E-distrito

Noticias

O gran mapa do Reino de Galicia de 1696 trazado en Módena por Giacomo Cantelli

O gran mapa do Reino de Galicia de 1696 trazado en Módena por Giacomo Cantelli

  Foi a derradeira obra na carreira do gran cartógrafo italiano, que faleceu tras rematar este espectacular traballo.

  21 setembro 2020

  É un dos máis espectaculares mapas de Galicia trazados antes da chegada, no século XIX, da carta xeométrica de Domingo Fontán. Foi realizado polo famoso cartógrafo italiano Giacomo Cantelli para o Duque de Módena en 1696. E recolle con detalles vilas e cidades, ríos, rías e accidentes xeográficos do país cunha precisión moi elevada para a súa época.

  Cantelli trazou mapas para reis e para papas e está recoñecido como un das maiores figuras da cartografía universal. O seu mapa de Galicia foi a súa derradeira obra, e de feito foi impresa en 1696, un ano despois da súa morte aos 52 anos.

.

Retrato de Giacomo Cantelli.
.

  Tras estudar literatura en Boloña, foi contratado como secretario polo marqués Obizzi de Ferrara. Máis tarde trasladouse a Venecia , onde se fixo coñecido como xeógrafo. Fixo unha viaxe a París e, na capital francesa, tivo contactos cos cartógrafos Guillaume Sanson, Jacques-André Duval e Michel-Antoine Baudrand.

  A súa volta, nunha viaxe a Roma coñeceu ao editor Giovanni Giacomo De Rossi, quen en 1672 comezou a publicar os seus mapas xeográficos. Entre os seus primeiros traballos atópanse os mapas de Terra Santa , o reino de Persia e algunhas partes do Imperio Otomán.

.

Detalle da cartela do mapa de Cantelli.
.

  A partir de aquí, os seus mapas aparecen no atlas ‘Mercurio Geográfico’ que editaba De Rossi, cunha produción abraiante que inclúe trazados tan distantes como os de Grecia, as ilals Molucas, as Filipinas, a India ou o Peloponeso. A súa sona disparouse e foi chamado polo Papa Inocencio XI, ademais de contratado polo Duque de Módena, Francisco II, como cartógrafo oficial da súa corte. Tamén se di que os comerciantes devecían polos seus deseños, xa que eran os máis exactos para establecer as rutas mercantís arredor do globo.

  Cantelli construiu un globo terráqueo e un globo celeste que causaron admiración internacional. A súa última obra publicada foi este mapa de Galicia, que trazou no ano da súa morte, 1695, e foi publiado no Mercurio Geográfico a título póstumo.

  Neste mapa do Reino de Galicia, aprécianse curiosidades como a pervivencia das antigas toponimias galegas de Betanzos (Brigantium) ou do Cabo Fisterra (Artabrum Celticum Nerium Prol).

  O mapa foi gravado en placa de cobre e sitúa como meridiano de orixe a illa de El Hierro (illas Canarias). No ángulo superior esquerdo, vemos a cartela en cornucopia co escudo do reino de Galicia que leva acolada a cruz da Orde de Santiago. Entre as súas marabillas, está a representación dos perfís das montañas, a planimetría con cidades representadas por agrupación de edificios, pontes, fragas e división eclesiástica e de reinos. A hidrografía representa a rede principal, con denominación dos ríos máis importantes. A toponimia está escrita en castelán e, nalgúns casos, tamén en italiano.

  Unha copia deste espectacular mapa atópase no Instituto Xeográfico Nacional e outra na Biblioteca de Galicia.

Aquí podes descargar a gran tamaño o Mapa de Galicia de Cantelli de 1696

Derivado de GCiencia

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados