E-distrito

Noticias

Aínda que non se fale, existe: o suicidio

Aínda que non se fale, existe: o suicidio

  A Área Sanitaria de Vigo estrea a unidade de Prevención de Suicidio.

  02 marzo 2021

  Que non se fale del, non implica que non exista. O suicidio existe. Durante o ano 2019 quitáronse a vida 318 persoas segundo os datos recollidos polo Instituto de Medicina Legal da Galiza. Isto fai da Galiza o segundo territorio a nivel estatal en taxas de suicidios por cada 100.000 habitantes, só por debaixo de Asturias, segundo datos do Observatorio do Suicidio da Fundación Española para a Prevención do Suicidio do ano 2018. 

  Dentro do Plan estratéxico fronte ao suicidio da Consellaría de Saúde, a Área Sanitaria de Vigo estreou esta segunda feira, 1 de marzo, unha nova unidade centrada nesta cuestión. Un equipo de catro especialistas ten como obxectivo a diminución das taxas como tamén as de tentativas de suicidios entre a poboación mediante actividades de prevención. 

  No programa poderán participar até 80 persoas de modo simultáneo, o 2 de marzo "chegará a nosa primeira paciente”, indica o psicólogo do equipo vigués en conversa con Nós Diario, o doutor José Eduardo Rodríguez. 

  “A nosa unidade será moi semellante á de Ourense –a cal leva máis de 10 anos co mesmo labor– mais debido a que cubrimos o dobre de pacientes na área, teremos que restrinxir os criterios de derivación”, indica   Rodríguez. Atenderanse os “casos máis graves e de maior complexidade” indicaba o Sergas, “pacientes de máis de 16 anos que presenten un elevado risco de suicidio, con capacidade cognitiva suficiente e que non mostren un diagnóstico principal de trastorno por substancias”, sinalaba.

  Ademais, como excepción, admitirán “persoas cun consumo prexudicial ou dependencia ao alcohol, debido ao elevado risco de suicidio que implica, ao redor de 20 veces máis con respecto á poboación xeral”, apuntaba o Sergas. 

  A voceira do Movemento Galego da Saúde Mental, Rosa Cerqueiro, alégrase de que “esta vez sexa real e que se vaia pór en marcha”, xa que noutras áreas sanitarias “existían comunicados de que xa se crearan as equipas de traballo, mais non había espazo físico para levar a cabo ese plan”, comenta ao xornal. 

  Non obstante, para Cerqueiro esta prevención ten que realizarse de forma “multisectorial” xa que “debe existir un plan que tamén trate [a cuestión do suicidio] na escola, nos corpos e forzas de seguridade, social e moitos máis ámbitos”, sinala. Neste senso, o presidente da Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental (Feafes) da Galiza, Xosé Ramón Girón, afirma que “até que todas as administracións decidan tratar o suicidio como un verdadeiro problema de saúde pública non se vai conseguir avanzar neste tema”. 

  Empeoramento da saúde mental

  Para Girón o empeoramento da saúde mental é algo “de sentido común dadas as circunstancias actuais”. A crise sanitaria e a pandemia da Covid-19 “expoñen a un estrés psicolóxico a xente e de seguro traerá un aumento de sufrimento e de problemas de saúde mental”. 

  Por iso, desde as organizacións, piden máis “visualización sobre este tema tabú”. “Os problemas lévanse mellor se os socializamos”  mais para o lograr “precisamos unha sociedade que fale con respecto e cariño e que non cedan a prexuízos ao tratar sobre o suicidio; non queremos escoitar iso de "ti estás tola, tes que ir ao médico" ante este tema”, sinala o presidente a Nós Diario.

  Girón, entende que os medios de comunicación non deberían deixar de falar do suicidio "polo feito de que crean que tratar este tema provocará máis tentativas". Esta "radical mentira" tamén se suma á de "os suicidas non avisan do que van facer", mais para Girón é "todo o contrario, son poucas as persoas que non avisan do que van facer, en moitos dos casos existe esa noción entre os achegados á persoa".

  Derivado de Nós Diario

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados