"A Atención Primaria xa estaba malferida de antes, a pandemia só agravou o que xa estaba a pasar", manifesta Rosa Rodríguez, médica nun centro de saúde da Coruña. "A lista de espera acumúlase, onte vin 56 pacientes, é algo inadmisible. Temos unhas axendas que son insoportables", asegura Susana Aldecoa, presidenta da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec). Os centros de saúde están a asumir agora a maior carga da Covid-19, mentres aínda non estabilizaron a situación provocada polo confinamento que veu coa declaración do estado de alarma.
"Estamos cunha sobrecarga de traballo moi grande en todas as áreas porque aínda acumulamos o retraso polo confinamento no seguimento dos pacientes crónicos e a iso hai que sumarlle os pacientes con Covid-19; é certo que non temos moitos pero cada vez que hai unha sospeita hai que pedir a proba PCR, estar pendente do resultado, investigar contactos... E logo está que estamos sen substituír", resume Aldecoa.