E-distrito

Noticias

Madrid emerxe como a cidade que máis axudas recibe da PAC no Estado español

Madrid emerxe como a cidade que máis axudas recibe da PAC no Estado español

  Unhas declaracións de Díaz Ayuso evidencian o inxusto reparto das axudas da PAC; Madrid emerxe como a cidade que máis cartos recibe pese a contar só cun cento de explotacións rexistradas.

  20 outubro 2020

  Os ministros de Agricultura da Unión Europea tratan de chegar estes días en Luxemburgo a un acordo sobre as normas que rexerán a nova Política Agrícola Común (PAC), que entrará en vigor en 2023, após a prórroga de dous anos acordada polos Estados membros polo atraso nas negociacións.

  O Estado español contará no novo marco orzamentario (2021-2027) con menos fondos que no precedente. Así, no primeiro alicerce, destinado ao apoio directo ás rendas, a rebaixa será de 9,63%, ao pasar de 286.143 millóns de euros aos 258.600, mentres que o segundo piar, o do desenvolvemento rural, tamén se verá afectado por unha redución que oscila entre 19,7% e 11,2%.

  Como denuncian as organizacións agrarias, os pagamentos seguen a beneficiar un importante número de persoas que non teñen a actividade agropecuaria como actividade principal. Así, indican, 80% das axudas son cobradas soamente por 20% dos e das beneficiarias. Pola contra, 80% de beneficiarias téñense que conformar con 20% do orzamento, "unha distribución a todas luces inxusta", valoran desde a Federación Rural Galega (Fruga).

  "Sendo o Estado español o segundo Estado da UE que máis orzamento recibe das axudas da PAC após o francés, resulta que o importe dos apoios que reciben as explotacións galegas son dos máis baixos de toda a UE e isto é debido a que o Estado español sempre priorizou, no criterio de reparto, aos grandes propietarios, moitos deles absentistas, e que, na maior parte dos casos, non se dedican profesionalmente á actividade agropecuaria", engaden.

  O paradoxo de Madrid

  Unhas declaracións da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, acenderon un debate sobre as subvencións nos distintos territorios. Ao parecer, a titular do Executivo madrileño afirmara que a xente marchaba a Madrid "porque non quere estar subvencionada". 

  Esta afirmación levou a Fundación Savia, unha entidade andaluza comprometida cos valores no medio rural, a lembrarlle a Ayuso que sen a produción agrogandeira "as cidades simplemente non poderían ser". 

  Pero a cousa non quedou aí. Tamén incluíron na súa resposta cifras que non deixan de sorprender, como a afirmación de que o municipio do Estado español que máis fondos agrarios recibe da PAC é Madrid, que, coas súas 101 explotacións rexistradas no termo municipal, conta con 10.821 persoas beneficiarias da PAC que reciben algo máis de 206 millóns de euros, unha cifra que se eleva a 273 millóns e 20.932 beneficiarias no conxunto da Comunidade.

  Os datos van na liña dun informe presentado por esta mesma institución que revela que 20,15% dos fondos da PAC teñen como destinatario final as cidades, mentres que os pequenos pobos só acollen 48,85%. Así mesmo, advirten que a gandaría extensiva percibe 21% dos Dereitos de Pago Básico mentres que as agricultoras están en posesión de 79% restante.

  Reparto inxusto

  Este inxusto reparto dos fondos é o que critican na Galiza entidades como a Fruga, que entende que as axudas directas á actividade agrogandeira (as do primeiro piar) "teñen de ir dirixidos a aquelas persoas que teñen a actividade agrícola e gandeira como actividade principal, é dicir aquelas persoas que cando menos obteñan 50% da súa renda da actividade agraria exercida na súa explotación, e que o tempo dedicado a actividades non relacionadas coa súa explotación sexa inferior á metade do seu tempo de traballo total, co fin de evitar que as axudas acaben nas mans de especuladores e entidades que nada teñen a ver coa nosa profesión".

  Na mesma liña, o Sindicato Labrego Galego, que lamenta que o Estado español non recollera propostas a nivel rexional,  reclama unha PAC que avance na transición cara a modelos agroecolóxicos, cun orzamento suficiente, cunha "axuda básica á renda" que responda ao seu nome, con axudas "ás persoas e non ás hectáreas", e cunha simplificación que a faga "entendíbel" para as persoas.

  Derivado de Diario Nós.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados