En total, entre 2013 e o terceiro trimestre de 2020 (os últimos dados publicados), abandonaron Galicia 913 empresas. En todos os exercicios, Madrid foi o destino preferente destas sociedades.
12 novembro 2020
As empresas que optan por marchar da Galicia para instalar o seu domicilio noutros territorios do Estado segue a aumentar. Nos tres primeiros trimestres de 2020 foron 62, segundo o informe elaborado polo grupo Cesce.
Destas máis de sesenta firmas que mudaron de domicilio, máis da metade (32) elixiron Madrid como nova residencia. Non é unha novidade, a capital do Estado é o principal foco de atracción para as sociedades de todos os territorios. Entre xaneiro e setembro Madrid recibiu máis de 500 empresas doutras comunidades.
Desde 2013 son xa máis de 900 as empresas que mudaron a un domicilio fóra da Galicia, sociedades que sumaban unha facturación que se achegaba aos mil cen millóns de euros.
En total, e segundo os dados de Informe D&B e dos de grupo Cesce, entre 2013 e o terceiro trimestre de 2020 (os últimos dados publicados), abandonaron Galicia 913 empresas. En todos os exercicios, Madrid foi o destino preferente destas sociedades.
O último exercicio completo, 2019, marcharon do noso país 216 empresas (141 delas para Madrid)
O último exercicio completo, 2019, marcharon do noso país 216 empresas (141 delas para Madrid). Nese ano, 2019, a fenda entre a facturación das sociedades que marcharon e aquelas que viñeron doutros territorios para se instalar aquí (188 firmas) foi en máis de 200 millóns de euros negativa para Galicia.
O propio Feixoo é consciente deste problema, focalizado en que gran parte desas empresas deixan Galicia para pasar a ter o seu domicilio en Madrid. De feito, en 2014 o Goberno galego que el preside ordenou á Axencia Tributaria Galega que activase un plan de inspección sobre a fuga de empre-sas localizadas na Galicia a Madrid, atraídas pola eliminación de trabas ou a menor presión fiscal. Os resultados desa inspección non se fixeron públicos.
O saldo negativo en facturación coa ‘mobilidade’ de empresas que para Galicia supuxo 2019 (208 millóns) súmase á do exercicio 2018. Entón, as 139 empresas que marcharon da Galicia para se domiciliar noutros territorios sumaban unha facturación superior aos 100 millóns de euros. As 176 que viñeron doutros territorios a se instalar aquí, 96 millóns.
En 2016 ese balanzo tamén foi negativo para Galicia: 200 millóns das firmas que marcharon por 37 millóns das que chegaron.
Tributan en Madrid 4.359 empresas galegas. As chaves do crecemento económico de Madrid están favorecidas por un deseño político que privilexia as vantaxes derivadas do seu estatus como capital. Un recente informe elaborado polo Instituto Valenciano de Investigacións Económicas (IVIE) volve confirmalo.
Segundo se sinala no documento, teñen a súa sede en Madrid 44,5% das 1.000 maiores empresas do Estado, 50,4% das 500 máis grandes e 60% das 100 primeiras. Pola contra só manteñen o enderezo social na Galicia 5,3% das 1.000 maiores empresas do Estado, 5% das 500 máis grandes e 4% das 100 primeiras.
A consecuencia disto Madrid concentra unha quinta parte da renda estatal, dispondo de 19,2% do Produto Interior Bruto (PIB) en 1,6% do territorio. Porén, isto só é posíbel pola localización a efectos fiscais e sociais en Madrid de miles de empresas que desenvolven a súa actividade económica real noutras áreas do Estado.
Derivado de Nós Diario.