En xaneiro de 1998, o sonense Ramón Sampedro morría tras inxerir voluntariamente unha dose letal de cianuro. Daquela levaba trinta anos na cama, sen capacidade de movemento ningún de pescozo cara a abaixo por mor da tetraplexia causada por un accidente na praia das Furnas. Boa parte desas tres décadas pasounas reclamando o dereito a unha morte digna, clamando pola legalización da eutanasia, batendo con negativas que o levaron a optar polo suicidio con axuda forzada á clandestinidade.
Máis de vinte e dous anos despois daqueles feitos, este 17 de decembro de 2020, o pleno do Congreso dos Deputados avalou por ampla maioría absoluta o ditame sobre a proposición de lei orgánica de regulación da eutanasia, formulada polo PSOE e apoiada por un número de votos notablemente superior aos que xuntan os socialistas e Unidas Podemos, os seus socios de Goberno. O texto saíu adiante con 198 apoios, todos os grupos da Cámara coa excepción dos 138 escanos que suman PP, Vox e os seus aliados de UPN e Foro Asturias e mais dúas abstencións, de Teruel Existe e JxCat.
O texto, que agora segue camiño cara ao Senado, onde tamén será aprobado, recoñece "o dereito de toda persoa que cumpra os requisitos previstos nesta lei a solicitar e recibir a prestación e axuda para morrer". Entre estes requisitos, alén da residencia legal e da maioría de idade, destaca o de "ser capaz e consciente no momento da solicitude" e "dispoñer, por escrito, da información que exista sobre o seu proceso médico" e as alternativas terapéuticas existentes, caso de existir.
A norma concede o dereito á eutanasia a quen sufra unha doenza "grave e incurable" ou un "padecemento grave, crónico e imposibilitante"