Desde o partido e desde as institucións, o PP galego está a desenvolver unha ampla campaña contra as ocupacións de vivendas coa que en última instancia transmite que o Goberno central permite ese tipo de actuacións, xa castigadas no Código Penal, ao non aceptar a súa proposta de endurecelo. Unha multiplicación de actos, unha decena nas dúas últimas semanas, que intenta centrar a axenda política nunha suposta “alarma” que é desmentida con datos polos tribunais e a policía.
A pasada semana o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), José María Gómez y Díaz-Castroverde, chegaba a dicir que “a alarma xerada nos últimos meses sobre a ocupación de vivendas″ aséntase nunha situación ″paradoxal″ porque ″parece non estar avalada polas cifras″. De feito, no segundo trimestre do ano as demandas por ocupación ilegal de vivendas en casos en que os propietarios son persoas físicas, entidades sen ánimo de lucro ou entidades públicas posuidoras de vivenda social foron 27, fronte ás 32 do ano anterior, e se na primeira metade do ano foron 51, no mesmo período de 2019 foran 65.
Cifras similares tiradas da policía foron as que ofreceu este luns o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, quen indicou que en 2019 foron 129 as infraccións penais por ocupación coñecidas en Galicia, “só o 0,16% do total de infraccións penais coñecidas en Galicia”. “Os datos non amosan unha situación alarmante”, concluía.