E-distrito

Noticias

A cita presencial ordinaria volve á Atención Primaria pero esta seguirá sendo parcialmente telefónica.

A cita presencial ordinaria volve á Atención Primaria pero esta seguirá sendo parcialmente telefónica.

  O Conselleiro de Sanidade espera chegar ao 60% de presencialidade a final de ano aínda que engade que as citas en persoa "non van volver ser do 100% nunca máis", apelando a un sistema mixto.

  Asociacións sanitarias denuncian precariedade e falta de medios. O BNG afirma que o 40% dos galegos quedará sen cita presencial no seu médico. O PSdG considera as citas telefónicas como unha forma de ocultar as listas de espera.

  17 setembro 2021

  Ano e medio despois, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) reactivou este xoves a posibilidade de pedir cita presencial na Atención Primaria, unha opción que fora suspendida pola pandemia e que provocou que os pacientes foran atendidos preferentemente (e moi maioritariamente) de maneira telefónica. 

  Desde este xoves, a través da web do Sergas, da aplicación ou do teléfono, a cidadanía pode solicitarse unha consulta presencial co médico ou médica de cabeceira, unha opción que antes só era posible solicitando asistencia nos mostradores dos propios centros de saúde, cuxa entrada foi moi restrinxida por mor da COVID. 

  O obxectivo, como manifestou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, é chegar ao 60% de presencialidade a final de ano, unha cifra que agora se atopa roldando o 40%. No entanto, como engadiu, as citas en persoa "non van volver ser do 100% nunca máis", apelando a un sistema mixto --presencial máis telefónico-- que funciona desde 2013 e que non é, en esencia, o problema que denuncian a maioría dos profesionais, que entenden que é priorizar a atención a distancia en lugar de no centro de saúde o que afonda nos problemas do sistema. 

  Porque a chegada da pandemia bateu con forza na Atención Primaria, golpeada xa por falta de recursos e mediosdesde hai anos. A principios deste 2021, foi o Consello de Bioética de Galicia quen advertiu nun informe do "especial impacto" que a COVID estaba a ter nos centros de saúde. Os profesionais médicos alertaron da saturación provocada polo coronavirusnaquelas primeiras vagas, acentuada pola escaseza de persoal, a carga de traballo polo seguimento e control dos positivos e dos seus contactos e as consecuencias en forma de aumento de listas de espera, repercusión negativa na atención integral e falta de atención doutras doenzas. Os sindicatos insistiron nunha problemática que parte sempre da "falta de persoal e anos de recortes e desinvestimento". Coa vaga estival, menos grave e de moita menor presión hospitalaria, a Atención Primaria levou a peor parte. 

  Este mesmo xoves, e a través da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública (FADSP), un grupo de profesionais de centros de saúde de todo o Estado -tamén de Galicia- presentaron un manifesto onde se inclúen as propostas para "superar a situación crítica" da Atención Primaria tras a pandemia. Unha crise que atribúen ao "exceso de actividade pola pandemia, a acumulación de cupos ou a falta de profesionais e investimentos". 

  Mentres, en áreas sanitarias como a da Coruña-Cee, continúan as mobilizacións de persoal cada xoves en protestas polas "consultas saturadas, pacientes con longas listas de espera e profesionais desbordados". Protestas que se estenden a outras como a de Vigo, onde o vindeiro día 30 hai convocada outra marcha desde o PAC da rúa Pizarro advertindo do "perigo" no que se atopa a Atención Primaria. Todas elas coinciden no "esgotamento" dos traballadores e traballadoras. 

  Persoal, colectivos profesionais ou sindicatos insisten nas "consultas saturadas, a acumulación de cupos ou a falta de medios e investimentos"

  "Hai un problema de falta de medios e recursos, principalmente, pero outros como que cada vez se frecuenta máis o sistema sanitario, que os investimentos e orzamentos céntranse nos hospitais, o envellecemento da poboación, eivas na xestión...", relata Flora Miranda, médica de Atención Primaria na Estrada. "Traballamos cunha infraestrutura que respondía ás necesidades de hai vinte anos; se cadra agora temos que darlle máis protagonismo á enfermería, á medicina preventiva... Estamos asumindo o de sempre, mais o que chegou coa pandemia e toda a burocracia", insiste. 

  Malia que no seu centro a presencialidade foi maioritaria nos últimos meses e a boa organización dá unha tregua, Miranda é clara: "Se a axenda está sobrecargada? Claro que si, por suposto". "Durante este verán teño atendido 50 pacientes nun día ou dobrar xornada para atender os dun compañeiro que non foi substituído durante as vacacións", explica. Porque aínda agora, a mediados de setembro, os efectos dos descansos estivais sen substitución afectan tamén á saturación do persoal e ás listas de espera. 

  "Hai unha evidente falta de previsión e organización coa chegada das vacacións; no Sergas sempre pensan que os profesionais daremos feito", di quen alerta do "dilema" que se abre en moitos profesionais á hora de cubrir vacacións. "Debatémonos entre manter as nosas quendas ou dobrar xornada para axudar a que se normalice a situación e non vernos desbordados, porque iso acaba creando problemas na asistencia e control dos pacientes, cuxas patoloxías poden agravarse", explica. 

  Ao final, son moitos os profesionais que dobran a súa xornada para evitar problemas maiores. O resultado, tamén, "a cronificación da situación que está a provocar o Sergas". 

  A situación muda moito segundo a localidade ou o centro de saúde. No mesmo día no que se reabriu a posiblidade de pedir cita presencial, pacientes de centros de saúde de barrios de cidades galegas tiñan, en moitos casos, máis dunha semana de espera para poder acudir ao seu médico. 

  Para Miranda, non é cuestión de criticar a atención telefónica. "O que si critico é que esa sexa a única vía que se ofrece aos problemas de saúde, porque a atención a distancia é útil para moitas cuestións pero non para outras", explica quen cre que a Administración "estivo moi cómoda botando a culpa aos profesionais" cando había problemas para atender ou as esperas se foron facendo máis longas. "As xerencias estiveron moi caladas, sen saír a dar a cara polos profesionais que, moi maioritariamente, comprometéronse e fixeron e fan todo o que poden", explica quen cre que a Xunta debe actuar para "poñer todo os recursos" precisos.

  "Moitas enfermeiras volven da vacinación aos seus centros de saúde; se de verdade a Xunta aposta pola Atención Primaria, deberían volver para reforzar o persoal xa existente"

  Malia que o menor impacto da quinta vaga notouse tamén na presión asistencial, Miranda lembra a carga de traballo extra ante un centro de seguimento telefónico da COVID "onde se notaba claramente que carecía de profesionais da saúde". "Houbo descontrol descoordinación coa Atención Primaria, pacientes cos que non contactaban e que, loxicamente, acaban recorrendo ao seu doutor ou doutora", explica.

  No fodo, os problemas denunciados por persoal, colectivos profesionais ou sindicatos desde hai anos. E entre as propostas, como as asumidas pola FADSP, "o incremento do orzamento da Atención Primaria ata o 25% do orzamento sanitario, máis persoal, garantir a accesibilidade mediante consultas preferentemente presenciais, a incorporación de novas titulacións profesionais, o reforzo das áreas de administración dos centros, favorecer a comunicación entre niveis mediante procesos asistenciais, dar á Atención Primaria acceso a máis probas diagnósticas, reforzar a participación cidadá  ou potenciar as actividades formativas e de investigación".

  "O 40% dos galegos non poderá acceder a unha cita presencial"

  Desde a oposición, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, advertiu de que o 40% dos galegos non poderá acceder a unha cita presencial na Atención Primaria e acusou o presidente Feijóo de realizar "anuncios enganosos" porque, denunciou, o obxectivo da Xunta é "un máximo de 60% de presencialidade". 

  Gonzalo Caballero cre que foi o traballo da oposición e a mobilización cidadá e do persoal sanitario o que fixo "rectificar" a Feijóo para retomar a presencialidade

  Poa súa banda, Gonzalo Caballero, líder do PSdeG, considera que foi o traballo da oposición e a mobilización cidadá e do persoal sanitario o que fixo "rectificar" a Feijóo para que se retomase a presencialidade. Con todo, pediu á Xunta medidas para "fortalecer" os cadros de presoal da sanidade pública porque "os anuncios non chegan para paliar as litas de espera". 

  “As citas telefónicas simplemente son unha escusa para agochar as listas de espera en  Primaria”, dixo Caballero, que reclamou medidas que freen esperas que chegaron ata os 26 días na Atención Primaria.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados