiras décadas dunha fábrica que pouco antes deixara atrás de vez os problemas polo seu encaixe urbanístico e cuxos directivos aseguraban ratificar o seu "compromiso con España, Galicia e Viveiro".
Este 20 de setembro de 2021, apenas dous anos despois daquelas promesas e cando o plantel xa tivo que pasar por diversos axustes, Vestas anunciaba que contra finais de ano vai "cesar a produción" en Viveiro.
Xunto a este peche na vila mariñá, correrán a mesma sorte outras dúas: en Lauchhammer (Alemaña) e Esbjerg (Dinamarca). Pechan, asegura a empresa nun comunicado, para gañar "competitividade" e acelerar a integración dos seus negocios de eólica terrestre e mariña. Asegura o vicepresidente executivo da compañía, Tommy Rahbek Nielsen, que lles resulta "duro" tomar a decisión.
Vestas asegura que dará "oportunidades de recolocación" ao persoal da factoría de Viveiro, onde traballan unhas 115 persoas, segundo datos da propia compañía