E-distrito

Noticias

A Xunta reabre a hostalería e permite a mobilidade segundo a incidencia da COVID e por áreas sanitarias agás en 17 concellos

A Xunta reabre a hostalería e permite a mobilidade segundo a incidencia da COVID e por áreas sanitarias agás en 17 concellos

  A mellora é clara tamén nas sete cidades galegas, aínda que A Coruña e Ferrol se manteñen con incidencias acumuladas por riba dos 300 casos por cada 100.000 habitantes

  23 febrero 2021

  A hostalería reabrirá na maior parte de Galicia o venres 26 de febreiro, cando a Xunta comezará a aplicar unha nova escala de restricións baseada na incidencia do coronavirus a 14 días que tamén permitirá as reunións de non conviventes e a mobilidade entre concellos que estean no mesmo nivel. Así o anunciou este luns Feijóo, que pediu á cidadanía que “se quere volver aos bares, teña un comportamento individual correcto”.

  As novas medidas, pendentes de concretarse no Diario Oficial de Galicia, foron avanzadas polo presidente unha hora despois de rematar o comité clínico que as avalou e afondan na terceira desescalada iniciada o pasado mércores 17 de febreiro das restricións establecidas o 27 de xaneiro polo constante aumento dos casos desde as festas do Nadal. Unha terceira desescalada que agora acelera coa incidencia da enfermidade en descenso máis acentuado pero cos hospitais aínda en peor situación que cando se iniciou a segunda desescalada a comezos de decembro.

  As novas medidas contemplan flexibilizar restricións en toda Galicia nos eidos do comercio e a educación universitaria e establecen tres niveis de limitacións de carácter xeográfico -en función da incidencia de novos casos de COVID por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días e da ocupación das UCI- nos eidos da hostalería, a mobilidade e a reunión de persoas non conviventes. A pertenza a un ou outro deses tres niveis pode ir variando no tempo se os concellos empeoran ou melloran a súa incidencia, pero o presidente non indicou en que momento e con que frecuencia se valorará que un concello muda de nivel ao variar a súa incidencia.

   Medidas para toda Galicia

  • Comercio: A próxima fin de semana poderán volver abrir os centros comerciais, que se mantiñan pechados os sábados e domingos tras o levantamento das restricións horarias para o sector establecido a pasada semana. Porén, a Xunta xa permitira que determinados establecementos que non considera centros comerciais reabrisen tamén na fin de semana.
  • Universidade: O luns 1 de marzo retomaranse as clases presenciais nas universidades. Feijóo asegura que esta semana ofreceráselle ao alumnado a posibilidade de realizar probas de cribado..

    Medidas en función da incidencia
  • 1 - Máis de 500 casos por 100.000 habitantes: Os 17 concellos que actualmente superan unha incidencia acumulada de máis de 500 casos por 100.000 habitantes nos últimos 14 días manterán as restricións que estaban vixentes ata agora, coa hostalería pechada na súa totalidade, peche da mobilidade de rango municipal e prohibición de reunións de persoas non conviventes. Os concellos que citou o presidente son: Aranga, Cabanas, Carballo, Catoira, Corcubión, O Corgo, Gomesende, A Gudiña, Guitiriz, Larouco, Malpica de Bergantiños, Moeche, A Peroxa, Ponteceso, A Pontenova, Toques e Xunqueira de Espadanedo.
  • 2 - Entre 250 e 500 casos por 100.000 habitantes: Os 107 concellos nesta situación, pendentes de seren concretados pola Xunta, poderán reabrir a hostalería só nas terrazas, cun 50% da capacidade e con peche ás 18 horas. Estarán permitidas reunións de ata 4 persoas non conviventes. Canto á mobilidade, nos concellos neste nivel estarán permitidos os desprazamentos entre eles. Considéranse tamén concellos neste nivel intermedio, aínda que a incidencia poida ser inferior, a todos os das áreas sanitarias da Coruña, Ferrol e Pontevedra porque presentan unha peor situación na ocupación das UCI (agás que algún deles pertenza tamén aos 17 concellos do nivel superior e polo tanto se lle apliquen as restricións reforzadas dese nivel). A mobilidade nas áreas sanitarias da Coruña, Ferrol e Pontevedra queda limitada a elas mesmas sexa cal sexa a situación dos concellos. Neste nivel tamén reabrirán os ximnasios ou piscinas e permítese o deporte en grupos de ata 4 persoas non conviventes pero sempre con máscara.
  • 3 - Menos de 250 casos por 100.000 habitantes: Os 189 concellos restantes, que segundo Feijóo agrupan o 54% da poboación de Galicia, poderán reabrir a hostalería ademais de nas terrazas co mesmo 50% de ocupación tamén no interior cun 30% de límite e igualmente co peche ás 18 horas. Están permitidas igualmente as reunións de ata 4 persoas non conviventes. Canto á mobilidade, a cidadanía destes concellos poderá moverse a outros concellos dentro do mesmo nivel mesmo fóra da súa área sanitaria agás ás áreas da Coruña, Ferrol e Pontevedra por ter peor situación nas UCI. Neste nivel tamén reabrirán os ximnasios ou piscinas e permítese o deporte en grupos de ata 4 persoas non conviventes pero sempre con máscara.

    A incidencia acumulada a 14 días, por concellos

  Galicia chega ao anuncio das novas medidas contra a pandemia de Covid-19 nunha tendencia de descenso do número de casos por habitante en case todos os concellos do país. Con todo, aínda son varias as localidades con niveis de incidencia que superan os mil casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días e 18 os que se sitúan por riba dos 500 casos, unha das fronteiras que marcan a fronteira entre un e outro nivel de restricións. Cómpre salientar que Muxía, cunha incidencia de 500,44 nos datos do domingo, aparece xa no grupo de concellos entre 250 e 500.

  Hai 54 localidades que non notificaron ningún novo caso de Covid-19 nos últimos 14 días, un número crecente que amosa a mellora da situación epidemiolóxica e que lles permite a estas e outras localidades relaxar en gran medida as restricións.

  A mellora é clara tamén nas sete cidades galegas, aínda que A Coruña e Ferrol se manteñen con incidencias acumuladas por riba dos 300 casos por cada 100.000 habitantes. Ourense, Santiago e Vigo son as urbes que dende hai semana presentan unha mellor situación.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados