E-distrito

Noticias

Máis de mil hectáreas arrasadas en tres incendios na provincia de Ourense

Máis de mil hectáreas arrasadas en tres incendios na provincia de Ourense

  O incendio de Monterrei calcina 720 hectáreas e pasa a ser o primeiro gran incendio desta tempada.

  27 xullo 2.020

  O lume que afecta á parroquia de Flariz, en Monterrei (Ourense), desde o venres queimou 720 hectáreas, de acordo coas últimas estimacións, que supoñen que este é o primeiro gran incendio que rexistra Galicia no que vai de tempada.

  O lume está estabilizado desde as 15,20 horas deste domingo, informou a Consellería do Medio Rural. Deste xeito, non constan incendios de máis de 20 hectáreas activos en Galicia.

  A Xunta concretou que, coas novas estimacións, das 720 hectáreas afectadas, 450 son de superficie forestal (400 de monte raso e 50 de monte arborado) e as outras 270 son agrícolas.

  A proximidade das chamas a algunhas vivendas provocou que se activase durante unhas horas na madrugada do sábado a alerta (situación 2).

  Para colaborar nos labores de extinción mobilizáronse ata o momento un técnico, 24 axentes, 56 brigadas, 30 motobombas, dúas pas, nove helicópteros e 12 avións, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

  Este domingo quedaron extinguidos os incendios que afectaron as parroquias de Vilardemilo, en Viana do Bolo, e Queirugás, en Verín, tamén na provincia de Ourense. O primeiro deles queimou 210,47 hectáreas, mentres que o segundo calcinou 143,93 hectáreas.

  En conxunto, este tres incendios arrasaron no últimos cinco días na mesma provincia máis de 1.074 hectáreas.

  Derivado de GConfidencial.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados