E-distrito

Noticias

As vacinas contra a Covid-19 da China e Oxford son seguras e eficaces na fase 2

As vacinas contra a Covid-19 da China e Oxford son seguras e eficaces na fase 2

  A revista "The Lancet" recolle este luns os artigos que describen importantes avances en dúas das investigacións máis avanzadas fronte á pandemia

  24 xullo 2020

  Novo pulo para dous dos proxectos máis avanzados no planeta que están á procura de vacinas contra a Covid-19. A revista The Lancet publica este luns dous artigos nos que se describen importantes avances nas iniciativas da Universidade de Oxford e a empresa farmacéutica AstraZeneca e, por outra banda, de científicos de varias institucións chinesas e a empresa CanSino Biologics. Nos dous casos, as vacinas contra a infección causada polo coronavirus SARS-CoV-2 inducirían unha resposta inmune no organismo e, ademais, serían seguras.

  No caso da iniciativa desenvolvida en China, o artigo describe os avances na vacina denominada Ad5, que parte dun adenovirus que adoita causar arrefriado, para introducir nas células información xenética do SARS-CoV-2 e fomentar así unha resposta inmunitaria. O estudo tamén afonda na determinación da dose máis axeitada para abordar a fase 3 do ensaio, no que se confirmará se a vacina contra a Covid-19 é unha inmunización eficaz. Segundo se describe, existen novas evidencias para a inmunoxenicidade e seguridade da Ad5 nunha maior cantidade de poboación, despois de analizar os resultados da fase 2 dos ensaios clínicos realizados nos últimos meses. As novas evidencias, segundo os responsables da investigación, “indican que a Ad5 ten un bo perfil de seguridade, con apenas casos de efectos adversos leves, e sen outros efectos secundarios serios”, e consegue inducir na meirande parte das persoas que participaron no ensaio a aparición de anticorpos neutralizantes e linfocitos T, uns glóbulos brancos con capacidade para destruír as células infectadas polos virus.

  A finais de xuño, a compañía CanSino anunciou que o Goberno chinés aprobara o uso militar da súa vacina contra o coronavirus, o que sería, segundo recolleu Materia, “de facto un ensaio en fase 3”.

  A outra vacina candidata, a de Oxford e AstraZeneca, que recibe o nome de ChAdOx1 nCoV-19, ofrece tamén perspectivas optimistas. Os resultados preliminares dun ensaio con preto de 1.100 personas no Reino Unido atoparon que “as vacinas inducían respostas inmunes de anticorpos e células T ata o día 56 do estudo”, un rango de tempo que mesmo podería incrementarse despois dunha segunda dose da vacina, segundo un estudo cun sub-grupo de 10 participantes”. A vacina desenvolvida no Reino Unido utiliza outro adenovirus, neste caso de chimpancés, cuxo código xenético se modifica para inducir unha resposta inmune contra o SARS-CoV-2.

  Os autores do artigo destacan, con todo, que se precisarán máis estudos clínicos, incluídos adultos máis vellos, para reforzar a eficacia da candidata.

  Nun artigo de análise publicado tamén por The Lancet, os investigadores Naor Bar-Zeev e  William J Moss, da Universidade Johns Hopkins, destacan que “os resultados destes dous estudos son un bo augurio para os ensaios en fase 3, onde as vacinas deberán probarse en poboacións moito máis grandes para avaliar a súa eficacia e seguridade”.

  Engaden os científicos que “aínda hai moito descoñecemento sobre estas e outras vacinas contra a Covid-19 en desenvolvemento, incluíndo a duración da resposta e inmunoxenicidade en persoas maiores e outros grupos específicos, como aqueles con comorbilidades, que adoitan ser excluídos dos ensaios clínicos ao seren máis afectados pola doenza”.

  Alén disto, Bar-Zeev e Moss abren varias ideas sobre a fase 3 dos ensaios: “Deben ser rápidos, pragmáticos e o suficientemente grandes para abordar a eficacia en determinados subgrupos”, tendo en conta factores como a aplicación dunha única dose, ou máis, así como os posibles efectos adversos nalgúns sectores da poboación.

  Derivado de GCiencia


Referencias:

Safety and immunogenicity of the ChAdOx1 nCoV-19 vaccine against SARS-CoV-2: a preliminary report of a phase 1/2, single-blind, randomised controlled trial.

-Immunogenicity and safety of a recombinant adenovirus type-5-vectored COVID-19 vaccine in healthy adults aged 18 years or older: a randomised, double-blind, placebo-controlled, phase 2 trial.

– Encouraging results from phase 1/2 COVID-19 vaccine trials.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados