A superficie agraria útil apenas supera 20% do territorio, o que supón unha das porcentaxes máis baixas de Europa.
15 xuño 2021
Foi un dos temas denunciados esta segunda feira en Lisboa na mobilización que decorreu na capital portuguesa convocada por Vía Campesiña co gallo da xuntanza do consello de ministros e ministras de Agricultura da UE: a perda de superficie agraria útil, a mingua de terreos produtivos. Un tema que atinxe tamén a Galicia.
A superficie útil en Galicia, e como lembrou o Sindicato Labrego Galego nesa mobilización con presenta de organizacións de diferentes países é de menos de 21%, porcentaxe que contrasta coa media de 47% que ten o Estado español e do 40% que hai na Unión Europea. En Alemaña ou Francia supera ese 40%, por poñer dous exemplos.
Entre 2007 e 2017 Galicia perdeu 17% das súas hectáreas agrarias. De 748.000 pasamos a 621.000, segundo datos do INE. Unha perda que engadir á sufrida en anos anteriores. De 1985 a 2005, a superficie agraria útil (SAU) do noso país perdeu perto de 150.000 hectáreas. Os motivos disto? Desde o abandono até a forestación, pasando pola propia estrutura de minifundios.
A UE, ademais, marcou como obxectivo que 25% da superficie agraria útil fose de produción ecolóxica, unha porcentaxe que na Galiza non supera o 4%.
Futuro
En dez anos Galicia perderá un terzo da súa superficie de cultivo. Esta é a advertencia que se fixo o ano pasado desde o Centro Común de Investigación da UE, servizo interno científico da Comisión Europea: en 2030, os terreos agrícolas do noso país serán 35,5% menos que agora.
Os científicos da Comisión sinalan Galicia como o territorio do Estado que máis vai sufrir esta perda de superficie de cultivo. Fai un desglose por provincias e sitúa tres (Lugo, A Coruña e Ourense) como as 3 primeiras do Estado español en perder terreos agrícolas. Pontevedra figura en quinta posición.
Así, e segundo o informe elaborado polo Centro Común de Investigación, nunha década Lugo terá 44%% menos de superficie agraria, A Coruña perderá 42% e Ourense 30%. Pontevedra, case 26%.
Derivado de Nós Diario.