A iniciativa privada leva anos introducíndose na universidade a través de distintas estratexias. As universidades privadas non son algo novo (a primeira, Deusto, creouse en 1886), pero nas últimas décadas foron poñéndose en marcha máis e máis iniciativas deste tipo, de xeito na que actualidade hai xa no Estado case tantos centros públicos (50), coma privados (46), de xeito que moi pronto os segundos pasará a ser maioría. Dende 1988 abríronse en España 26 universidades privadas e ningunha pública.
A proliferación de centros privados, nalgúns casos de dubidosa calidade, e a presión que estes exercen sobre as institucións públicas, especialmente nas áreas nas que os seus promotores detectan opcións de negocio, levou esta semana ao Goberno central a modificar o Decreto de creación, recoñecemento e autorización de universidades e centros universitarios, de 2021, para endurecer os requisitos para a creación destes centros. O obxectivo, como destacou o presidente do Goberno do Estado, Pedro Sánchez, é garantir unha maior calidade do ensino universitario en España, acabando con “eses chiringuitos educativos que non cumpren o nivel que cabe esixirlle” á educación superior.
Entre as novas medidas, figura a esixencia de que as universidades conten cun mínimo de 4.500 alumnos e alumnas matriculadas nos seus primeiros cinco anos de actividade. Haberá máis controis da solvencia económica dos proxectos, esixíndose un aval bancario. Tamén se esixirá aos seus promotores experiencia da xestión universitaria e se lles esixirá maior transparencia da información presentada, para revelar as empresas e fondos que impulsan cada proxecto.
Estes centros privados, que están a experimentar un auxe nos últimos anos grazas á "sistemas administrativos de autorización e control do seu funcionamento moi laxos" e ás "altas taxas de ganancia" que xeran para os seus promotores, carecen en moitos casos da calidade que se lle debería esixir á educación superior