E-distrito

Noticias

O Pasatempo de Betanzos: unha xoia patrimonal mutilada polo abandono e a especulación

O Pasatempo de Betanzos: unha xoia patrimonal mutilada polo abandono e a especulación

  O parque recibe o BIC logo de 20 meses pechado por varios desprendementos. Ante o abandono do Concello, nos últimos anos a dinamización correu ao cargo da Asoc Amigos do Pasatempo.

  22 xuño 2020

  40 anos. É o tempo que separa as primeiras peticións para protexer o parque do Pasatempo coa chegada da certificación de Ben de Interese Cultural, confirmada polo BOE a semana pasada. Entremedias discorreron décadas de abandono administrativo, especulación inmobiliaria e falta de memoria que remataron por levar unha obra “única” no patrimonio galego ó estado ruinoso no que hoxe se atopa, pechada ao público dende outubro de 2018. 

  “Era inconcibible que non estivera protexido”, apunta Xosé Ramón Nóvoa, presidente da asociación Amigos do Pasatempo, que leva dende 2017 batallando polo recoñecemento do recinto centenario. O Pasatempo, comezado a finais do XIX, foi obra de Juan García Naveira, un indiano que destinou a fortuna feita nas américas a impulsar a vida da vila. “El e o seu irmán construíron escolas, un asilo, un lavadoiro cuberto... foi un papel filantrópico á marxe do acostumado”, apuntan dende a asociación. Esta preocupación social é a mesma que latexa nas paredes do conxunto, repleto de contidos didácticos: “Don Juan concibiu o Pasatempo como un xeito de educar visualmente á poboación”, apunta Nóvoa.

  O abandono do parque habería de comezar coa morte do seu benefactor en 1933. “Na ditadura os herdeiros sacan pezas para vendelas e ata verquen escombros nunha parte”, apunta Jose Souto, un dos socios fundadores. Con todo, o “golpe mortal” ó conxunto chega na democracia, cando en 1986 o Concello merca o conxunto. É baixo a titularidade pública cando o Pasatempo se ve reducido á sétima parte da súa extensión orixinal coa execución de múltiples obras que “non tiveron en conta o valor do que alí había”, en palabras de Souto.

  Terreos xugosos 

  As construcións desenvoltas sobre os terreos do parque -dende o campo de fútbol municipal ata unha urbanización que nunca chegou a completarse- foron posibles porque o Pasatempo non foi protexido no seu momento, unha circunstancia que ven “incomprensible” dende a asociación. “No 81 unha plataforma estivo a piques de conseguir o BIC, pero o Concello non enviou un mapa que era preciso”, explica Ángel Arcay, voiceiro de Amigos do Pasatempo. Anos máis tarde arrancaban as edificacións. “Penso que se converteu nun terreo ‘xugoso’ coa expansión da vila”, valora Souto.

  Ó ‘pecado orixinal’ do Pasatempo habería de seguilo unha rehabilitación “que non tivo en conta o modelo orixinal de Jesús García Naveira”, segundo Souto, e diversas intervencións pouco coidadosas que agravaron o mal estado da obra. A última, en 2018, culminou nun peche que se prolonga ata hoxe. “O Concello decidiu drenar un estanque sen poñer contrapesos e parte da estrutura veuse abaixo”, recorda Souto, que considera que o peche do parque “non obedece a criterios técnicos”. “Se existe risco de caídas, por que non hai puntais? O Pasatempo está pechado para que a xente non fale del”, asegura.

  Con todo, a plataforma evita cargar toda a responsabilidade na Administración, á que tenden a man para “non cometer erros do pasado” na nova etapa que abre o Pasatempo. “É parte dun problema social que se ve nas pintadas ou no lixo tirado nas instalacións”, apunta Arcay. A asociación leva 3 anos tratando de fomentar a conciencia dos veciños cun labor de investigación e difusión afincado nas redes sociais pero que tamén comprende roteiros, conferencias e ata unha revista dixital, todo de xeito altruísta.

  O BIC e a Xunta

  A “extensa documentación” recompilada dende 2017 toma un valor renovado na etapa do Pasatempo como Ben de Interese Cultural. “Estaremos encantados de achegar os descubrimentos que fomos facendo para recuperar o parque de acordo co que era”, subliña o presidente. A declaración de BIC foi recibida con euforia contida nos membros da organización, que ven no recoñecemento unha posibilidade para darlle ó parque o investimento que precisa no canto de seguir dedicando partidas a proxectos de dubidoso valor. 

  “A Cidade da Cultura leva anos canibalizando millóns que poderían ter sido empregados en algo real. Estivemos toda a vida buscando contido para ese monstro mentres o Pasatempo cae a cachos”, expresa o presidente. Neste aspecto, os ‘amigos do Pasatempo’ celebran con prudencia a entrada da Xunta na ecuación. “Xa levamos tres ou catro campañas electorais escoitando promesas”, sinala o portavoz en referencia á “rehabilitación integral” prometida por Cultura e Turismo a través de Patrimonio. “O que precisa o parque é mantemento regular e vixiancia. demanda Arcay, que considera que “non serve de nada investir millóns se logo non se coida”. 

  Polo económico

  Aínda que o principal motivo para reformar o Pasatempo é o seu valor artístico e histórico, dende a asociación non ocultan a potencialidade do parque como reclamo para a vila, sobre todo ante o auxe do turismo de proximidade da nova normalidade. Neste aspecto, Arcay relata que, antes do peche, “adoitaban vir persoas de fóra de Galicia que aproveitaban para comer na vila”. “O valor das igrexas e catedrais é indubidable, pero hai moitas. O Pasatempo, en cambio, é único”, apunta Nóvoa.

  Co investimento prometido pola Xunta aínda sen concretar -e tras varias partidas de Concello e Deputación que non prosperaron-, dende a asociación sitúan o seu papel dos próximos anos en “vixiar que non deixen a casa a medias”, en palabras de Arcay. O portavoz defende que “rematarán pasando polo aro, aínda que sexa por responsabilidade histórica”, pero insta a rematar cunha historia de investimentos que nunca chegaron: “na política todo son boas palabras. Este é o momento de cumprir”.

  Derivado de Galicia Confidencial.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados