O Instituto Geográfico Nacional realizou unha análise da evolución deste fenómeno desde o estado de alarma ata os últimos días
16 xullo 2020
Moitas foron as maneiras de medir o comportamento das persoas durante as semanas de confinamento decretadas polo Goberno español, tras a entrada en vigor do estado de alarma por mor da pandemia da Covid-19. O estudo do tráfico, a posición dos teléfonos móbiles, ou mesmo a vixilancia a pé de rúa por parte dos corpos de seguridade foron algunha das vías de supervisión. Pero houbo outros indicadores que trascenden a superficie. Un deles é o ruído sísmico, que mesmo mencionou nunha comparecencia a finais de abril a secretaria xeral de Transportes e Mobilidade do Goberno, María José Rallo. Facía mención ao “ruído cultural”, provocado pola actividade humana, que estaba en clara redución por mor da paralización da actividade, segundo constataron as redes de medición do Instituto Geográfico Nacional (IGN).
Durante estes meses, o IGN continuou analizando a evolución do ruído sísmico en diversas partes do territorio. Segundo explica o propio instituto, “a maioría destas estacións están situadas no campo, en lugares remotos afastados de núcleos de poboación, de estradas e de calquera outra infraestrutura que poida xerar vibracións no chan”. No caso de Galicia, por exemplo, hai unha en Agolada, un lugar no que non existe habitualmente un ruído cultural do nivel que pode haber en Madrid, onde a paralización da actividade é moito máis notoria. Estas estacións teñen unha alta sensibilidade para rexistrar o impacto que xeran no solo os sismos.
Porén, no caso da estación situada no interior do recinto do Real Observatorio de Madrid, na zona suroeste do Parque do Retiro, próxima á Estación de Atocha, é quen de recoller con precisión o nivel da actividade antrópica da cidade. O ruído sísmico diminuíu ao mínimo ata o final das restricións de actividades non esenciais, recuperándose pouco a pouco nas últimas semanas. Con todo, a chegada do verán e o mantemento dalgunhas limitacións provocan que os niveis sigan estando algo por baixo do mundo pre-Covid-19.
As estacións da Rede Sísmica Nacional, segundo explica o IGN, compleméntanse con acelerómetros situados en edificios públicos dentro de núcleos urbanos nas rexións con maior actividade sísmica.
Así, no nivel de ruído medio diario das estacións sísmicas pode verse o efecto de diminución, cesamento e continuación as actividades humanas durante as distintas fases do confinamento:
Durante a semana da fase 0 o ruído media da maior parte das estacións sísmicas continúa varios decibeis, entre 1 e 5 dB dependendo da estación, por baixo do nivel de referencia previo ao confinamento. Posteriormente, na semana do 11 ao 17 de maio o ruído cultural das estacións seguiu a súa tendencia de lixeiro aumento cara ao nivel de referencia previo ao confinamento, sen alcanzalo aínda. Con todo, as estacións situadas nas comunidades que seguían en fase 0 mostran variacións sen cambios significativos de nivel de ruído respecto a a semana anterior.
Xa na primeira semana de xuño, os acelerómetros situados en poboacións en fase 2 mediron niveis de ruído medio próximos aos valores previos ao decreto do Estado de Alarma. Pola súa banda, nos acelerómetros situados en poboacións en fase 1, o nivel de ruído aumentou, pero mantense máis afastado dos niveis previos ao confinamento que os situados en poboacións en fase 2.
Só un reducido número de estacións situadas en rexións na fase 3 alcanzan valores medios do nivel de ruído comparables aos previos ao confinamento. Como curiosidade, o IGN salienta que a media de ruído sísmico diario rexistrado na estación de Agolada en Pontevedra non aumentou durante a primeira semana na nova normalidade.
Derivado de GCiencia