Menos de dez meses despois da confirmación do primeiro caso positivo da COVID-19 en Galicia, profesionais do Sergas subministraron este domingo as primeiras doses da primeira vacina aprobada na UE contra doenza, a Comirnaty, desenvolvida por Pfizer e BioNTech. Nieves Cabo, compostelá de 82 anos residente no centro sociocomunitario Porta do Camiño de Santiago, foi a primeira persoa en vacinarse no país no inicio dunha campaña para a que Sanidade contou esta xornada con 500 doses.
Ás 11 da mañá recibiu Nieves esa primeira vacina contra o coronavirus. Pouco despois, un traballador da cociña, José Antonio Arcay, engadíase á listaxe que se inaugura con 250 residentes e traballadores que recibirán esas primeira doses na mesma residencia --precísanse dúas administracións da vacina por cada persoa-- e que prevé poñer a primeira pedra da fin da pandemia que marcou este 2020 que agora remata.