E-distrito

Noticias

O Congreso aproba a lei do cambio climático; PPdG e BNG opóñense.

O Congreso aproba a lei do cambio climático; PPdG e BNG opóñense.

  A nova lei fixa limiares no uso de enerxías de orixe renovable, redución das emisións de efecto invernadoiro en 2030 e que os vehículos non comerciais vendidos dende 2040 estean libres de emisións.

  09 abril 2021

  A comisión de Transición Ecolóxica do Congreso dos Deputados aprobou este 8 de abril con competencia lexislativa plena -o que equivale á súa aprobación en pleno- o proxecto de Lei de Cambio Climático, promovido polo Goberno de España, que agora segue o seu trámite cara ao Senado. O texto saíu adiante por ampla maioría: 22 votos a prol, 5 en contra e tamén 10 abstención, as dos representantes do PP e tamén de Más País, aínda que por motivos diferentes. A abstención do PP contrasta coa posición do propio PP en Galicia e da propia Xunta, que nos últimos días asegurou que a súa vontade é recorrer o texto ante o Tribunal Constitucional.

  O amplo texto aborda moitos aspectos vinculados á prevención do quecemento global. Así, por exemplo, fixa o obxectivo de reducir un mínimo do 23% as emisións de efecto invernadoiro en 2030 a respecto das do ano 1990 ou que o sistema eléctrico do Estado estea apoiado nese mesmo ano nun mínimo do 74% de fontes renovables, como primeiro paso para chegar ao 2050 á neutralidade climática.

  A norma tamén marca obxectivos concretos para descarbonización do parque móbil e indica que, a partir de 2040, todos os vehículos non comerciais que se vendan terán que estar libres de emisións de dióxido de carbono, na liña do fixado pola normativa comunitaria. Nesta liña, en materia de mobilidade, todos os concellos con máis de 50.000 habitantes terán que ter zonas de baixas emisións como moi tarde en 2023 -no caso galego, as sete principais cidades-. 

  Plans de rehabilitación de vivendas para unha maior eficiencia enerxética ou normas para o desenvolvemento rural fan tamén parte dun texto que, no caso galego, veu acompañado de controversia por un artigo concreto, o 18. É o que atinxe ás concesións para actividades económicas na costa, isto é, para as empresas instaladas na zona de dominio público marítimo-terrestre. Nel centraron a súa oposición os populares en Galicia.

  O PP galego centrou a súa oposición á norma no artigo 18 por considerar que pon en risco a continuidade de ENCE en Pontevedra, factoría pendente dun ditame da Audiencia Nacional á que pon de exemplo para toda a industria situada na costa

  Na redacción que saíu adiante,  a lei do cambio climático establece que “os prazos de duración” das concesións previstas na vixente Lei de Costas "computaranse en todo caso desde o seu outorgamento e incluirán todas as súas prórrogas". Engade a continuación un matiz: "sendo nulos de pleno dereito os actos administrativos ditados en incumprimento do previsto neste artigo".

  Nos últimos meses, o PP galego vén defendendo que esta redacción pon en risco a continuidade de ENCE na ría de Pontevedra, permitida ata 2073 grazas á prórroga ditada en 2016 polo Goberno de Rajoy en funcións e actualmente pendente dun pronunciamento da Audiencia Nacional. Segundo os conservadores, a situación de ENCE é exemplo para todas as demais empresas situadas na costa que, defenden, pasarían a ter en risco as súas concesións porque o Goberno de España podería aplicar esas anulacións de xeito retroactivo.

  O BNG defendeu unha emenda para sinalar actividades económicas vinculadas ao mar como excepción; a ministra mantén que a lei non afecta ás "concesións xa outorgadas nin ás súas prórrogas legais"

  Durante o trámite parlamentario da lei, tamén o BNG puxo o foco nese mesmo artigo. A través do seu deputado Néstor Rego, o Bloque defendeu unha emenda que fixase como excepción á nova norma "actividades de acuicultura, depuración de marisco e calquera outra relacionada co sector mar-industria que teña carácter sustentable". Nestes "parámetros", sinalou Rego, "non entraría" ENCE, pero si outras actividades "tradicionalmente" ligadas ao mar. 

  A emenda foi rexeitada pola comisión cos votos dos grupos de Goberno (PSOE e UP), mais tamén cos votos en contra do PP, representado no debate por Diego Gago, deputado por Pontevedra. Gago reprocha que o Goberno "preferise apoiarse en partidos minoritarios e excluíntes" para aprobar a lei e "non no PP" e asegura que "algúns artigos expulsan a empresas" de España. Tamén defendeu, a respecto das zonas de baixas emisións, que "Madrid é a cidade máis avanzada de España en mobilidade sostible".

  Deste xeito, co obvio aval do Goberno e coa abstención do PP, segue adiante o trámite dunha norma que, defende o Ministerio para a Transición Ecolóxica, non atinxe directamente á continuidade ou non de ENCE porque está nas mans da Audiencia Nacional. Tampouco, vén asegurando a ministra Teresa Ribera, "non afecta a ningunha das concesións xa outorgadas nin ás súas prórrogas legais", polo que o PP en Galicia non debera "mentir" nin "asustar á xente". Este xoves, Alberto Núñez Feijóo reiterou que, se o texto chega ao BOE con esta redacción, ante a que o PP no Congreso optou pola abstención, a Xunta o recorrerá ante o Constitucional.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados