E-distrito

Noticias

O agradecemento de Ana Peleteiro pola Medalla Castelao: Sobre todo, eu son galega.

O agradecemento de Ana Peleteiro pola Medalla Castelao: Sobre todo, eu son galega.

  Pola súa banda Xosé Manuel Piñeiro lembrou a importancia da TVG para que a xeración dos seus pais "sentise orgullo polo noso idioma"

  29 xuño 2020

  Nun acto marcada pola pandemia do coronavirus e lonxe do seu emprazamento habitual, o Panteón de Galegos Ilustres -recreado nas pantallas do Palacio de Congresos de Galicia, onde foi trasladada a cerimonia-, a Xunta impuxo este 28 de xuño as Medallas Castelao. Unha das distinguidas co galardón, que se entrega no día do aniversario do retorno dos restos de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao a Galicia -a mesma xornada en que se conmemora a aprobación do Estatuto do 36, que a Xunta hai décadas que non celebra-, foi este ano a atleta ribeirense Ana Peleteiro, que agradeceu a Medalla cun eloxio da galeguidade.

  "Sei que non se me premia só polo meu traballo, tamén polo que eu sinto por Galicia", sinalou a campioa de Europa de triplo salto

  Tras o agradecemento aos seus pais, que seguían emocionados a entrega, Peleteiro explicou que é "unha honra aínda máis grande" recibir a Medalla Castelao con apenas 24 anos e cando "nunca fun olímpica, aínda que se me premie pola miña carreira", cando "deportistas cun palmarés moito mellor que o meu" aínda non a recibiron. "Eu sei -sinalou- que non se me premia só polo que fixen polo meu traballo, senón tamén polo que eu sinto por Galicia".

  "Vou por cada parte do mundo presumindo de Galicia", explicou á concorrencia. Nas múltiples competicións ás que acode, asegura, é frecuente a pregunta "ti es de España, ou es galega". "Son española, pero sobre todo, eu son galega", explica que responde a campioa de Europa de triplo salto.

  Outro dos distinguidos nesta edición das Medallas Castelao foi o presentador e cantante Xosé Manuel Piñeiro. Os agradecementos á familia e á lembranza do seu pai, xa falecido, mesturouse no seu discurso co "agarimo" ás festas populares do "país de bombas de palenque e repenique de campás" en cuxos palcos actuou en infinidade de ocasións. 

  Xosé Manuel Piñeiro lembra a importancia da TVG para que a xeración dos seus pais "sentise orgullo polo noso idioma"

  Tamén evocou Piñeiro a importancia da Televisión de Galicia nos seus case trinta e cinco anos de existencia. A canle pública, que o converteu en popularísimo por todo país, fixo "algo moi grande" pola xeración dos seus pais, explicou. "Que sentisen orgullo polo noso idioma, porque a súa lingua era a mesma que falaban dende os debuxos animados ata os informativos, as películas ou o Supermartes.

  A nómina de premiados neste 2020 complétana o grupo musical A Roda e a xornalista Pilar Cernuda. No seu discurso institucional, Alberto Núñez Feijóo optou este ano por un perfil máis baixo que noutras ocasións, cando aproveitara a cerimonia para cargar contra o soberanismo catalán, contra o PSOE ou contra as mareas municipais.  Desta volta, o presidente da Xunta referiuse á loita contra a pandemia do coronavirus e ás "pequenas fazañas dos galegos e galegas descoñecidos" que "merecen ser recoñecidos" en circunstancias coma esta.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados