E-distrito

Noticias

Xanceda: cando o modelo eólico ameaza a granxa modelo

Xanceda: cando o modelo eólico ameaza a granxa modelo

  "De ir para adiante o parque eólico, dous aeroxeradores, liñas de alta tensión e unha subestación eléctrica ocuparían terreos da Casa Grande de Xanceda"

  11 xuño 2021

  Casa Grande de Xanceda é o segundo maior produtor ecolóxico do Estado e o primeiro de Galicia. Nas súas 200 hectáreas de prados e bosques autóctonos pacen máis de 300 vacas e co seu leite elabóranse todo tipo de produtos lácteos dunha gandería que, en 2002, foi unha das primeiras en certificarse oficialmente como ecolóxica. 

  Entre outros requisitos para este selo ecolóxico, a explotación de Mesía cumpre co veto aos produtos e abonos químicos, co benestar animal e co mínimo dunha hectárea de prado por cada dúas vacas. Pode que axiña haxa menos. "De ir para adiante o parque eólico, dous aeroxeradores, liñas de alta tensión e unha subestación eléctrica ocuparían terreos da Casa Grande de Xanceda", advirten fontes da empresa. "Iso só é unha parte do enorme impacto que provocaría", engaden. 

  Refírense a "ameaza" que din que representa un dos catro parques proxectados case de maneira contigua entre aldeas de Ordes e Mesía, nos que se prevén 21 muíños duns 200 metros de altura entre diferentes núcleos de poboación. É o que desde Casa Grande de Xanceda e o colectivo Aldeas Libres de Macroeólicos definen como unha única instalación, o macroparque Ordes-Curtis, impulsado pola empresa Green Capital Power, "cuxo interese é unicamente especulativo". 

  Un dos parques deste macroconxunto, o de Gasalla, componse de sete muíños, algún a só uns 870 metros da sede principal do complexo Casa Grande de Xanceda, sinalada como paradigma de negocio respectuoso e implicado coa contorna, gabada pola Xunta polo seu "efecto demostración" para o medio rural e destacada por Feijóo por ser un exemplo de explotación ecolóxica.

  "O parque previsto supón unha ameaza directa á Casa Grande de Xanceda e aos 50 postos de traballo directos, o 60% mulleres", explican fontes da gandería, que aclaran que mesmo logrando que a instalación eólica non invadise finalmente os seus terreos, o modelo "deixaría de ser viable". "Como se concibe unha granxa ecolóxica toda rodeada de eólicos? Sería unha catástrofe", advirten. E non só para eles. 

  "Opoñémonos a todos estes macroparques na comarca, ao igual que se opoñen a veciñanza e os propios Concellos", insisten, apoiando demandas como as que o pasado sábado reivindicaron máis dun cento de colectivos de toda Galicia nunha importante manifestación en Santiago por unha mudanza no modelo eólico da Xunta. 

  As liñas de alta tensión atravesarían os terreos da explotación gandeira, onde se situaría tamén unha subestación, mentres que varios do aeroxeradores quedarían ao pé de varios dos prados ou mesmo, nalgún caso, sobre eles. "Sería unha expropiación, pero non vai haber negociación porque o proxecto vai contra a nosa razón de ser", din desde a explotación gandeira. 

  "Mesmo se conseguíramos que nos afastasen 1 ou 2 quilómetros os muíños, continuaríamos involucrados na loita e en poñer todos os nosos recursos, humanos e económicos, contra estes proxectos; non queremos na zona unha industria que ten demasiados impactos negativos como para poder palialos", di con contundencia Victoria Armesto, avogada e unha das socias de Casas Grande de Xanceda. 

  "Todos estes proxectos eólicos son incompatibles coa nosa forma de ser, coa nosa política de empresa, co noso respecto á natureza e aos animais, que é a orixe de todo o que facemos despois; se non coidamos a nosa contorna, somos os primeiros prexudicados", engade sobre a filosofía dunha explotación onde se plantan cada ano 400 árbores autóctonas, onde aniñan especies de paxaros que están a desaparecer en Galicia ou onde se aplican diferentes métodos para mellorar a biodiversidade da zona. "Respectamos a arquitectura tradicional, pintamos con cores axeitados á contorna... E vannos chantar diante muíños de 200 metros de altura?", pregúntase. "Non ten sentido".

  Victoria Armesto amosa a súa decepción cuns proxectos que, cre, non teñen en conta á veciñanza nin ás iniciativas que apostan polo campo, e denuncia a "cegueira" da Xunta ao non se decatar de que "a comunidade rural non quere máis aeroxeradores". Así, destaca a mobilización do pasado sábado e apoia as demandas de moreas de colectivos para que a Administración poña freo ao que consideran unha "invasión". Só nas comarcas que rodean Santiago, prevense máis de vinte parques cun total de máis de 200 muíños. 

  Casa Grande de Xanceda, que foi sinalada como exemplo empresarial e do bo facer no rural pola Xunta, ve agora ameazada o seu futuro co modelo eólico

  "Mobilizar tanta xente do rural nunha manifestación, coa dispersión que hai nestas zonas e coas dificultades que iso supón sempre, demostra non só que hai moitas persoas afectadas, senón que hai unha preocupación social grande", engade Armesto, que insiste non só no "impacto" do parque máis achegado ao seu negocio, senón no que supón este modelo eólico para esta comarca e para moitas máis de Galicia: perda de superficie agrícola e de valor patrimonial, impacto sobre o benestar animal e o propio gando, ruído, afectación á saúde, impacto psicolóxico, despoboamento...

  Sobre o parque de Gasalla, en Casa Grande de Xanceda destacan que, por exemplo, haberá aldeas que quedarán cercadas por macromuíños de vento, algúns deles a só quilómetro e medio dun colexio público e a pouco máis de 1 quilómetro da piscina municipal. 

  Malia a tardanza en poder acceder aos expedientes e á falta de información, os responsables da Casa Grande de Xanceda están a presentar xa alegacións aos parques e pendentes de seguir presentando e reclamando documentación para evitar o que, advirten, suporía un golpe practicamente definitivo ao seu proxecto. 

  Precisamente, no pleno do Parlamento do pasado luns, o deputado do BNG Luís Bará chamou a atención sobre o que considera toda unha contradición da Xunta: pular por iniciativas exemplares como a de Xanceda e poñelas en perigo polo que considera "unha invasión eólica que ameaza o medio rural galego" grazas a unha planificación "aberrante". 

  Cun envase de leite de Xanceda nunha man e un iogur na outra, Bará advertiu de "produtos de excelencia do rural galego" que "se ven ameazados por un parque eólico e unha subestación eléctrica". "Isto é o que a Xunta está facendo nunha aldea modelo de verdade e non das de propaganda", asegurou o deputado nacionalista, que acusou o Executivo galego de "gobernar ao servizo das grandes empresas do lobby enerxético e non defender a xente e o rural deste país". 

  "O plan eólico vixente é contra o rural e contra natura. Pode levar á expulsión do rural de moita xente que ten alí os seus proxectos de vida e traballo", rematou tras incidir na "ameaza" que xorde agora sobre Casa Grande de Xanceda, un exemplo, cre, dunha iniciativa exemplar que se ve posta en perigo. 

  Segundo as numerosas plataformas e entidades xurdidas contra os macroproxectos eólicos, son xa perto de 200 os parques que están en tramitación por parte da Xunta e do Estado en Galicia, que supera os cen concellos con parques e os 4.000 aeroxeradores nos montes do país, que conta co 14% da potencia eólica instalada no Estado.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados