E-distrito

Noticias

A central de Meirama apágase e inicia a descarbonización que seguirá nas Pontes

A central de Meirama apágase e inicia a descarbonización que seguirá nas Pontes

  Cúmplese así a directiva medioambiental europea. As emisións de CO₂ nas Pontes e Meirama supoñían un terzo do total do país.

  Galicia exportou en 2018 toda a electricidade xerada nas centrais térmicas de carbón

  01 xullo 2020

  A piques de cumprir 40 anos, a central de Meirama deixa de producir enerxía Neste martes, a instalación de Naturgy en Cerceda, con 580 MW (megavatios) de potencia, preme o botón de apagado na primeira vaga de peches de térmicas no Estado, que desconecta sete este 30 de xuño e inicia un proceso de descarbonización que en Galicia ten pendente outro xa anunciado, o de Endesa nas Pontes, e que supón acabar con millóns de toneladas de CO2 e contaminación, pero tamén sumir na incerteza dúas comarcas aínda pendentes de plans alternativos e efectivos de transición xusta que aminoren o impacto no emprego. 

  A central de Meirama apaga este martes na primeira vaga de peches de térmicas no Estado, que en Galicia ten pendente data para a fin do carbón nas Pontes

  A nula rendibilidade económica para estas empresas, o abaratamento do prezo do gas, a maior produción de enerxías renovables, unha menor demanda e o elevado prezo dos dereitos de emisión de dióxido de carbono no mercado europeo explican ambas decisións. Son as razóns pola que Naturgy pon hoxe fin a catro décadas de historia en Meirama e conexión á rede eléctrica tras decidir non levar a cabo os investimentos necesarios para cumprir cos requisitos medioambientais que impón a UE ao abeiro da transición enerxética impulsada desde Bruxelas e apoiada polo Goberno central.

  Quedarán agora seis traballadores para as tarefas de mantemento e progresivo desmantelamento deste polo industrial que mantiña ata este martes máis de 35 empregados e que chegou a superar os 200 directos, á marxe dos de firmas auxiliares, chegando a dar traballo a unhas 2.000 persoas cando aínda funcionaba a mina. Entre as críticas do persoal pola rapidez á hora de levar a cabo despedimentos e pola falta de solucións transitorias, Naturgy presentou como plan alternativo un parque eólico de 15 aeroxeradores e 49,5 megavatios xa en trámite, pero nada hai concretado aínda do anunciado plan de transición xusta e dos proxectos específicos para os traballadores. 

  Na pasada semana, o delegado do Goberno central en Galicia, Javier Losada, informou ao alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, da apertura por parte do Instituto para a Transición Xusta dun proceso participativo na busca de "posibles proxectos, investimentos eo oportunidades de emprego que garantan a reactivación económica da zona" e co obxectivo de "manter o emprego e fixar poboación" a través de iniciativas de "enerxías renovables". Implicará, segundo o anunciado, aos ministerios de Transición Ecolóxica e de Traballo, así como á empresa e aos sindicatos. Pero non empezará ata o mes de abril.

  As emisións de gases de efecto invernadoiro en Meirama supoñían o 8% das totais de Galicia e o equivalente ao 40% das provocadas por todo o transporte no país

  E o impacto será duro, tanto como o foi de positivo no laboral e no económico para un Concello que deixará de percibir máis de 1 millón de euros en impostos e que loce unha imaxe da central no escudo municipal. Forma parte del desde algún ano despois de que en 1975 o grupo empresarial propietario (daquela Fenosa, logo Unión Fenosa, máis tarde Gas Natural Fenosa e agora Naturgy) decidiu explotar un xacemento de lignito pardo no subsolo do val das Encrobas, parroquia de 1.500 habitantes pegada a Meirama,. Alí onde agora hai un gran lago artificial de máis de dous quilómetros de longo e outro de ancho había daquela varias aldeas, centos de casas e 400 familias co seu modo de vida. No medio houbo unha mina a ceo aberto da que se extraeu lignito ata que acabou de vez hai algo máis dunha década. A loita contra aquelas expropiacións tornou en símbolo de loita e rebeldía labrega. Como en símbolo da contaminación se converteu tamén a enorme cheminea da central térmica. 

  A elevada emisión de gases causantes de cambio climático desta central chega de vez á súa fin. A case total parálise xa das instalacións desde hai meses provocou que en 2019 a caída nestas emisións de dióxido de carbono (CO₂) fose xa moi importante, ao pasar dos 2,2 millóns de toneladas de 2018 ás 0,2 do pasado ano. 

  Daquela, en 2018, a central de Meirama situábase aínda como a 11ª industria máis contaminante do Estado e entre as 150 máis prexudiciais da UE. Os máis de 2,2 millóns de toneladas de CO₂ anuais eran o equivalente a arredor dun 40% das emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) de todo o sector do transporte en Galicia ao longo de 2015 (último ano con datos accesíbeis).

  A central de Endesa é maior foco de impacto no clima de Galicia; as emisións de CO₂ nas Pontes e Meirama supoñían un terzo do total do país

  "Nos seus últimos dez anos de vida (2010-2019), as emisións de CO₂ desta central adoitaron representar un 8% das emisións totais de GEI de Galicia", lembra a plataforma Galiza, un futuro sen carbón, que considera o seu peche como "un importante logro na loita contra a emerxencia climática global" e contra a contaminación, ao deixar de emitirse tamén outras grandes cantidades de tóxicos que causaron "mortes prematuras" e millonarios custos sanitarios.

  O colectivo, ademais, lamenta que "a tardanza das administracións e da empresa en recoñecer a súa inviabilidade deixa grandes incertezas socioeconómicas na súa área de influencia" e asegura que o peche prevista da central das Pontes en 2021 "é fundamental para alotia contra o cambio climático en Galicia". Xa en 2019, as emisións de dióxido de carbono das centrais de carbón no país caeu máis do 75%, ata situarse en niveis de hai 30 anos. 

A central de Endesa que anunciou os seus plans de peche este pasado ano, emitiu 2,3 millóns de toneladas de CO₂ en 2019 fronte aos 7,9 millóns de 2018 e aínda así seguiu sendo o foco de maior impacto no clima do país. Porque, ata este pasado ano, un terzo do total das emisións de dióxido de carbono en Galicia saían das centrais de Meirama e das Pontes e supoñían un 3% do total de emisións deste tipo no Estado: 10,2 millóns de toneladas anuais.

  No caso das Pontes, as previsións de Endesa apuntan a un peche dentro dun ano, a mediados de 2021, no caso de que as probas para a substitución de carbón por biocombustibles non sexan positivas. O persoal, a través do comité de empresa, está convencido da viabilidade técnica, medioambiental e económica dun proxecto no que prevén valorizar enerxeticamente lodos e residuos, principalmente os primarios que xeran as explotacións gandeiras en Galicia e que, polo seu contido en metais pesados, microplásticos e outros contaminantes non poderán seguir usándose como abono agrícola a partir de xullo de 2022 por mor dunha directiva europea. 

  A esperanza está agora na implicación da Xunta, que ve nesta iniciativa unha solución tamén a este exceso de residuos agrícolas que serán vetados pola UE, e no Ministerio de Transición Ecolóxica, proclive tamén a este proxecto de economía circular. A desconfianza, en Endesa, de quen sospeitan que use as próximas probas para intentar xustificar a non viabilidade do proxecto, onde, ademais, pretende seguir empregando un 50% de carbón como combustible. "Se hai vontade, é posible substituír o carbón ao 100%", insisten desde o comité, que espera ás devanditas probas, previstas para este xullo.

  No caso de que o peche se confirme, e o duro golpe para as máis de 600 familias que dependen da central no norte de Galicia, Endesa prevé substituír os 1.468 MW de carbón cun plan de 1.505 MW renovables a través de parques eólicos que na súa fase de construción empregarían ata 7.500 persoas durante seis anos, unha media de 1.250 empregos anuais, aínda que despois só quedarían en 125 para operación e mantemento.

  Galicia exportou en 2018 toda a electricidade xerada nas centrais térmicas de carbón

  Desde a Xunta, e particularmente Feijóo, insístese sempre en que As Pontes é a "gran batería enerxética de España". O presidente galego adoita sinalar que Galicia, sen esa central, sería "deficitaria" en enerxia e considera que o seu peche, xunto co de Meirama, "supón automáticamente que Galicia produce menos enerxía da que consome". Unha afirmación máis que cuestionable de ter en conta as estatísticas dos últimos anos.

  Durante o ano 2018 Galicia xerou 31.215 GWh, dos que 10.308 GWh foron producidos polas dúas centrais térmicas de carbón de Meirama e As Pontes, correspondendo ao redor de 2.600 GWh a Meirama e uns 7.700 GWh. Os restantes 21.007 GWh foron producidos por outras fontes, nomeadamente renovables (enerxía eólica e hidráulica) e tamén a través da coxeneración e das dúas centrais de ciclo combinado de gas. 

  É dicir, a produción eléctrica realizada sen carbón en Galicia (21.007 GWh) foi superior á demanda total galega de enerxía: 20.265 GWh. Os máis de 10.308 GWh xerados nas térmicas de Meirama e As Pontes foron innecesarios para o consumo interno e serviron para alimentar os transvasamentos de enerxía ao resto do Estado.

  Derivado de Praza.
  Foto: Meirama. (c) Greenpeace

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados