E-distrito

Noticias

A histórica caída do PIB mete a economía española en recesión

A histórica caída do PIB mete a economía española en recesión

  Os efectos do confinamento e a crise do Covid19 provocan unha contracción de 18,5% entre abril e xuño, a maior da serie histórica. 

  03 agosto 2020

  A economía española rexistrou entre abril e xuño a maior caída da súa serie histórica, debido á paralización de moitas actividades como consecuencia do estado de alarma decretado pola Covid-19. O PIB experimentou unha contracción de 18,5%, o que coloca ao Estado español novamente en recesión técnica, ao encadear dous trimestres consecutivos á baixa.

  Esta caída do PIB no segundo trimestre aproxímase bastante ás previsións que realizaran distintos organismos. A AIReF prognosticara un descenso de 20%, o BBVA situábao na contorna de 17% e o Banco de España estimou que a contracción do segundo trimestre oscilaría entre 16% no mellor escenario e 21,8% no peor, cunha caída media de 20%.

  O retroceso trimestral da economía española supera ao rexistrado noutros países europeos, como Alemaña (-10,1%) e Francia, que acaba de publicar tamén o seu dato de PIB: -13,8% no segundo trimestre.

  Os datos trimestrais amosan tamén un afundimento do consumo dos fogares  sen precedentes na serie histórica de 21,2%. Pola contra, o gasto público aumentou entre abril e xuño 0,4%, moito menos do que o fixo no primeiro trimestre (+1,8%), mentres que o gasto en consumo das institucións sen fins de lucro e ao servizo dos fogares avanzou 0,5%, tres décimas menos que no trimestre precedente.

  O investimento, pola súa banda, rexistrou un recorte histórico no segundo trimestre de 22,3%, con caídas da contorna de 25% ou superiores tanto no caso do investimento en vivenda, en maquinaria e bens de equipo.

  As exportacións e importacións tamén esborralláronse no segundo trimestre, 33,5% no primeiro caso e 28,8% no segundo. As vendas ao exterior viñan de decrecer 8,2% no trimestre anterior, mentres que as importacións caeron no primeiro trimestre 6,6%, moito menos do que o fixeran no segundo.

  Golpe no emprego

  O INE sinala que a excepcional situación fai que certas variábeis, como as horas efectivamente traballadas, sexan máis relevantes nos momentos actuais á hora de medir a evolución do emprego. "Considérase que esta variable, fronte aos postos de traballo equivalentes a tempo completo, é a que reflicte de maneira máis clara os efectos inducidos no emprego pola pandemia e as sucesivas medidas adoptadas para combater os seus efectos", apunta.

  Neste senso, en termos interanuais, as horas traballadas decrecen no segundo trimestre 24,8%, taxa 20,6 puntos inferior á do primeiro trimestre. Pola súa banda, os postos equivalentes a tempo completo retroceden 18,5%, o que supón que nun ano destruíronse case 3,4 millóns de postos de traballo equivalentes a tempo completo.

  Derivado de Nós Diario

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados