E-distrito

Noticias

Secas+contaminación: un cóctel que incrementa o risco de mortalidade en Galicia

Secas+contaminación: un cóctel que incrementa o risco de mortalidade en Galicia

  A tese de Coral Salvador, da UVigo, aborda por primeira vez en Europa os efectos da seca na mortalidade diaria por causas circulatorias e respiratorias

  29 xuño 2021

  Na súa tese de doutoramento, Coral Salvador, investigadora do grupo de investigación Ephyslab (Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo) abordou “por primeira vez en Europa, e en particular sobre a península ibérica, os efectos das secas na mortalidade diaria por causas naturais, causas circulatorias e respiratorias”. Entre os resultados obtidos sinálase que, en xeral, o impacto destes eventos na mortalidade explicouse principalmente polo seu efecto no aumento da contaminación e as ondas de calor e que particularmente en España, no período estudado (2000-2009), observouse unha maior incidencia sobre os decesos por causas respiratorias.

  A tese estivo dirixida polas profesoras Raquel Nieto (do Grupo Ephyslab CIM-UVigo) e por Cristina Linares (do Instituto Carlos III de Madrid). Foi defendida este curso académico no marco do Programa de Doutoramento de Auga, Sostibilidade e Desenvolvemento do Campus Auga. A tese consta de cinco artigos publicados en revistas especializadas de maior impacto no seu campo de investigación e neles a relación entre secas e decesos foi analizada dende un punto de vista rexional ata nacional, controlando nas estatísticas os dous factores climáticos máis asociados a eventos de seca como son as ondas de calor e a polución atmosférica e incluíndo para Lisboa unha profunda análise por idade e xénero.

  Citando o informe de Lancet sobre clima e saúde, Coral Salvador lembra que “a Organización Mundial da Saúde estimou que en 2012 preto de 12,6 millóns de mortes (23% de todas as mortes no mundo) foron atribuíbles a factores ambientais modificables, dos cales moitos deles poderían estar influenciados polo cambio climático ou estar relacionado con forzas impulsoras del”.

  Estas cifras, sinala, constatan que “a investigación sobre relación de factores climáticos sobre a saúde debe de ser un tema prioritario para os servicios públicos de saúde, sobre todo tendo en conta que o cambio climático xa observado e o previsible actuarán como factor multiplicador da ameaza á saúde global”. Entre todos estes fenómenos, a seca, engade esta egresada en Bioloxía, “afecta a un maior número de persoas en comparación con calquera outro evento climático, provocando unha ampla gama de impactos en diversos sectores”.

  Así, no campo da saúde pública está asociada a un maior risco de morbilidade e mortalidade a través do seu impacto sobre o medio ambiente e os ecosistemas, a través da diminución da dispoñibilidade e calidade da auga, a redución da produción de alimentos, as perdas económicas importantes, a redución da calidade do aire e o aumento do risco de incendios forestais. Neste contexto, sinala a investigadora, a península ibérica é “unha rexión ideal” para realizar os seus efectos, pois as secas constitúen un problema “moi importante” na actualidade e agárdase un “aumento notable” na súa frecuencia e gravidade.

  España, Galicia e Lisboa

  Na tese, Coral Salvador realizou estudos de series temporais utilizando modelos lineais xeralizados para determinar o risco relativo de mortalidade coas secas para cada unha das provincias de España e para o distrito de Lisboa, en Portugal, variando os períodos de estudo en función da dispoñibilidade de datos. Para as provincias da España peninsular (período 2000-2009), na investigación sinálase que se observou un maior impacto sobre a mortalidade por causas respiratorias. “Ao longo do territorio vimos unha clara heteroxeneidade en termos de impacto, sendo as provincias situadas ao oeste (Galicia, Castilla y León e Extremadura) as máis afectadas, mentres que a rexión mediterránea costeira foi a menos afectada. Ademais, no noroeste houbo un incremento significativo do impacto da seca sobre a mortalidade por causas respiratorias cando esta foi medida para escalas temporais a curto-medio prazo (tres meses)”, apunta a autora do estudo.

  En xeral, para toda España, recóllese na investigación, “cando se controlou o efecto das ondas de calor e a contaminación atmosférica, os principais resultados indican que para un número considerable de provincias o impacto da seca explicouse principalmente polo efecto do aumento da contaminación atmosférica (e nalgúns casos tamén polo efecto das ondas de calor), fenómenos frecuentemente asociados a eventos de seca”. Porén, engádese, “é destacable que para algunhas provincias a mortalidade diaria non se explica por ningunha destas dúas variables, o que indica que ademais destes dous factores existen outros efectos que non foron estudados nesta tese que afectan á mortalidade e que están ligados ás secas, como poden ser as ondas de frío no inverno”. Cabe destacar, apunta Coral Salvador, que nas provincias do Levante (Comunitat Valenciana e Murcia) non se atopou asociación algunha entre secas e decesos polas causas analizadas. Xa desde un punto de vista demográfico, a tese inclúe que “nas rexións cunha maior proporción de poboación envellecida reflectiuse o maior risco de mortalidade diaria vinculado a eventos de seca”.

Risco relativo polo efecto das secas e consecuencias asociadas, segundo un gráfico usado na tese. foto: duvi.
Risco relativo polo efecto das secas e consecuencias asociadas, segundo un gráfico usado na tese. Foto: Duvi.
.

  No estudo específico levado a cabo sobre Galicia (de 1983 a 2013), a investigadora sinala que “os eventos de seca asociáronse cun risco de mortalidade maior por causas circulatorias e respiratorias, en comparación co observado para a mortalidade por causas naturais (todas as causas de morte excepto accidentes)”. Con todo, apunta, “houbo marcadas diferenzas entre o obtido para as rexións do interior e as costeiras”. Ademais, engade Coral Salvador, en xeral o impacto asociouse principalmente a un nivel de severidade alto de seca para estas provincias de interior. “En particular, Pontevedra contabilizou o menor número de días de seca e non se evidenciou ningunha asociación estatisticamente significativa entre a ocorrencia de secas e mortalidade. En Ourense o impacto da seca explicouse principalmente polo efecto da contaminación atmosférica”, afirma a responsable do estudo.

  Para completar a análise peninsular Coral Salvador abordou o efecto das secas no distrito de Lisboa. “Neste estudio evidenciouse que os adultos de maior idade (de 65-74 ano e con idade maior ou igual a 75) son os máis fortemente impactados. En contraposición, nos adultos de entre 45-64 anos non se atopou unha asociación significativa entre a ocorrencia de eventos de seca e mortalidade diaria. Atendendo ao xénero, os homes foron máis fortemente afectados”, sinala por último a investigadora da UVigo.


ReferenciaEffects of droughts on daily mortality in Iberian Peninsula: risks and vulnerability.

  Derivado de GCiencia.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados