E-distrito

Noticias

2.000 persoas reclaman que o galego se poida empregar "en todo e para todo".

2.000 persoas reclaman que o galego se poida empregar "en todo e para todo".

  Pontón lembrou que o galego é a única lingua do estado que perde falantes e Caballero destacou o retroceso entre a mocidade e a necesidade de apoio das administracións.

  18 maio 2021

  Milleiros de persoas, arredor de 2.000, concentráronse este luns na Praza do Obradoiro de Compostela para reclamar, unha vez máis, o "dereito a vivir en galego" no país e demandar unha mudanza na política lingüística da Xunta para deter a perda de falantes. 

  Logo de non se celebrar o ano pasado pola COVID este xa tradicional acto reivindicativo, a plataforma Queremos Galego recuperou a mobilización na que se reclamou "que se recoñeza plenamente o mesmo dereito que ten calquera outro cidadán en calquera outro lugar do mundo nunha lingua oficial".

  Foi o que pediu o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e voceiro da plataforma, Marcos Maceira, que lamentou que logo de 40 anos de autonomía, o galego sexa "aínda hoxe unha lingua só aparentemente oficial, pero que non se pode empregar en todo e para todo".

  "Non é unha lingua plenamente oficial aquela que está excluída da xestión sanitaria en plena pandemia,excluída de practicamente todos os contidos audiovisuais, e cun emprego arbitrario, en función do que diga o funcionariado, na Administración pública", lembrou nun acto no que as persoas inscritias para participaren distribuíronse por toda a praza respectando as distancias de seguridade.

  Entre os asistentes, os líderes de BNG e PSdeG, así como outros membros dos partidos e representantes municipais e sindicais. Así, a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, reclamou "un cambio de rumbo nas políticas lingüicidas" postas en marcha polo PP desde o Goberno galego e "abrir unha nova etapa para o galego e desconfinalo" porque "o futuro do galego é tamén o futuro dunha Galicia máis forte".

  Pontón lembrou que o galego "é a única lingua que perde falantes no Estado" e sinalou un informe da Real Academia Galega (RAG) que "certifica que o decreto da vergoña impide a miles de novos ter competencia lingüistica en galego". 

  Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, dixo que o galego é "unha lingua viva que necesita apoio e discriminación positiva desde as políticas da Xunta", así como para o propio sector cultural que precisa "apoio e estímulo" para recuperar os niveis de antes da crise.

  Caballero destacou o "retroceso" no uso do galego por parte da mocidade do que advirten as institucións europeas e considerou que parao futuro deste idioma é "fundamental que nenos e nenas sentan amor pola lingua" polo que insistiu nunha discriminación positiva para que poidan "ver tele, cine, ler, ter videoxogos en galego e pór en valor esta lingua".

  A concentración terminou coa lectura dun manifesto por parte de Marcos Maceira, quen asegurou que era necesario "volver á rúa" con esta convocatoria para clamar por ter un "dereito real e exercible a vivir en galego" e citou a Xela Arias, a autora homenaxeada este ano.

  "Quere iso dicir que un pobo que se alonxa do seu idioma alónxase da súa cultura", advertiu usando as palabras da poeta, antes de reclamar que o galego poida ser unha lingua dispoñible "en todo e para todo". 

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados