E-distrito

Noticias

O éxito da economía circular: adeus botellas e latas grazas ao programa de reciclaxe de Finlandia.

O éxito da economía circular: adeus botellas e latas grazas ao programa de reciclaxe de Finlandia.

  A taxa de reciclaxe de botellas e latas supera xa o 90%. Rusia e Reino Unido xa amosaron interese no sistema finés.

  21 xuño 2021

  O sistema finlandés de devolución de envases de bebidas foi posto en marcha na década de 1950 e hoxe en día as botellas e latas retornadas recíclanse practicamente na súa totalidade. A comodidade é a pedra angular do seu éxito. Só en 2020, os habitantes de Finlandia retornaron máis de dous mil millóns de botellas e latas, o 93% do total comprado no país. Os factores que o fan posible son as máquinas automáticas de devolución de envases, desenvolvidas hai décadas, así como a ampliación que se fixo do sistema na década dos 2000 para poder incluír as botellas de plástico. 

  A directiva da UE referente aos plásticos dun só uso centrouse especialmente na reciclaxe de botellas e a sustentabilidade. Aprobada por abafadora maioría no Parlamento Europeo en 2019, a directiva estipula que para 2029 o 90% das botellas de plástico para bebidas haberán de ser recicladas. Como xa hai anos que Finlandia superou con fartura esa meta, o seu sistema está a atraer a atención como unha posible solución que podería ser utilizada noutros países. A reciclaxe das botellas e as latas aforra enerxía e materias primas, e tamén reduce os residuos en cidades e espazos naturais. Os envases de bebidas incorpóranse á economía circular, xa que os seus compoñentes son reciclados e reutilizados en novos envases e noutros produtos. 

  Para a fabricación de latas a partir de aluminio reciclado só é necesario un 5% da enerxía requirida para fabricalas desde cero. Do mesmo xeito, a fabricación de vidro a partir de vidro reciclado consome un 30% menos de enerxía que a fabricación de vidro desde cero. (Estas estatísticas foron extraídas do sitio web de Palpa, a empresa sen ánimo de lucro que xestiona as operacións de reciclaxe de latas e botellas en Finlandia). 

  Como funciona 

  Os primeiros programas de reciclaxe de botellas remóntanse aos anos 50. En toda Finlandia hai actualmente unhas 5000 máquinas de devolución de envases, a maioría das cales están situadas nas mesmas tendas e quioscos que venden as bebidas, o que facilita que a xente os devolva como parte da súa rutina habitual. Os hoteis, restaurantes, oficinas, centros educativos e organizadores de eventos devolven os envases a través dos seus provedores de bebidas. Cada vez que alguén compra unha bebida embotellada ou en lata, paga un depósito de entre 15 e 40 céntimos. O sistema inclúe as bebidas alcohólicas, os refrescos e a auga embotellada, xa se trate de latas de aluminio, botellas de vidro ou botellas de plástico PET. 

  Usar as máquinas de retorno é moi sinxelo. Introdúcese o envase pola apertura frontal, e colócase tombado sobre as cintas transportadoras en miniatura, que o arrastran e pásano por diante dun escáner, tras o cal o envase pérdese de vista. A máquina clasifica as botellas e esmaga as latas. Para terminar, só hai que pulsar un botón e a máquina emite un recibo. As botellas de plástico valen entre 20 e 40 céntimos, segundo o seu tamaño, as de vidro valen entre 10 e 40 céntimos e as latas de aluminio 15 céntimos. Os envases retornados recíclanse ou os seus materiais reutilízanse. Ao presentar o recibo da devolución na caixa da tenda, devólvenche o diñeiro en efectivo, ou che descontan a cantidade do importe da túa compra. Palpa procesa 360 millóns de euros ao ano en concepto de depósito polas botellas. 

  Toneladas e toneladas de botellas e latas

  Ao longo e ancho de Finlandia a media de devolución das latas é de 44 por segundo, fronte ás 17 botellas de plástico por segundo e as 4 botellas de vidro por segundo. En 2020 a taxa de devolución foi do 94% para as latas de aluminio (dos 1400 millóns vendidos), do 92% para as botellas de plástico (de 530 millóns) e do 87% para as botellas de vidro (de 133 millóns). De media, cada habitante de Finlandia devolve 373 artigos ao ano: 251 latas de aluminio, 98 botellas de plástico e 24 botellas de vidro. 

  O goberno confiou esta tarefa ao sector privado. «Palpa funciona sen ánimo de lucro e non recibe financiamento do goberno», explícanos Tommi Vihavainen, director de servizos aos produtores, TIC e comunicación de Palpa. Entre os propietarios da empresa están os grandes produtores de bebidas Olvi, Sinebrychoff e Hartwall, e outras 200 empresas aproximadamente, que pagan cotas de afiliación. Estas empresas e os propietarios de Palpa quedan exentos de pagar o imposto sobre os envases das bebidas que producen. O volume de negocios de Palpa ascende a uns 80 millóns de euros, xerados pola venda de material, as taxas de reciclaxe e os cargos por envases non retornables. A empresa utiliza o diñeiro para manter o sistema en funcionamento. 

  Rusia e o Reino Unido, entre outros países, xa mostraron o seu interese polo sistema finlandés. «A maioría dos nosos visitantes queren ver como funciona o sistema de devolución en Finlandia», di Vihavainen. «Non somos consultores, pero estamos orgullosos de dalo a coñecer». 

  Manter a cidade limpa 

  Calquera botella que a xente deixase na rúa ou nun parque será recollida por alguén que a devolverá a cambio do diñeiro do depósito. A cidade de Helsinqui deuse conta de que os recolectores non oficiais facilitan moito a vida da cidade cando hai grandes celebracións, como Vappu (30 de abril e Primeiro de Maio), durante as cales a miúdo se celebran pícnics nos parques públicos. «Só recollemos as botellas de viño espumoso», comenta Elina Nummi, xestora de proxectos de medio ambiente urbano da cidade de Helsinqui. Son as máis grandes e pesadas, e tamén son moi populares en Vappu. «Os recolectores independentes de contedores levan o resto. Ademais, nos nosos puntos de recollida regalamos unha entrada de cinema por cada 20 botellas de viño que nos traian. Un ano chegamos a entregar 1500 entradas». Iso son 30 000 botellas, así que debeu de ser unha festa por todo o grande. 

  Como non estaban dispostos a permitir que a reciclaxe de botellas se convertese nunha dor de cabeza, os organizadores de eventos comerciais tamén lle plantaron cara sen ambaxes. Exemplo diso é o Flow Festival de Helsinqui, ao que adoitan asistir máis de 70 000 visitantes durante tres ou catro días repletos de concertos, e que constitúe o maior evento deste tipo en Finlandia. O seu sistema de depósito de botellas anima aos asistentes a que se aseguren de que as súas botellas se reciclan correctamente, e non queden por aí, nin se tiren nos contedores de lixo equivocados. A encargada de prensa do Flow, Susanna Hulkkonen, di que todas as botellas que se venden nas instalacións son reabsorbidas. «No prezo da bebida vai incluído un depósito: unha botella de viño ou champaña custa dez euros, e o resto, un euro», di. Pódese devolver a botella no punto de venda e recuperar o depósito, ou podes doar a cantidade levando a botella á caseta da Asociación Finlandesa para a Conservación da Natureza, situada no mesmo recinto do festival.

  Derivado de Finland.fi

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados