A multinacional estadounidense defende que "negociou de boa fe"; persoal, sindicatos e administracións acúsana de ter bloqueado unha posible venda da factoría ao grupo Liberty
10 outubro 2020
Alcoa pecha a planta de aluminio de San Cibrao. A multinacional estadounidense comunicou ao persoal da factoría a aplicación do despedimento colectivo na planta, que deixará na rúa a 524 traballadores. A empresa xustifica que no periodo de consultas que se desenvolveu nos últimos meses non puido "chegar a un acordo cos representantes dos traballadores". Tampouco se puido completar un proceso de venda ao grupo británico Liberty, interesado en adquirir a factoría, mais a multinacional defende que "negociou de boa fe e fixo importantes concesións para facilitar un acordo".
Pola contra, persoal, sindicatos e administracións acusaron a Alcoa nas últimas semanas de dificultar un posible acordo, coincidindo Xunta e Goberno central en acusar a empresa de "actuar de mala fe". O executivo central e o autonómico advertían este mércores que acudirían á vía "xudicial, administrativa e laboral" para frear o ERE e o ministro de Industria ameazou con forzar a Alcoa a devolver as importantes axudas económicas recibidas. Persoal e sindicatos, que reclaman que a planta sexa intervida polo Estado, acusaran a Alcoa de empregar o proceso de negociacións "para autoxustificar que a venda non é posible".
Pouco despois de coñecerse o anuncio de Alcoa, o Ministerio de Industria difundiu un comunicado acusando á multinacional de ser "a única responsable do fracaso nas negociacións de venda da planta". O Ministerio considera que a empresa "empurra os traballadores e ás Administracións a un conflito innecesario", xa que "había solucións para acadar un acordo de compra-venda". Neste senso, o Goberno central reitera o seu "malestar" polo feito de que Alcoa "abandonase a negociación non respondendo á proposta do Goberno de que sexa a SEPI a que actuase de intermediaria para a venda da planta a Liberty House".
O Ministerio de Industria asegura que "seguirá traballando para lograr unha solución que manteña o emprego e as capacidades industriais en Lugo". Este xoves eldiario.es publicaba que o Ministerio de Industria podería ter encargado un informe a Avogacía do Estado para preparar unha posible intervención da planta de San Cibrao. Esta intervención non sería necesariamente permanente, senón que serviría para evitar a paralización das cubas e preparar unha venda a algún comprador interesado.