Unha mobilización histórica. A Pobra do Caramiñal desbordou este sábado en protesta contra o proxecto de Altri en Palas de Rei. Por mar, con centos de embarcacións malia os efectos da borrasca Martinho, e por terra con milleiros de persoas chegadas de toda Galicia. Tantas que desde tempo antes do inicio da marcha as vías de entrada á vila quedaron colapsadas —con ringleiras de vehículos de varios quilómetros— pola elevada afluencia de xente que acudiu á chamada contra a planta de celulosa e tamén contra a mina de Touro a pesar da chuvia.
Ata 50.000 persoas segundo a organización e unhas 600 embarcacións uníronse nunha marcha que fora convocada antes de que a Xunta fixese pública a autorización ambiental a Altri, un aval que incrementou a súa oportunidade e, ben seguro, o poder de convocatoria. Milleiros ateigaron A Pobra acudindo ao chamado da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), convocante dunha marcha apoiada tamén pola pola Plataforma Mina de Touro-o Pino NON e a Plataforma Ulloa Viva.