E-distrito

Noticias

A produción eléctrica con renovables en Galicia supera por si soa a demanda total por primeira vez na historia

A produción eléctrica con renovables en Galicia supera por si soa a demanda total por primeira vez na historia

  Galicia continúa exportando a outros territorios unha parte significativa da súa produción eléctrica. Facíao co carbón e continúa a facelo a través da enerxía eólica

  No ano 2020 Galicia tan só produciu 1.344 GWh a través da queima de carbón, case dez veces menos que no 2018. 

  05 abril 2021

  No ano 2020 Galicia produciu 24.553 xigavatios/hora (GWh) de electricidade, segundo os datos provisionais publicados por REE. Deles, a maioría procederon de fontes renovables, coma o vento (enerxía eólica) ou a auga (enerxía hidráulica). En concreto, foron 18.554 GWh de enerxía renovable, o 75,57% do total. Esta produción eléctrica renovable foi superior á demanda eléctrica galega, que se situou nos 17.383 GWh. É a primeira vez na historia que a produción con renovable é quen de cubrir por si soa o 100% da demanda.

  Isto foi así debido a un pequeno incremento na xeración con renovables, que pasou de 16.206 a 18.554 GWh, unido a unha diminución na demanda (de 18.449 a 17.383 GWh), posiblemente relacionada en parte co menor consumo eléctrico motivado pola pandemia de Covid-19, especialmente durante o confinamento da pasada primavera. No conxunto do Estado a demanda eléctrica descendeu un 5,6% e tamén se incrementou a produción con enerxías renovables.

Outro dato que chama a atención nos datos provisionais publicados por REE é a forte diminución da electricidade xerada a través da queima de carbón, despois do peche da central de Meirama e co horizonte da clausura definitiva, igualmente, da central das Pontes. No ano 2020 Galicia tan só produciu 1.344 GWh a través da moi contaminante queima de carbón nestas dúas centrais, unha cifra inferior aos 2.466 GWh de 2019 e, sobre todo, moi por debaixo dos 10.308 GWh de 2018.

  Aínda asi, Galicia continuou a ser excedentaria en enerxía eléctrica, pois produce moita máis electricidade da que consome e na actualidade é capaz de cubrir a súa demanda unicamente con fontes renovables. Estes datos desmenten así os agoiros das voces que nos últimos anos alertaron de que o peche das centrais de Meirama e As Pontes obrigaría a Galicia importar enerxía doutros territorios. Hai dous anos presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo afirmou que "pechar as centrais térmicas de Meirama e As Pontes supón automaticamente que Galicia produce menos enerxía da que consume".

  Galicia é unha das comunidades autónomas do Estado Español nas que a enerxía xerada con fontes renovables representa unha parte máis importante da produción. Mentres que no conxunto de España as enerxías renovables supuxeron no ano 2020 un 44% da produción total (grazas a un importante incremento nese exercicio), en Galicia a proporción supera o 75%.

  Non é, ademais, unha novidade. Dende o 2013 todos os anos -agás o 2017- a produción eléctrica con renovables foi máis importante que a produción eléctrica con fontes non renovables. De feito, nos anos 2013 e 2014 Galicia xerou con renovables 19.572 e 18.587 GWh, unha cantidade superior á do ano 2020.

  A produción eléctrica con renovables está suxeita a unha maior inestabilidade especialmente a enerxía hidráulica, ao depender de determinadas condicións climáticas para acadar o seu rendemento máximo. A enerxía hidráulica reduce moito a súa produción en anos de seca, como foi o 2017. O mesmo sucede, aínda que en menor medida, coa enerxía eólica, que depende da presenza do vento. 

  O mix eléctrico galego experimentou nos últimos anos unha gran transformación, especialmente polo incremento da enerxía eólica, que pasou de representar algo menos do 30% entre 2011 e 2015 a superar o 40% o pasado ano; e, igualmente, pola tendencia á desaparición da enerxía térmica de carbón, que entre 2011 e 2018 se moveu entre o 29% e o 43% e que no 2020 achegou unicamente o 6% da enerxía total.

  A enerxía hidráulica moveuse entre o 13% e o 33%, por mor da devandita variabilidade ligada ás condicións climáticas. As caídas na produción hidroeléctrica, antes cubertas por incrementos na produción de enerxía xerada coa queima de carbón, nos últimos dous anos comezaron a ser cubertas polos ciclos combinados, que empregan a queima de gas natural para a produción eléctrica e que nos últimos dous anos se converteron na terceira fonte de enerxía en Galicia, chegando ao 14% en 2019 e ao 9% en 2020.

  Galicia continúa exportando a outros territorios unha parte significativa da súa produción eléctrica. Facíao coa estrutura de xeración de enerxía existente ata hai uns anos e na que a produción nas centrais térmicas de carbón era moi importante. E faino tamén coa nova estrutura, na que as fontes renovables, especialmente a enerxía eólica, medran cada vez máis. Prevese, ademais, que a enerxía eólica continúe a medrar nos vindeiros anos, coa creación de novos parques e a repotenciación de moitos dos actualmente existentes.

  No ano 2020 o "saldo de intercambios" de Galicia acadou unha cifra aínda máis elevada que no ano 2019, con case 7.000 GWh de diferenza entre a enerxía eléctrica producida e a consumida. Galicia é a cuarta comunidade autónoma que exporta máis electricidade, por detrás de Estremadura, Castela-A Mancha e Castela-León e con cifras moi semellantes ás de Aragón.

  Derivado de "Praza.gal".

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados