E-distrito

Noticias

Histórico acordo na UE con 750.000 millóns para paliar a crise do coronavirus

Histórico acordo na UE con 750.000 millóns para paliar a crise do coronavirus

  Por primeira vez, a Comisión Europea vai emitir tal volume de débeda apoiada no Orzamento comunitario para transferir cartos aos Estados membros nun fondo.

  No caso do Goberno español, dito fondo ten condicións vinculadas á "transformación verde e dixital" ou a "preservar os postos de traballo".

  Pedro Sánchez ve no pacto un "fito histórico" e subliña que o Goberno de España recibirá "case dez veces máis" que o obtido cos fondos de cohesión nos anos 90

  21 xullo 2020

  "Logramos un acordo para o fondo de recuperación e para o Orzamento europeo". "Foi unha maratón que rematou con éxito para os vinte e sete Estados membros, pero sobre todo para a cidadanía". "É un bo acordo.   É un acordo forte. E, o máis importante, é o acordo correcto para Europa neste momento". O presidente do Consello Europeo, Charles Michel, expresábase deste xeito ao termo do historicamente longo cumio que finaliza cun pacto que mandatarios de diverso signo, tamén o español Pedro Sánchez, coinciden en adxectivar como "histórico" aínda que traia consigo peaxes en forma de recortes no orzamento da UE.

  Tras cinco días de tirapuxa en Bruxelas, especialmente cos Estados que se autodenominan como frugais -Países Baixos, Austria, Dinamarca, Suecia e Finlandia, contrarios aos piares do plan- a Unión dá luz verde por unanimidade -non é posible que sexa doutro xeito- ao proxecto NextGenerationEU, 750.000 millóns de euros dos que 390.000 serán transferencias, isto é, axudas directas aos Estados. Outros 360.000 serán préstamos. Trátase dun acordo "inédito", afirmou un satisfeito Pedro Sánchez, quen especifica que o Estado español obterá 140.000 millóns, máis da metade (72.700) en axudas e o restante, en préstamos.

  Como informa Andrés Gil para eldiario.es, unha das claves do pacto é o xeito en que van ser obtidos os fondos. Por primeira vez, a Comisión Europea vai emitir tal volume de débeda apoiada no Orzamento comunitario para transferir cartos aos Estados membros. E tamén por primeira vez, a UE vai ter fondos propios mediante novos impostos e taxas -sobre emisións contaminantes ou plásticos dun só uso, por exemplo- para financiar ese endebeda, un "repagamento" ata 2058, sintetiza o Consello Europeo.

  No que atinxe ás condicións, este plan afástase dos rescates da anterior crise económica e tamén das esixencias dos Estados inicialmente opostos ao acordo. Os gobernos terán que destinar os cartos a fins "coherentes coas recomendacións específicas" do Consello e partindo da base de que deben contribuír ás "transformacións verde e dixital", explica. No caso español, esas recomendacións pasan por "fomentar o investimento" na "transición ecolóxica e dixital", "reforzar" a sanidade pública, "preservar os postos de traballo", "reforzar a protección por desemprego", "mellorar a cobertura e adecuación dos réximes de renda mínima" (como o ingreso mínimo vital) ou "mellorar a coordinación entre os distintos niveis de goberno" para aplicar o plan.

  Segundo Michel, o logrado é "moito máis que cartos". "Ten que ver coa saúde, o progreso e o traballo. Lévanos ao futuro, é a primeira vez que na historia europea o orzamento está vinculado aos obxectivos climáticos, a primeira vez que se vinculan os fondos co Estado de Dereito e a primeira vez que se mobiliza un fondo para unha crise", sintetiza.

  O papel da chanceler alemá tamén mudou a respecto da anterior crise: "Axudounos moito" a acadar o acordo, defende a Comisión

  Tamén a presidenta da Comisión, Ursula von der Leyen, amosa a súa satisfacción e subliña un dos elementos que tamén muda a respecto da anterior crise, o papel da chanceler alemá, Angela Merkel, de cuxo goberno Von der Leyen foi ministra. "Quero dar as grazas a Angela Merkel, que nos axudou moito, negociamos 90 horas seguidas, pero pagou a pena. O NextGenerationEU é o mecanismo dunha Europa máis sustentable. Os novos recursos propios van reforzar á UE a longo prazo e permitirá que os Estados membros non teñan que achegar máis diñeiro para os repagos da débeda. A diferenza de crises anteriores, esta vez os Estados membros non optaron por un acordo intergobernamental, senón que encargaron á Comisión Europea que se ocupe da recuperación".

  Os Estados máis remisos ao acordo si conseguen recortes que pretendían no Orzamento comunitario, que Von der Leyen di esperar poder compensar en parte co propio fondo de recuperación

  O pacto final tamén rebaixa a capacidade de veto que reclamaban os países partidarios dos recortes e o férreo control aos Estados do sur. O texto di, concretamente: "Se, excepcionalmente, un ou máis Estados membrso consideran que hai serias desviacións no satisfactorio cumprimento dos obxectivos, pedirán á Presidencia do Consello Europeo abordar o asunto no seguinte Consello" e haberá que poñer en marcha as medidas que correspondan para que se cumpran "satisfactoriamente" os obxectivos fixados.

  Non obstante, estes Estados si conseguen parte dos recortes que pretendían no orzamento europeo. Segundo informa o correspondente comunitario de El Mundo, os fondos para a transición ecolóxica e descarbonización pasan de 30.000 a 10.000 millóns e os fondos de I+D+i baixan dunha proposta de máis de 13.000 millóns a apenas 5.000, entre outras modificacións. Segundo recolle Politico, a presidenta da Comisión ve "lamentables" eses recortes, pero confía en que, cando menos parcialmente, o paquete de recuperación os compense.

  "Resposta completamente distinta" á da anterior crise, di Sánchez

  Tras as maratonianas negociacións e o exitoso acordo, Pedro Sánchez non oculta a súa satisfacción. Tamén polo feito de que "en termos do que nos corresponde como país, temos a mesma proposta que a que propuxo a Comisión Europea antes do cumio, aínda que baixasen as transferencias". Isto é, defende, España logra o mesmo que ía lograr se non houbese que mudar o pacto para convencer os Estados máis remisos a pactar.

  Pedro Sánchez ve no pacto un "fito histórico" e subliña que o Goberno de España recibirá "case dez veces máis" que o obtido cos fondos de cohesión nos anos 90

  Defende o mandatario socialista que este "fito histórico" é ademais "unha resposta completamente distinta" ante a crise do coronavirus que a formulada pola UE hai unha década, na anterior crise económica. O Estado, avanza, disponse a ingresar "case dez veces máis" que o obtido mediante os Fondos de Cohesión dos anos 90 do século pasado que "supuxeron un salto na modernización" en diversos ámbitos. Sánchez di estar satisfeito co monto total logrado, pero tamén coas condicións concretas en eidos como a política agraria común (PAC), con "axudas directas coa mesma contía" que no período 2014-2020, que era o defendido polo Goberno español.

  Alén de considerar "revolucionario" que a UE "vaia acudir a financiarse aos mercados" financeiros e despois distribuír eses fondos entre os Estados, Pedro Sánchez tamén destaca que non hai condicións "novas" para o seu Goberno. "A axenda da Comisión está nas recomendacións de 2019 e 2020 e falan de transición dixital, de política económica inclusiva... Liñas mestras que cadran coa axenda de España", aplaude.

  António Costa: "É um modelo novo, que corresponde ao que eu defendi; evita o risco de termos algo parecido com uma troika"

  Tamén o primeiro ministro de Portugal, António Costa, está satisfeito co logrado. "Foi aprovado, pela primeira vez, um instrumento específico de recuperação económica" cuxa contía e condicións supoñen "um sinal de confiança à Europa e a Portugal para a recuperação económica face à pandemia", celebra tras un pacto polo que o país veciño terá "disponíveis máis de 45.000 milhões para os próximos sete anos. Um aumento de cerca de 37%" con relación ao anterior período orzamentario da UE.

  Celebra tamén Costa que os países autodenominados frugais non lograsen o veto que defendían, senón que haxa mecanismos de control comúns na man das institucións europeas. "É um modelo novo, que corresponde ao que eu defendi, que cria um fator de confiança entre todos que evita o risco de termos algo parecido com uma troika, mas que não significa um cheque em branco, mas um compromisso com o seu programa e com a responsabilidade comum com a Europa", aplaude.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados