E-distrito

Noticias

Chegan as boas novas sobre a COVID: cada vez menos mortes, sen positivos nas residencias e a poboación maior, protexida

Chegan as boas novas sobre a COVID: cada vez menos mortes, sen positivos nas residencias e a poboación maior, protexida

  Nas últimas semanas, en paralelo co avance do proceso de vacinación en Galicia, os indicadores achegan unha luz de optimismo e boas novas na pandemia.

  20 abril 2021

  A pandemia de Covid-19 deixou en Galicia e no resto do mundo un rastro de mortes, hospitalizacións e de doentes que, mesmo superando a enfermidade, seguen a sufrir durante meses unha ampla serie de secuelas (a chamada Covid persistente) que os acompañarán aínda durante un tempo indefinido. A pandemia, ademais, está aínda lonxe de rematar, con incidencias moi elevadas nestes momentos en Sudamérica, India, Turquía ou boa parte de Europa e mesmo cunha sucesión de 200 novos casos cada día en Galicia. O número de persoas falecidas, 2.373 no noso país, rolda os tres millóns en todo o planeta, con máis de 120.000 contaxios confirmados en Galicia e máis de 141 millóns globalmente.

  Porén, nas últimas semanas, en paralelo co avance do proceso de vacinación no noso territorio, hai unha serie de indicadores que achegan unha luz de optimismo, boas novas no medio dunha pandemia que xa dura máis dun ano.

  No que levamos de mes de abril houbo 31 falecementos (e só 5 nos últimos 10 días), cifras moi inferiores ás de marzo 

  O primeiro e máis importante é a redución no número diario de falecementos relacionados coa Covid-19. Aínda que este luns, despois de catro días consecutivos sen mortes, houbo que sumar dúas novas defuncións, no que levamos de mes de abril houbo 31 falecementos (e só 5 nos últimos 10 días), cifras moi inferiores ás de marzo (104) e sobre todo ás 838 que deixou a terceira vaga en xaneiro e febreiro. Están tamén moi lonxe das defuncións rexistradas en decembro (189) e mesmo en setembro (104) ou outubro (166).

  Esta redución no número de falecementos está relacionada coa redución no número de contaxios e na caída da incidencia, situada nestes momentos en valores inferiores aos de decembro e mesmo aos que se rexistraban nas semanas anteriores ao inicio da segunda vaga, en setembro do ano pasado. Pero, ademais, chega despois de tres meses de avance do proceso de vacinación, que na actualidade protexe xa á maior parte da poboación máis vulnerable á enfermidade.

  As vacinas protexen xa ao 95,6% da poboación maior de 80 anos e ao 53,2% da poboación entre 70 e 79

  Nestes momentos ao redor do 27,5% da poboación galega maior de 16 anos recibiu cando menos unha dose das vacinas contra a Covid-19, que ofrece xa unha protección moi elevada contra os efectos máis graves da enfermidade. Esta porcentaxe de poboación protexida rolda o 95% nas persoas de 80 anos ou máis e supera o 53% nas persoas entre 70 e 79.

  Aínda que é certo que hai menos positivos, pero no que levamos de mes de abril produciuse unha morte por cada 100 casos de Covid-19, mentres que en marzo esta taxa era de 2,3, en febreiro de 3,2. Unha mostra do efecto protector das vacinas para os grupos de poboación máis vulnerables ante a enfermidade e con maior probabilidade de falecer despois dun contaxio.

  Nesa protección da poboación de maior idade (e outros grupos de risco) está unha das claves que explica a redución do número de falecementos. Ata agora, dende o inicio da pandemia, o maior número de falecementos dérase entre as persoas de máis de 90 anos (26,3%) e de 80 a 89 (44,2%), sumando máis do 70% das defuncións entre os dous grupos.

  Porén, no que levamos de mes de abril morreron en Galicia pola COVID máis persoas de menos de 80 anos (16) que por riba desa idade (15). Na seguinte gráfica obsérvase claramente como a porcentaxe de defuncións de persoas de 80 anos e máis vén descendendo dende o mes de xaneiro (70,4%), febreiro (66,3%), marzo (56,7%) ata o 48,4% dos primeiros 18 días de abril.

  Pola contra, no mes de marzo medrara a proporción de persoas falecidas entre 70 e 79 anos, que nese momento case non iniciaran o seu proceso de vacinación. De igual xeito, no que levamos de mes de abril chama a atención a importante proporción das defuncións de persoas entre 50 e 59 anos (grupo aínda non vacinado na súa maior parte), 6 das 31 mortes totais.

  A outra boa nova relacionada coa Covid nas últimas semanas é a redución ao mínimo do número de positivos detectados nas residencias de maiores e nos centros de atención á discapacidade. Levamos xa 11 días consecutivos sen ningún novo positivo entre os usuarios e usuarias e o persoal e dende o 21 de marzo, hai case un mes, só se rexistraron 4 casos.

  Levamos 11 días consecutivos sen ningún novo positivo entre o persoal e usuarios das residencias e dende o 21 de marzo, hai case un mes, só se rexistraron 4 casos

  O 15 de febreiro completouse a vacinación nestes centros, que nos primeiros meses da pandemia se converteron nun dos espazos con máis mortes asociadas á enfermidade. Dende entón, o número de casos rexistrados foi mínimo, reducidos a dous gromos específicos na residencia Santa Mariña de Xinzo de Limia (7 casos o 3 de marzo, 3 casos o 6 de marzo e 1 caso o 11 de marzo) e na residencia Coviastec Silleda (1 caso o 11 de marzo, 33 casos o 13 de marzo e 16 casos o 21 de marzo). Ademais, estes dous gromos foron moito menos virulentos que a maior parte dos que se rexistraban meses atrás.

  No último trimestre, estes centros pasaron de quintuplicar a incidencia do virus que se rexistraba no conxunto da poboación galega a igualala e despois, estar por baixo. Así mesmo, dende hai un mes non só non se producen falecementos, senón que nin sequera se detectan contaxios ou, cando menos, estes posibles contaxios non se traducen en síntomas.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados