E-distrito

Noticias

A vacina de AstraZeneca inocularase a toda a poboación menor de 65 anos

A vacina de AstraZeneca inocularase a toda a poboación menor de 65 anos

  A vacinación con estes viais será retomada mañá mércores. 

  23 Marzo 2021

  A Comisión de Saúde Pública decidiu nesta segunda feira ampliar en dez anos o rango de persoas que recibirán a vacina de AstraZeneca, até os 65 anos, após valorar a medida nun pleno extraordinario do Consello Interterritorial.

  O Ministerio de Sanidade agardaba, antes de tomar a decisión definitiva, polos resultados do ensaio de fase III que veñen de realizar nos EUA as e os responsábeis deste fármaco.

  As conclusións extraídas reflicten unha eficacia en maiores de 65 anos de 80%, e de 79% na prevención da Covid e de 100% para evitar o desenvolvemento dunha enfermidade grave e a consecuente hospitalización.

  Unha semana de paro

  A pasada semana suspendeuse a inoculación destes viais na Galiza tras facerse público que a Axencia Europea do Medicamento (EMA, en inglés) e a Organización Mundial da Saúde (OMS) estaban a estudar un posíbel nexo causal entre a vacina e os episodios de trombose que experimentaron algunhas persoas que a recibiran. Porén, ambas as organizacións aclararon que segue a ser "segura e eficaz" e que os seus beneficios "superan abondo" os riscos.

  Así mesmo, non se demostrou polo de agora que exista relación algunha cos trombos detectados. Consecuentemente, a vacinación cos viais de AstraZeneca retomarase na cuarta feira, mais as autoridades sanitarias reforzarán os protocolos: a ficha técnica da vacina incluirá indicacións sobre esas posíbeis tromboses, principalmente en persoas menores de 55 anos e mulleres.

  Ademais, remitirase ás e os profesionais sanitarios unha misiva a respecto sobre os síntomas que deben tomar en consideración após inocular cada unha das doses.

  A Xunta defende a medida

  O Goberno galego deu na segunda feira o seu visto bo á decisión de inocular esta vacina ás persoas de até 65 anos. Por outra banda, cómpre lembrar que o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, adiantou na pasada sexta feira que non se chamará, de momento, ás persoas que a rexeitaron: "Hai que distinguir entre as que non quixeron vacinarse por motivos persoais e aquelas ás que a mensaxe non lles chegou, ás que é fundamental volver citar", dixo, en alusión ao "fallo" detectado hai dúas semanas no sistema de citación.

  Derivado de Nós Diario.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados