E-distrito

Noticias

As recomendacións para previr contaxios nos comercios e oficinas

As recomendacións para previr contaxios nos comercios e oficinas

  O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia, dependente da Xunta, distribúe unha guía de prácticas específicas para o sector

  02 maio 2020

  A reactivación progresiva da actividade económica despois da fase aguda da pandemia da covid-19 obriga a tomar todas as precaucións precisas para evitar posibles rebrotes nos centros de traballo. Os locais comerciais ou as oficinas, onde as persoas adoitan compartir espazos pechados, requiren de medidas específicas para reducir este risco ao mínimo. Para isto, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), elaborou e distribuíu a estes e outros sectores con recomendacións para a prevención ante o coronavirus.

  Grupos de risco, hixiene e distancia social

  A documentación, consensuada co propio sector, recolle medidas a ter en conta antes de ir traballar, como identificar ás persoas sensibles, non acudir en caso de febre ou síntomas respiratorios ou facer desprazamentos, preferentemente de xeito individual. Tamén se incide na distancia de seguridade que deberá ser de dous metros entre clientes, produtos e persoal, adoptar medidas de barreira nas zonas de atención ao público e controlar o aforo no espazo, organizando a entrada por quendas e indicando un horario de atención preferente a maiores de 65 anos.

  En canto á hixiene e limpeza, o documento incide no lavado frecuente de mans, evitar tocar nariz, ollos e boca, cubrir as vías respiratorias cun pano de un único uso ao tusir ou esbirrar, así como limpar e desinfectar espazos frecuentemente (mostradores, pomos, probadores…), ventilar frecuentemente, protexer o produto para evitar a súa contaminación pola exposición e manipulación e uso de máscara hixiénica ou cirúrxica durante a estancia no comercio, sendo obrigatoria sempre que non sexa posible manter a distancia de seguridade de dous metros.

  Tamén se recollen medidas organizativas como a sinalización no chan das distancias e camiños, e fomentar o pago por medios electrónicos así como o comercio online. O Goberno galego insiste tamén na importancia de empregar material recomendado polas autoridades sanitarias, entre o que non se atopa o ozono.

  Dentro da campaña de divulgación e información de comercio seguro, enviaranse elementos informativos para colocar nos mostradores dos establecementos que levarán recomendacións da Xunta. A campaña poderase comunicar e visibilizar a través das redes sociais co lema #SeguimosAdiante.

  Podes ver a guía aquí: guía de seguridade para o comercio.

  Derivado de GCiencia.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados