E-distrito

Noticias

Opinión: "A responsabilidade da Xunta nas mortes das Residencias" por X A Pérez Lema

Opinión: "A responsabilidade da Xunta nas mortes das Residencias" por X A Pérez Lema

  O protocolo prohibía o ingreso hospitalario de dependentes en grao II e III, quen constitúen a meirande parte das persoas residentes que ocupan prazas concertadas financiadas pola Xunta.

  08 xuño 2020

  É indubidábel que o grave incumprimento das ratios legais de persoal (denunciado polas organizacións galegas de familiares de residentes e de traballadoras das Residencias ), a tendencia a empregar persoal menos formado e as carencias canto a fornecer as quendas de festivos e tempadas de feiras explica por que as Residencias de xestión pública non tiveran positivos nin mortos, mentres que máis do 25% do total de persoas mortas na Galicia fosen residentes dos centros de Domus Vi (51-53 en San Lázaro-Santiago de Compostela, 47 en Barreiro-Vigo e 37 en Aldán-Cangas). o modelo de maximización do beneficio de parte do sector privado residencial é corresponsábel da catástrofe humanitaria vivida en moitas das residencias da terceira idade de xestión privada neste país..A Xunta de Galicia, como Administración responsábel da súa inspección e supervisión, fallou evidentemente.

  Mais tamén fallou a Xunta como Administración sanitaria. A lei prohibe que ingresen doentes infecto-contaxiosos nesta caste de residencias, o que quere dicir que éstes han ser evacuados tan axiña se detecte a súa doenza. Tamén constitúe unha realidade certa que a meirande parte dos residentes de prazas concertadas son dependentes en grao II (grave) ou III (moi grave). Con menos grao de dependencia tes que pagar entre 1.900 e 2400 € para unha praza privada, porque os baremos legais impiden de feito o acceso a unha praza concertada. Por outra banda, a rede hospitalaria galega estivo lonxe do colapso, cunha ocupación máxima do 50% tanto nos andares canto nas UCIs.

  Velaí o contexto que determina a gravidade do protocolo da residencia integrada compostelá da Porta do Camiño ( de xestión conxunta do SERGAS e da Consellería de Política Social que constituía a referencia sanitaria intermedia para Galicia Norte, como a de Baños de Molgas para a Galicia Sur), en canto prohibía o ingreso na mesma de dependentes en grao II e III. Dependentes que, como dixemos, constitúen a meirande parte das persoas residentes que ocupan as prazas concertadas financiadas pola Xunta. Seica este protocolo era común á outra residencia integrada de Baños de Molgas.

  A directora da residencia compostelá de Domus Vi en San Lázaro informou ás familias das persoas residentes que o SERGAS non admitiu a evacuación dos primeiros cinco casos de Covid-19, reportados na noite do mércores 18-M, até o domingo 23-M e manifestou que até a Semana Santa non recebiu axuda do SERGAS para medicalizar o centro. Durante 25 días coexistiron residentes infectados con negativos, sen presenza das Autoridades sanitarias da Xunta de Galicia.

  A cidadanía e, nomeadamente, as persoas residentes e as familias dos falecidos teñen dereito a coñecer a verdade e a que se depuren xudicialmente as responsabilidades xudiciais que houber.

  - Opinión. Xoan Antón Pérez Lema. Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Secretario Xeral de Relacións Institucionais da Xunta de Galicia 2007-2009.
    Pérez Lema é colaborador en E-distrito.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados