E-distrito

Noticias

GALICIA/ O uso da máscara pasa a ser obrigado dende este 19 de xullo aínda que se manteña a distancia de seguridade.

GALICIA/ O uso da máscara pasa a ser obrigado dende este 19 de xullo aínda que se manteña a distancia de seguridade.

  Enumeramos as nove excepcións.

  18 xullo 2020

  Unha edición extraordinaria do Diario Oficial de Galicia fai este sábado oficial a obriga xeral de uso da máscara en Galicia para previr contaxios do coronavirus dende as cero horas do domingo, 19 de xullo. A resolución do Goberno galego en funcións, aprobada no Consello da Xunta do pasado venres, expón que "o uso xeneralizado da máscara está a demostrarse como unha das medidas máis eficaces para previr a transmisión da enfermidade" e por iso "reforza a súa utilización", "especialmente" para evitar contaxios por parte de "persoas asintomáticas". [Consulta aquí o texto íntegro da resolución]

  O uso da máscara vira en "obriga xeral" dende este 19 de xullo en Galicia aínda que "se manteña a distancia de seguridade interpersoal" e coa mesma regulación para as cidades e o rural

  A principal mudanza é a nova redacción das medidas ditadas pola Xunta para a fin do estado de alarma. Mentres que ata agora a norma xeral era o mantemento da distancia de seguridade dun metro e medio e, no seu defecto, o uso habitual da máscara, agora uso deste elemento hixiénico vira en "obriga xeral" aínda que "se manteña a distancia de seguridade interpersoal". Están obrigadas a portala todas as persoas maiores de seis anos "tanto cando se estea na vía pública e en espazos ao aire libre como cando se estea en espazos pechados de uso público".

  A orde estipula unha serie de "regras específicas" para o deporte ou os eventos culturais pero, baixando ao concreto, fixa unicamente nova excepcións ao uso da máscara. Como xa fora indicado pola propia Xunta, a resolución prohibe que as máscaras de uso xeral pola poboación "estean provistas de válvula exhalatoria". Este tipo de máscaras só están permitidas para "usos profesionais para os que poida estar recomendada". 

  Así, a máscara é obrigatoria agás en nove casos coa mesma regulación para todo o país, tanto para as cidades como para as contornas rurais, menos poboadas. Noutras comunidades, como Asturias, a obriga só afecta aos núcleos rurais en caso de "aglomeración de persoas". En Galicia, as únicas excepcións son estas:

  • Persoas "que presenten algún tipo de enfermidade ou dificultade respiratoria" que "se poida ver agravada" ao usar máscara. Tamén persoas con discapacidade sen "autonomía" para quitar a máscara ou con "alteracións de conduta" que fagan inviable o seu uso.
  • Nos coches privados "cando todas as persoas ocupantes convivan no mesmo domilio".
  • Na praia e na piscina, pero só "durante o baño" e "mentres se permaneza nun espazo determinado, sen desprazarse" e "sempre que se poida garantir" a distancia de metro e medio "entre todas as persoas usuarias non conviventes". A máscara si é obrigatoria para pasear nestes lugares.
  • Nos "establecementos de hostalaría e restauración" por parte da clientela "no momento específico do consumo".
  • Nos cuartos dos hoteis e similares "cando unicamente se atopen neles persoas que se aloxen no cuarto".
  • No interior de camarotes de buques e embarcacións de competencia autonómica, en condicións idénticas ás dos cuartos dos hoteis.
  • Mentres se faga "deporte individual ao aire libre, exclusivamente durante a realización da práctica deportiva" e só se é posible gardar dous metros de distancia con outras persoas "non conviventes".
  • Deporte en "instalacións e centros deportivos" se existe distancia de seguridade".
  • Supostos "de forza maior ou situación de necesidade"

    So "recomendado" en reunións privadas e botellóns prohibidos

  Como xa avanzara, a orde da Xunta sobre o uso obrigatorio da máscara inclúe tamén unha "recomendación" do seu uso en espazos privados, onde o Goberno galego non pode impoñer o seu uso. Concretamente, "recoméndase" no "caso de reunións ou e posible confluencia de persoas non conviventes" aínda que "se poida garantir o mantemento da distancia de seguridade". 

  A Xunta explicita que o veto ao consumo de bebidas alcohólicas en botellóns non o aplica ás terrazas nin ás "festas e verbenas populares"

  Ademais de fixar límites máximos de asistencia a determinados eventos culturais ou visitas turísticas, a resolución, a Xunta indica que "queda expresamente prohibido o consumo de bebidas alcohólicas na vía pública" mediante "a actividade coñecida como botellón" polos "riscos que presenta para a saúde pública, relacionados coa aglomeración incontrolada de persoas" e a "ausencia ou relaxación de medidas de seguridade e distanciamento persoal". A aplicación deste veto queda, en todo caso, nas mans dos concellos.

  A Xunta agrega, non obstante, unha aclaración adicional. A prohibición do consumo de bebidas alcohólicas nos botellóns "non será aplicable no caso de consumo en terrazas" ou "con ocasión de festas e verbenas populares ou de actividades ou eventos que conten co título habilitante que sexa preciso en cada caso". Nestes eventos "debe garantirse" as medidas do uso da máscara e "as que poidan adoptar as autoridades sanitarias". [Consulta aquí o texto íntegro da resolución]

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados