E-distrito

Noticias

A galega Yolanda Díaz será vicepresidenta do goberno de España.

A galega Yolanda Díaz será vicepresidenta do goberno de España.

  Pablo Iglesias volta á Madrid para postularse como candidato para as eleccións que Díaz Ayuso convocou para o 4-M tras a crise con Ciudadanos.

  15 marzo 2021

  A política rexional madrileña asolaga dende a semana pasada a estatal máis do que viña sendo habitual por mor da convocatoria de eleccións anticipadas decidida pola presidenta desa comunidade autónoma, Isabel Díaz Ayuso, que deu en romper o seu bipartito con Ciudadanos no marco da quebra de relacións deste partido co PP en varios territorios. Dende este luns, ese asolagamento acada cotas inéditas tras o anuncio do líder de Podemos e ata agora vicepresidente segundo do Goberno de España, Pablo Iglesias, de que abandona o Executivo central para concorrer ao proceso autonómico madrileño.

  Como adiantou en exclusiva La Vanguardia e despois confirmou o propio líder de Podemos a través dun vídeo, Iglesias volve a Madrid, onde xermolou o seu partido na década pasada, e faino postulándose para encabezar unha candidatura conxunta das formacións madrileñas á esquerda do PSOE (Más Madrid, IU e Podemos). Isto implicaría, entre outras derivadas, un acordo coa formación creada como escisión do propio Podemos con Íñigo Errejón á fronte. Alén da vaga expansiva que este movemento teña naquela rexión, a que provoca en clave estatal non o é menor e ten no centro o nome dunha dirixente galega: a ministra de Traballo, Yolanda Díaz.

  Na mensaxe á militancia de Podemos na que anuncia a súa decisión, Iglesias sinala a Díaz nunha dobre vertente, a gobernamental e mais a orgánica. Así, aposta por quen fora elixida deputada por Galicia en Común como nova vicepresidenta segunda do Goberno de España, ascenso no Executivo que combinaría co mantemento da carteira de Traballo e Economía Social. Mentres, as competencias de Dereitos Sociais, ministerio actualmente encabezado por Iglesias, serían asumidas pola actualmente secretaria de Estado Ione Belarra.

  O ata agora vicepresidente sinala a ministra de Traballo como substituta na vicepresidencia do Goberno que encabeza Pedro Sánchez e aléntaa como aspirante a cabeza de cartel por Unidas Podemos nas vindeiras xerais

  Defende Iglesias que, tras algo máis dun ano de Goberno de Coalición, Unidas Podemos está  "consolidar de forma evidente os liderados de compañeiros e, sobre todo, de compañeiras que teñen un inmenso futuro por diante". Este é, asegura, "especialmente" o caso de Díaz, a quen define como "mellor ministra de Traballo da historia" de España. 

  Por ese labor, considera, "creo que digo algo que senten millóns de persoas de esquerdas en toda España se digo que Yolanda Díaz pode ser a próxima presidenta do Goberno de España". E por esa razón tamén apunta á política ferrolá como posible cabeza de cartel da coalición de Podemos e Izquierda Unida na seguinte convocatoria estatal: "Temos que animar e que apoiar a Yolanda para que se ela así o decide e así o quere a militancia das nosas organizacións sexa a candidata de Unidas Podemos nas próximas xerais e a primeira presidenta do Goberno de España”, defende.

  Asegura Pablo Iglesias que impulsa este xiro orgánico e gobernamental dende o convencemento de que cómpre ter a "valentía de ser capaz de comprender cando deixar paso a novos liderados" e tamén de "dar as batallas que hai que dar". Así, defende que a pugna electoral madrileña vai alén desa rexión e por iso dá ese paso: "A democracia está ameazada por unha nova dereita trumpista, ben situada no Estado profundo e impulsada por enormes poderes económicos e mediáticos", afirma.

  Díaz consolida así a súa traxectoria política estatal tras un dilatado percorrido en Galicia. Quen fora coordinadora nacional de Esquerda Unida de 2005 a 2017, foi deputada no Parlamento de Galicia por primeira vez en 2012 como número dous de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a coalición daquela formada por Anova, Esquerda Unida e Equo. Chegara ao Pazo do Hórreo procedente da política ferrolá, municipio onde chegou a exercer a Tenencia da Alcaldía en coalición co PSdeG de 2007 a 2008. 

  Foi tamén fundamentalmente en Ferrolterra onde exercera maioritariamente o seu traballo como avogada laboralista. Como detalla Anxo Lugilde no seu libro De Beiras a Podemos (Praza Pública, 2014), naquela campaña galega de 2012 Díaz tivera como asesor a Pablo Iglesias. Apenas dous anos despos, o aínda vicepresidente segundo do Goberno de España fundaría Podemos. 

  Podemos foi coligado en dúas ocasións ás eleccións xerais (2015 e 2016) con EU e Anova baixo a marca En Marea. En ambas, Díaz foi elixida deputada como número dous da súa lista coruñesa. Tras a ruptura de En Marea, a ministra de Traballo e virtual vicepresidenta recuncou como candidata ao Congreso nas dúas xerais de 2019, pero baixo as siglas de Galicia en Común -alianza de Podemos e EU- como cabeza de lista por Pontevedra e en ambas obtivo a acta. 

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados