A mediados de maio, doutor Enríque Míguez Rey, xefe da Unidade de Enfermidades Infecciosas do complexo hospitalario da Coruña, elaborou un informe sobre as perspectivas de evolución da pandemia do coronavirus en Galicia. Aquel documento, un dos manexados pola Xunta nos días previos a fixar a data das eleccións para o 12 de xullo, vía probable "un pequeno rebrote" da pandemia en xuño e outro "máis duro" contra o remate de xullo.
O doutor Míguez Rey expuña na súa análise que o comportamento da poboación galega, pero tamén a entrada de persoas doutros puntos do Estado e do mundo no momento en que rematase o estado de alarma -en Galicia isto aconteceu o 15 de xuño-. "As posibles chegadas ao principio do verán" íanse xuntar "coa relaxación das medidas" e a situación ía empeorar, resumía.
O número de novos casos en xullo duplica amplamente o de xuño pero non chega, nin de lonxe, ás cifras do que ata agora foi o pico da pandemia en Galicia
No remate deste mes de xullo, as principais tendencias ratifican a tese daquel informe; a situación empeorou, pero non ata niveis do pico da pandemia nin tampouco ao ritmo doutros puntos do Estado. Así o indican tanto os datos dos partes diarios da Xunta como á serie histórica do Ministerio de Sanidade, construída cos datos das comunidades autónomas pero que é a única pública para Galicia, xa que o Sergas non divulga a súa.
Galicia rolda a vintena de positivos diarios detectados dende mediados de xullo, un mes que vai finalizar cuns 600 casos novos no país, atendendo ás cifras que cabe calcular a partir dos partes do Sergas, que non ofrece directamente o número de novos positivos cada día. Supón máis que duplicar os 250 casos novos cos que finalizou xuño, pero son cifras que non chegan, nin de lonxe, ás do que ata agora foi o pico da pandemia, con máis de 400 novos casos diarios a mediados de marzo.
A disparidade entre ambas fontes débese, entre outros aspectos, a que o Ministerio recoloca os casos por data estimada de inicio de síntomas e o Sergas, que segue sen publicar a súa serie, computa tamén positivos en test de anticorpos sen síntomas
A serie do Ministerio de Sanidade rexistra un incremento aínda maior en termos porcentuais en ambos meses de novos casos da COVID-19 en Galicia. Non obstante, non sería preciso comparar mecanicamente ambas fontes: a serie do Ministerio de Sanidade recoloca cada caso por data estimada de inicio de síntomas, polo que parte dos casos detectados polo Sergas en xuño corresponden a persoas cuxo contaxio e comezo de sintomatoloxía comezou en maio.
Ademais, cómpre ter en conta outra disparidade: o Sergas contabiliza nos seus datos acumulados tamén ás persoas que deron positivo en test de anticorpos, pero non presentan síntomas da enfermidade. Dende o inicio do desconfinamento, a mediados de maio, a serie do Ministerio só suma os positivos en probas PCR e, no caso dos test de anticorpos, os positivos dos pacientes con síntomas. [O 60% dos novos positivos por coronavirus en Galicia son pacientes sen síntomas].
De menos dunha decena de casos ao día a máis de vinte
Os datos medios de casos diarios, útiles para ter unha perspectiva da evolución da pandemia sen alteracións puntuais dun día concreto, confirman estas tendencias. Na quincena que transcorreu dende a fin do estado de alarma e ata finais de xuño, Galicia rexistraba unha media inferior aos 10 novos casos diarios, tanto na media dos últimos tres días como nos sete anteriores, atendendo aos partes do Sergas.
Dende principios de xullo, as curvas comezaron a ascender impulsadas polo brote da Mariña e por outros de menor dimensión, rexistrando ata agora dous picos que superaron a trintena de casos diarios. Non obstante, aa tendencia xeral foi roldar a vintena de novos casos ao día.
A serie por inicio de síntomas que ofrece o Ministerio de Sanidade, agora revisada ata o 26 de xullo, amosa tamén unha tendencia semellante para xullo e un número de casos aínda máis escaso para a segunda quincena de xuño, con semanas nas que a media de casos diarios apenas chegou aos dous. Coa fin total do confinamento e o levantamento do estado de alarma, esta serie tamén rolda a vintena de novos casos diarios nos últimos días.
Datos moi inferiores ás semanas do pico, malia ao empeoramento
A situación empeora e as tendencias son á alza ás portas de agosto, o mes turístico por excelencia. Así e todo, o número de novos positivos está, no caso galego, moi lonxe das que ata agora foron peores semanas da pandemia. Así o amosa a serie por data estimada de inicio de síntomas do Ministerio de Sanidade, cuxo detalle chega ata ao nivel provincial.
A serie por data de inicio de síntomas chegou a rexistrar máis de 350 casos nun só día en marzo ou máis de 150 en varias xornadas de abril e maio
Fronte aos máis de 350 casos diarios no conxunto de Galicia en varias xornadas de marzo ou os máis de 150 en varios días de abril e maio, neste mes de xullo as xornadas con máis casos roldan a trintena. É o que aconteceu na primeira quincena durante os peores días do brote da Mariña, como amosa a liña correspondente á provincia de Lugo -en amarelo no gráfico baixo estas liñas- e tamén o que sucedeu a pasada semana, sobre todo por mor de brotes rexistrados na provincia da Coruña e Pontevedra.
Os "positivos activos" da Xunta acumulan unha semana de subas por mor dos brotes e porque este indicador depende tamén do número de altas, non só dos novos positivos
Estes brotes dos últimos días -o máis recente, de 17 na Coruña, foi notificado este xoves polo Sergas- son os que están facendo tender á alza o que é o indicador de referencia para a Xunta dende o comezo da pandemia, o dos positivos activos. Este 30 de xullo eran 260 no que foi o sétimo día seguido de incremento.
Así e todo, eses 260 casos son unha cifra moi similar á dos primeiros días de xullo, produto daquela dunha tendencia descendente. Cómpre ter en conta que os "positivos activos" son a foto fixa de cada día e a súa variación non depende só do número de casos novos, senón tamén da cantidade de altas e, se é o caso, de falecementos.
Dado que non se rexistran mortes dende o 11 de xuño -seguen sendo 619-, ningún "positivo activo" deixa de selo, cando menos, durante quince días. Esa é a razón pola que, aínda que o número de casos novos poida mellorar relativamente nos últimos días, non o fai ao mesmo ritmo a cifra de casos "activos".
Derivado de Praza