“Toda Galicia, os 313 concellos” estará sometida a partir da medianoite deste martes 26 ao mércores 27 de xaneiro ao nivel máximo de restricións establecido pola Xunta fronte ao coronavirus, que implicará nesta nova reformulación o peche perimetral individual de cada un dos concellos, o peche da hostalería agás para recoller ou reparto a domicilio, o peche do comercio “non esencial” ás 18 horas e “interaccións sociais limitadas a conviventes”, en palabras do propio Feijóo, que excluíu desa limitación aos lugares de traballo ou á atención de “maiores ou menores”.
O presidente Feijóo anunciou as novas medidas a primeira hora da tarde deste luns, unha semana máis tarde das anteriores restricións impostas e despois de que tanto o xoves como o venres el mesmo xa avanzase que habería máis. As que agora chegan entrarán en vigor, tras publicarse no Diario Oficial de Galicia (DOG) este martes, ás cero horas do mércores 27 e durante un “mínimo” de tres semanas, ata a medianoite do martes 16 ao mércores 17 de febreiro, coincidindo co eEntroido. O obxectivo, como que se pretendía coas restricións de novembro e que non se acadou, é o de "que os centros sanitarios poidan resetearse".