PSdeG, Común da Esquerda, BNG e En Marea fan público o seu "firme desacordo" coa decisión da Radio e Televisión de Galicia de "censurar" a reunión da Deputación Permanente.
06 abril 2020
Os grupos da oposición no Parlamento da Galiza, PSdeG, Grupo Común da Esquerda, Bloque Nacionalista Galego e Grupo Mixto (En Marea), emitiron este venres un comunicado conxunto no que fan público o seu "firme desacordo" coa decisión da dirección da Corporación da Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) de non retransmitir en directo a sesión da Deputación Permanente celebrada na Cámara, na que compareceron o vicepresidente galego, Alfonso Rueda, e a conselleira de Política Social, Fabiola García.
A oposición ao Goberno de Alberto Núñez Feixoo asegura que "resulta incomprensible" que ante unha crise sanitaria "sen precedentes" que se ten cobrado a vida de máis de 10.000 persoas, "a televisión pública, que os galegos e as galegas sufragan con 100 millóns de euros cada ano, furte información sobre as propostas das formacións políticas para combater a pandemia, tanto no aspecto sanitario como económico".
"É intolerable que, mesmo no medio dunha pandemia, o PP siga facendo unha utilización partidista dos medios públicos e utilizando a televisión pública como canle de publicidade e propaganda ao servizo do Executivo de Feixoo e do Partido Popular", aseveran as deputadas de PSdeG, Común da Esquerda, BNG e En Marea, que tamén lle trasladan toda a "solidariedade e apoio" ás traballadoras da CRTVG que "intentan facer o seu labor con profesionalidade e rigor".
As forzas políticas da oposición galega solicitan á dirección da CRTVG que actúe "con responsabilidade de país" e que cumpra "coa misión de servizo público garantindo unha información de proximidade que respecte os principios de pluralidade, imparcialidade, neutralidade e veracidade informativa".
Derivado de Nós Diario.