O ingreso mínimo vital (IMV) do Estado xa está aprobado. O Consello de Ministros deu luz verde este venres, 29 de maio, a un dos elementos clave no pacto do Goberno de coalición de PSOE e Unidas Podemos co horizonte da actual lexislatura, pero "acelerado" pola crise do coronavirus. Dende o vindeiro 15 de xuño será posible solicitar unha prestación que aposta por garantir un mínimo de 462 euros mensuais para persoas que vivan soas e ata un máximo de 1.015 euros e que pretende ser, no caso galego, "compatible" coa xa existente Renda de Inclusión Social (Risga) no futuro, aínda que na actualidade non o é.
Co obxectivo de "chegar a uns 850.000 fogares" que equivalerían a arredor de 2,3 millóns de persoas, segundo estimacións do Ministerio de Inclusión, o IMV suporá unha achega duns 3.000 millóns de euros anuais, estima o ministro José Luis Escrivá. Aspira en primeiro termo a reducir á metade o número de persoas en situación de pobreza extrema.
A nova prestación estatal pretende garantir un mínimo de 462 euros mensuais e un máximo de ata 1.015 euros; para a súa concesión teranse en conta os ingresos da persoa solicitante e tamén o seu patrimonio. Para activar a compatibilidade coa Risga cómpre unha reforma da lei galega
Poderá acceder ao IMV a poboación de 23 a 65 anos -ou dende os 18, con menores ao cargo- que non ingresase no ano anterior o equivalente ao propio ingreso mínimo. Pero, atendendo a situacións de "pobreza sobrevida", explica o vicepresidente Pablo Iglesias, tamén o poderá facer quen "no tempo transcorrido do ano actual, obtivesen ingresos por baixo dese limiar", indica o tamén ministro de Dereitos Sociais. Para acceder ao IMV terase en conta non só os ingresos, senón tamén o patrimonio da persoa solicitante excluíndo a vivenda habitual e restando as débedas.
A solicitude poderá formularse a través do sitio web da Seguridade Social ou por correo postal e o Goberno central comezará a concedelo "de oficio, de forma inmediata, a todas as persoas que estean percibindo prestación por fillo ao cargo" por parte do Estado, especifica Iglesias. Esa concesión de oficio chegará a uns 100.000 fogares, calculan. A contía concreta do ingreso para cada persoa calcularase, a partir dos devanditos 462 euros, agregando 139 euros por persoa adicional.
Compatible con outros ingresos e posible xestión autonómica dende 2021