E-distrito

Noticias

Pechados os accesos á Mariña para evitar a expansión do brote de coronavirus, que xa supera os 100 contaxios

Pechados os accesos á Mariña para evitar a expansión do brote de coronavirus, que xa supera os 100 contaxios

  A medida entrou en vigor este luns e aplicarase, cando menos, durante cinco días. Non se poderá entrar nin saír da comarca, agás por cuestións laborais ou causas xustificadas.

  Estas medidas afectarían aos concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove, que suman ao redor de 70.000 habitantes.

  06 xullo 2020

  A comarca da Mariña permanecerá pechada durante os vindeiros 5 días. A Consellería de Sanidade adoptou esta medida para frear a expansión do brote de coronavirus declarado na comarca, que continúa a medrar. Nas últimas 24 horas sumou unha vintena de novos casos, e o número de persoas infectadas é xa de 106, aínda que sete deses casos foron declarados xa "curados", polo que habería 99 casos activos.

  A medida, publicada nunha edición extraordinaria do DOG este domingo, entrou en vigor na medianoite deste domingo e aplicarase, cando menos, durante cinco días. Neste tempo, non se poderá entrar nin saír da comarca, agás por cuestións laborais e outras causas xustificadas. O conselleiro reiterou que as persoas que non sexan da Mariña deberá abandonar a comarca antes da medianoite, ou non poderán facelo durante os cinco días seguintes, ata a medianoite do venres.

  O peche será "perimetral", o que significa que no interior da comarca permitirase calquera tipo de mobilidade, sen limitacións. Con todo, a Consellería de Sanidade recomenda a toda a poboación que, dentro do posible, se manteña nos seus concellos, evitando desprazamentos innecesarios. Tamén se recomenda "extremar as precaucións", evitar aglomeracións, e manter o uso de máscara de protección, tanto en espazos abertos como pechados.

  Os locais de hostalaría deberán limitar ao 50% a súa capacidade. Quedarán prohibidas, igualmente, as reunións sociais de máis de 10 persoas 

  Ademais, a capacidade de comercios e outros espazos volverá ás limitacións existentes durante o estado de alarma, reducíndose ao 50% a capacidade máxima dos establecementos de hostelaría (na actualidade é do 75%). Prohíbese de novo o consumo en barra e, así mesmo, estes locais deberán pechar como moi tarde ás 12 da noite. Pubs e discotecas permanecerán pechados, como xa se decidira hai uns días. E tamén se fixan restricións de capacidade en auditorios, teatros e outros espazos pechados. Establécense uns límites xerais de 60 persoas para actividades en espazos pechados e 150 ao aire libre.

  O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, explicou que a medida foi adoptada despois de avaliar "a situación e progresión dos datos do foco da covid que está a producirse na Mariña", o que fixo "conveniente reforzar as medidas de prevención co obxecto de protexer, coa máxima intensidade posible, a saúde da poboación da Mariña e conter os contaxios para evitar a súa propagación máis aló desa zona". Vázquez Almuíña sinalou que o brote se localiza ao redor de varios bares da comarca e afirmou que "con todas as cautelas que temos que ter" neste momento "parece que a progresión está acoutada na zona da Mariña".

  "Con todas as cautelas que temos que ter" neste momento "parece que a progresión está acoutada na zona da Mariña", afirmou o Conselleiro de Sanidade

  Quedarán prohibidas, igualmente, as reunións sociais de máis de 10 persoas. E, así mesmo, incrementarase a distancia de seguridade nas praias (de 3 metros pasará a 4 metros). Nas praias a máscara será obrigatoria (agás no momento do baño). O que si se mantén é a realización das probas de selectividade en Viveiro, previstas para o martes, mércores e xoves desta semana.

  Estas medidas foron comunicadas polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, aos alcaldes e alcaldesas da comarca nunha xuntanza telématica que comezou ás 11 de mañá. Posteriormente, o conselleiro ofreceu unha rolda de prensa no Hospital Lucus Augusti xunto co director xeral de Saúde Pública, Andrés Paz-Ares; o xerente da área sanitaria de Lugo, Ramón Ares, e a xefa territorial de Sanidade, Begoña Seco. Todos os detalles serán publicados esta tarde no DOG.

Estas medidas afectarían aos concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove, que suman ao redor de 70.000 habitantes.

  No último día a Xunta engadiu unha trintena de novos positivos aos seus datos

  O brote, declarado o pasado 23 de xuño, segue sen estar controlado e día a día suma novos casos. Isto fixo que o número de positivos na área sanitaria de Lugo sexa xa de 117, fronte aos 17 de hai tan só dez días. Delas, 5 atópanse hospitalizadas (4 no Hospital de Burela e a outra en Lugo) e o resto está nos seus domicilios, sen síntomas ou síntomas leves.

  Nos últimos dez días, as autoridades sanitarias realizaron máis de 2.000 probas PCR aos contactos das persoas contaxiadas co obxectivo de localizar máis focos de infección. Máis de 600 persoas deron negativo nestas probas, pero deben igualmente manterse en corentena durante os vindeiros 14 días, unha situación que lles podería impedir exercer o seu dereito ao voto na eleccións do vindeiro domingo. Preguntado sobre esta cuestión, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, afirmou este domingo en rolda de prensa que o contacto dunha persoa contaxiada si podería ir votar, para despois regresar a casa inmediatamente.

  Os datos ofrecidos na mañá deste domingo pola Consellaría de Sanidade ofrecen un descenso no número total de casos activos en Galicia, que pasan de 279 a 258, a pesar do importante aumento de positivos na Mariña. Isto é debido a que, en paralelo, un gran número de casos activos pasaron a ser considerados resoltos ou curados, probablemente por tratarse de infeccións de hai varias semanas que xa non presentan síntomas ou non dan xa positivo nas probas realizadas. Dos 258 casos activos contabilizados pola Xunta, 40 son da área sanitaria da Coruña, 117 da de Lugo, 5 da de Ourense, 2 da de Pontevedra, 77 da área de Vigo, 13 da de Santiago, e 4 da de Ferrol.

  A pesar de que a situación está controlada no resto de Galicia, o forte incremento de casos na Mariña fixo xa que os datos de novos positivos e a incidencia acumulada no conxunto do país regresen aos niveis de maio, aínda no final da Fase 1 de confinamento. A pesar de que o Ministerio de Sanidade non ofreceu datos novos este sábado (a partir de agora non ofrecerá notificacións de novos diagnósticos durante a fin de semana), os últimos datos dispoñibles, correspondentes ao xoves, sitúan o número de novos positivos detectados en 58 na última semana e 86 nas últimas dúas, datos que non se rexistraban dende finais de maio.

  O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou este domingo nun acto electoral en Compostela que "a prioridade número un é a seguridade e a saúde pública", engadindo que non lle "tremerá o pulso" á hora de tomar decisións.

  Porén, a falta de control no brote de coronavirus da Mariña motivou xa as críticas dos líderes das principais forzas da oposición. Este domingo a primeira hora, o líder do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, solicitou por carta a Núñez Feijóo que "informe da situación da Covid na Mariña lucense e que tome medidas para conter a propagación do virus nesta área". Caballero subliñou que a pesar de que as informacións dispoñibles "son moi graves", os alcaldes e alcaldesas "carecen de información detallada e suficiente". “A Xunta ten as competencias para actuar en caso de rebrote e os alcaldes sinten que ata agora nada se fixo”, apuntou o secretario xeral do PSdeG.

  De igual xeito, este sábado a candidata do BNG, Ana Pontón, reclamou a Feijóo que a Xunta presente un protocolo para actuar ante un rebrote e minimizar os seus efectos. “Tivo catro meses para facer un protocolo, un plan de actuación contra os rebrotes, pero malgastou o tempo con comparecencias de propaganda e autobombo na RTVG”, criticou.

  Martiño Noriega (Galicia en Común) alertou en Pontevedra que mentres hai "máis de oitenta casos diagnosticados e miles de persoas confinadas que non sabemos se poderán ir votar", o que fai Núñez Feijóo "é ficar calado”.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados