E-distrito

Noticias

A Coruña/ As Percebeiras: o proxecto herdado do antigo urbanismo que ergue o barrio da Labañou

A Coruña/ As Percebeiras: o proxecto herdado do antigo urbanismo que ergue o barrio da Labañou

  Un proxecto herdado dun urbanismo pensado hai anos prevé construír doce edificios --algún de 13 alturas-- ao pé do mar no barrio coruñés de Labañou

  05 outubro 2020

  Co voto favorable do PSOE e a abstención do PP, o goberno local da Coruña rexeitou esta pasada semana retirar o plan urbanístico das Percebeiras e desbotar así a petición feita pola Marea Atlántica e o BNG, en apoio das demandas da asociación de veciños do barrio de Labañou. A entidade propón converter esa importante agra con vistas á baía e á Torre de Hércules nunha zona verde e non no proxecto, xa encarreirado, que prevé doce edificios ao pé do mar –algún de ata 13 alturas-- e unhas 370 vivendas, o 40% delas de protección oficial.

  O colectivo veciñal, xunto con outras entidades, presentará axiña as alegacións contra o desenvolvemento nun terreo de propiedade privada que aínda ven factible “salvar” dos “mamotretos” que rexeitan. Alegan a nula necesidade deste polígono de vivendas que abranguerá case 45.000 metros cadrados neste popular barrio, o seu impacto medioambiental, paisaxístico ou sobre a mobilidade que suporía, así como a idoneidade no seu lugar dun gran parque e área de esparexemento. Máis aínda nestes tempos.

  O terreo é un dos poucos espazos amplos libres de cemento que quedan no espazo urbanizado da Coruña, unha cidade cunha elevada densidade de poboación e con escaseza de parques. A chegada da pandemia fixo agromar aínda máis esta necesidade de áreas abertas e libres de coches e vivendas. Foi precisamente nesta zona, no paseo marítimo e a tan só uns metros do futuro polígono de vivendas, onde o Concello decidiu hai tan só uns meses prescindir dun carril de coches para incorporar un carril bici, así como ampliar temporalmente o espazo peonil para facilitar a distancia social e os paseos da cidadanía.

  A asociación veciñal pide unha zona verde e alega contra o proxecto, que cren doutra época polo impacto medioambiental, paisaxístico ou sobre a mobilidade

  Agora, a asociación de veciños advirte da “incongruencia” de apostar por menos coches, máis parques e máis áreas peonís ao tempo que se dá o visto e prace ao proxecto que, din, supón “unha contradición coas estratexias de sustentabilidade e ante o cambio climático”. Un plan que, avisan, cambiará para sempre a fisionomía dun barrio “aberto ao mar”, como reclaman que continúe xa algunhas pancartas en Labañou. 

  Para conseguilo, a entidade presentará ante a Consellería de Medio Ambiente as alegacións contra un proxecto iniciado hai xa anos, promovido por Metrovacesa e que conta co aval do Concello da Coruña, que volveu ratificar esta semana a súa viabilidade e idoneidade. É, para a veciñanza mobilizada, así como para Marea e BNG, a volta ao “urbanismo rancio” de executivos pasados. Porque hai case vinte anos que se pensou a urbanización deste amplo campón con inmellorables vistas.

  O goberno local defende que “case a metade da superficie do proxecto das Percebeiras estará reservada a zonas verdes” pero a entidade veciñal responde asegurando que as cifras feitas públicas “non se axustan aos datos que figuran na documentación en trámite do plan”. “O goberno local computa como zonas verdes superficies que non o son e omite datos esenciais”, di a asociación, que reduce duns 22.000 metros cadrados a pouco máis de 8.000 a superficie de zona verde.

  O Concello defende o proxecto e di que "case a metade" da superficie serán zonas verdes, unhas cifras que nega a asociación veciñal

  Alén diso, para a asociación, en palabras do seu portavoz, Pablo Leira, os doce bloques farán de “pantalla” e alterarán as vistas desde Labañou cara á Torre e en sentido contrario, ademais de rachar coa estética do barrio. Ao carón dos futuros bloques sitúase o grupo de vivendas María Pita, con pequenas casas de catro alturas que “recibirán moita menos luz solar”.

  Para a asociación de veciños, o Concello conta con ferramentas para frear o proxecto sen ter que indemnizar os propietarios, unha advertencia sobre as posibles consecuencias económicas para as arcas municipais que leva tempo facendo Juan Díaz Villoslada, concelleiro de Urbanismo. Así, a entidade lembra as opcións de permutar a edificabilidade das Percebeiras noutras zonas, expropiar o solo ou chegar a un acordo coa promotora. Ademais, alertan de que o proxecto incumpriría leis de ordenación da paisaxe ou de ordenación de litoral, así como a ficha detallada do PXOM ao impedir as vistas da Torre de Hércules en todo o tramo da principal avenida do barrio.

  O goberno local advirte das indemnizacións á promotora que suporían botar abaixo o proxecto; a asociación de veciños di que hai ferramentas para evitalas

  O caso é que o proxecto, polo momento, segue adiante logo de 18 anos de intentos frustrados para a a urbanización, rectificacións, vetos e planos ciscados ao lixo. Nunha iniciativa inicial, en 2006, prevíase a construción de dúas torres, unha de 47 plantas e outra de 35, rexeitada finalmente polo impacto negativo sobre a costa. Houbo máis propostas que foron tamén rexeitadas ata que Metrovacesa e Concello pactaron o último dos plans. O goberno socialista insiste en que o impacto daqueles plans foi reducido con esta nova proposta e que o impacto positivo no económico será tamén relevante, unha consideración que tamén teñen algúns cidadáns.

  Pero a a asociación veciñal de Labañou insiste en que os tempos nos que se decidiu acometer o proxecto non eran os de agora e que “o crecemento poboacional da cidade nestes últimos anos non xustifica construír neste lugar privilexiado”. Hai na cidade, lembran, unhas "20.000 vivendas baleiras". Ademais, alertan de que a nova urbanización só suporá 62 prazas de aparcamento máis en superficie e a iniciativa “carece de estudo serio de mobilidade” e non ten en conta os graves problemas de tráfico que causaría nunha zona na que destaca a súa tranquilidade e contacto directo coa natureza e a paisaxe. 

  BNG e Marea apoian as demandas da entidade veciñal, que lembra as 20.000 vivendas baleiras da cidade e que o crecemento poboacional previsto non foi tal

  Desde o BNG consideran que o plan das Percebeiras “non está de acordo cos tempos” e considérano propio dun “urbanismo carca”, mentres que a Marea Atlántica advirte dun “modelo de cidade que volve pivotar sobre o ladrillo”. “En pleno 2020 esperamos outras propostas urbanísticas do Concello que non sexan torres de ata 13 alturas en primeira liña de costa cando o PXOM marca un máximo de oito en termos xerais”, di a formación, que “tende a man” para reformar o Plan Xeral e reducir a edificabilidade no bordo litoral da Coruña. 

  A poucos metros, na zona do Portiño, o Concello negocia tamén con Metrovacesa e a Demarcación de Costas para aumentar a protección do litoral nunha área de case medio millón de metros cadrados de superficie no que poderían construírse unhas 3.000 vivendas. Pero o goberno local non aclara se nesa zona de costa, ao igual que nas Xubias e A Pasaxe, o propósito é reducir a edificabilidade. 

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados