E-distrito

Noticias

Máis de 3.000 accidentes laborais por cada 100.000 traballadores

Máis de 3.000 accidentes laborais por cada 100.000 traballadores

  O índice de incidencia dos sinistros laborais mortais é na Galiza de 0,47. Un dato moi superior á media do Estado español, que está en 0,24.

  01 febreiro 2021

  O traballo do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) sobre sinistralidade laboral na Galiza en 2019 non vén dicir nada novo mais o que di, igual que os informes de 2018, 2017, de 2016 e de todos os anos anteriores, é abondo preocupante. A sinistralidade laboral é un fenómeno enquistado no mercado laboral galego, cos seus índices de incidencia por riba da media estatal, xa de por si preocupante de comparármola coa europea.

  O índice de incidencia reflicte que na Galiza sufriron un accidente laboral aproximadamente 3.074 de cada 100.000 traballadores afiliados á Seguridade Social coas continxencias profesionais cubertas. É dicir, que nunha cidade como Santiago, que anda por volta de cen mil habitantes, se todas elas fosen traballadores máis de tres mil persoas sufrisen un accidente laboral. 

  Esa comparativa levaría en Vigo e A Coruña a 9.000 traballadores sufrindo accidentes laborais en cada cidade.

  En 2020, entre xaneiro e novembro, na Galiza houbo 20.775 accidentes de traballo en xornada que implicaron baixa laboral. Un número que é 24% inferior ao do ano anterior (2019), nunha dinámica derivada en boa medida da parálise provocada pola Covid.

  Mais os accidentes laborais mortais non paran na Galiza nin pola pandemia. Entre xaneiro e novembro perderon a vida en xornada laboral no noso país 51 traballadores e traballadoras, 1 máis ca no mesmo período de 2019.

  O índice de incidencia (accidentes por cada 100.000 traballadores) dos sinistros laborais mortais é na Galiza de 0,47. Un dato sensibelmente superior á media do Estado español, que está en 0,24.

  Entre as traballadoras e traballadores asalariados o índice de incidencia (IdI)de accidentes laborais en xornada con baixa é de 225,5 por cada 100.000 traballadores. Por riba do índice no estado español (222). E aquí o IdI dos sinistros mortais alarga a fenda co do Estado: é de 0,54 na Galiza por 0,29 de España.

  Derivado de Nós Diario.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados