E-distrito

Noticias

Preguntas e respostas sobre a Fase 1, que Galicia comeza este luns

Preguntas e respostas sobre a Fase 1, que Galicia comeza este luns

  Clarexamos as dúbidas para a entrada na Fase 1.

  11 maio 2020

Galicia entrará a partir deste luns na Fase 1 do desconfinamento. Que implica isto? Que poderemos e non poderemos facer mentres permanezamos nesta fase? Hai 10 días o Goberno central deu a coñecer o deseño xeral das distintas fases do proceso de desconfinamento, pero os detalles concretos sobre as normas que se deben seguir en cada unha das actividades permitidas veñen de ser publicadas no BOE deste sábado, a través dunha orde ministerial, que se pode consultar neste enlace

  Segundo o Ministerio de Sanidade, o obxectivo fundamental "é conseguir que, preservando a saúde pública, se recupere paulatinamente a vida cotiá e a actividade económica, minimizando o risco que representa a epidemia para a saúde da poboación e evitando que as capacidades do Sistema Nacional de Saúde se poidan desbordar". Así pois, as actividades permitidas nesta fase queren ser un avance cara á "nova normalidade", pero mantendo a "prudencia" e sempre tendo como obxectivo a defensa do sistema sanitario e dos seus profesionais, que están sufrindo de forma moi importante os efectos da pandemia: máis da metade dos positivos activos por coronavirus en Galicia son persoal de residencias e sanitario.

  Canto durará a Fase 1?

  A Fase 1 iníciase este luns 11 de maio e non ten unha data definida de finalización. En principio, o paso ás seguintes fases debe agardar, cando menos, 14 días, que é o tempo mínimo para valorar os efectos sanitarios da reapertura da actividade e da mobilidade. A Fase 2 podería atrasarse algo máis se se detectan rebrotes e contaxios excesivos e mesmo podería haber pasos atrás, regresando a normas de confinamento máis duras.

  Poderemos reunirnos ou pasear con persoas coas que non convivimos?

  Si, sempre que sexa "en grupos reducidos" e que non haxa persoas "vulnerables" ou con "patoloxías previas". Os grupos deberán ser, como máximo, de 10 de persoas e estes encontros poderán realizarse ao aire libre, na terraza dun bar, pero tamén nunha vivenda.

  Seguirá habendo franxas horarias?

  Si, as franxas horarias mantéñense de forma xeral, para evitar aglomeracións e protexer os colectivos máis vulnerables, como as persoas maiores. Os desprazamentos fóra do fogar deberán realizarse de 6 da mañá ás 11 da noite; as crianzas de menos de 14 anos de 12 a 19 horas, os maiores de 70 anos de 10 a 12 e de 19 a 20, e de forma xera poderanse realizar paseos ou actividade deportiva de 6 a 10 e de 20 a 23.  Con todo, as comunidades autónomas poderán establecer modificacións para que os nenos e nenas poidan evitar as horas centrais do día, de máis calor. Así, poderán acordar que as franxas comecen ata dúas horas antes e rematen ata dúas horas despois, sempre e cando non se incremente a duración total.

  En Galicia onde se aplican as franxas horarias?

  Aínda que nun primeiro momento o criterio xeral de aplicación das franxas horarias aplicábase a todos os concellos de máis de 5.000 habitantes, este venres a Xunta difundiu un listado de parroquias "rurais" que dentro destes concellos non chegar a esa poboación. En principio en todas elas desaparecen as franxas horarias, pero a decisión final depende de cada concello e algúns deles xa comunicaron que por precaución sanitaria seguirán mantendo as restricións, ao entender que as parroquias sinaladas forman parte do espazo urbano. 

  Poderemos desprazarnos libremente por toda a nosa provincia?

  Si, na Fase 1 pódense realizar desprazamentos (para as actividades permitidas, por exemplo manter reunións sociais en grupos reducidos) en todo o territorio provincial. O Goberno central non aceptou a proposta da Xunta de que a limitación se establecese por área sanitaria e tampouco que a mobilidade fose libre dentro de todo o territorio de Galicia. En Euskadi a orde ministerial si autoriza unha excepción, permitindo a "mobilidade interterritorial entre municipios colindantes de tránsito habitual para a realización de actividades socioeconómicas", isto é, entre concellos limítrofes das tres provincias vascas. Iso si, o Goberno vasco aplica maiores restricións, impedindo desprazarse a outros concellos.

  Pode unha persoa desprazarse fóra do seu concello para facer deporte ou pasear?

  Non. En principio, ata que non se publiquen novas instrucións, a realización de paseos ou a práctica deportiva segue rexíndose polas normas anteriores, no referente aos límites territoriais (o concello) e temporais (as franxas horarias, onde se apliquen). O turismo de natureza só está permitido a través dunha empresa e en grupos de menos de 10 persoas.

  Pódese compartir coche?

  Si, nesta fase as persoas que convivan nun mesmo domicilio poden compartir un vehículo ocupando todas as súas prazas (ata un máximo de nove)

  Abren todos os comercios? En que condicións?

  A Fase 1 supón un alivio para o pequeno comercio, que levaba dous meses pechado. Poderán abrir os establecementos dunha dimensión igual o inferior a 400 metros cadrados, pero cunhas condicións moi estritas. Entre elas, que reduzan a súa capacidade ao 30% e que garantan a distancia mínima de dous metros entre persoas. Ademais, deben establecer un horario de atención con servizo prioritario para maiores de 65 anos.

  Abren os bares e restaurantes?

  Os establecementos de hostalaría poderán abrir as súas terrazas ao aire libre, limitadas ao 50% das mesas permitidas no ano inmediatamente anterior en base á correspondente licenza municipal. Débese garantir sempre unha distancia mínima de 2 metros entre as mesas ou agrupacións de mesas. A ocupación máxima será de 10 persoas por mesa ou agrupación de mesas. No caso deu que os concellos permitan incrementar a superficie destinada á terraza ao aire libre, poderase incrementar o número de mesas previsto.

  Abren os teatros? Os cines? Haberá concertos?

  Permitiranse os actos culturais de ata 30 persoas en interiores, sempre que non superen un terzo da capacidade do espazo, e de ata 200 persoas sentadas no exterior. En todo momento débese garantir a distancia de seguridade mínima. A apertura de portas realizarase con antelación suficiente para permitir un acceso escalonado e, de igual xeito, a saída realizarase por zonas, para evitar aglomeracións. A distancia de seguridade debe manterse mesmo entre artistas; no caso de representacións escénicas nas que isto non sexa posible, atenderase ás "medidas de seguridade deseñadas para cada caso particular a partir das recomendacións das autoridades sanitarias". 

  Pódense utilizar as instalacións deportivas?

  Na Fase 1 poden abrir as instalacións deportivas ao aire libre, agás as piscinas. A actividade deportiva requirirá a concertación de cita previa coa entidade xestora da instalación. Nelas, permitirase a práctica deportiva individual ou aquelas prácticas que se poidan desenvolver por un máximo de dúas persoas, sempre sen contacto físico e mantendo as debidas medidas de seguridade e protección

  Podo ir a unha biblioteca?

  Poderán abrir todas as bibliotecas públicas ou privadas, tanto para os servizos de préstamo e devolución de libros como para a lectura en sala ou a consulta de fondos, pero non poderán levarse a cabo actividades culturais, actividades de estudo en sala ou de préstamo interbibliotecario e non se poderá facer uso dos ordenadores destinados para o uso público. As obras serán solicitadas polos usuarios e proporcionadas polo persoal da biblioteca. Unha vez consultadas, depositaranse nun lugar apartado e separadas entre si durante polo menos catorce días. Deberá respectarse en todo momento a distancia mínima de seguridade.

  E os museos?

  Os museos, de calquera titularidade e xestión, poderán abrir as súas instalacións ao público para permitir as visitas á colección e ás exposicións temporais, reducíndose a un terzo a capacidade prevista.

  Volvemos ás oficinas e centros de traballo?

  En principio, neste punto non hai grandes cambios con respecto á Fase 0, agás para aquelas actividades que antes non estaban permitidas e agora si o están. Sempre que sexa posible, fomentarase a continuidade do teletraballo para aqueles traballadores que poidan realizar a súa actividade laboral a distancia. Aquelas persoas que poden nesta fase regresar á súa actividade (na hostalaría, comercio...) deben facelo gardando a distancia de seguridade e as medidas de hixiene que xa se viñan recomendando para outras actividades.

  Abrirán os hoteis?

  Poderá procederse á reapertura ao público dos hoteis e aloxamentos turísticos. Pero non estará permitida a utilización de piscinas, spas, ximnasios, salóns de eventos e de todos aqueles espazos análogos que non sexan imprescindibles para o uso de hospedaxe do hotel ou do aloxamento turístico

  Abren os centros educativos?

Poderá procederse á apertura dos centros educativos para a súa desinfección, acondicionamento e para a realización de funcións administrativas.

  Haberá misas?

  Si, na Fase 1 permítense as celebracións litúrxicas, pero respectando unha serie de condicións de capacidade dos templos, que non deberán superar un terzo do seu aforo, e hixiénicas. As dióceses galegas publicaron nos últimos días as normas e recomendacións que deben seguir as igrexas.

  Pódense realizar enterros ou velorios?

  Os velorios poderán realizarse en todo tipo de instalacións, públicas ou privadas, cun límite máximo en cada momento de quince persoas en espazos ao aire libre ou dez persoas en espazos pechados, sexan ou non convivintes. A participación na comitiva para o enterramento ou despedida para cremación da persoa falecida restrínxese a un máximo de quince persoas. Debe manterse en todo momento a distancia mínimas de seguridade.

  Pódese viaxar a segundas residencias dentro da mesma provincia?

  Si. Aínda que nun primeiro momento o Goberno central indicara que esta posibilidade quedaba reservada para a Fase 2, este sábado mudou o seu criterio, permitindo estes desprazamentos.

  Regresa á actividade algún outro sector?

  Poderán proceder á súa reapertura ao público, mediante a utilización da cita previa, os concesionarios de automoción e as estacións de inspección técnica de vehículos. Tamén reabren as administracións de lotaría.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados