E-distrito

Noticias

As ameazas ambientais poñen en risco o liderado galego no sector do mexillón, no que medra Chile

As ameazas ambientais poñen en risco o liderado galego no sector do mexillón, no que medra Chile

  A crise da mexilla semella superada, con bos datos de cría que anticipan unha recuperación da produción de mexillón para o ano 2025 e seguintes.

  19 marzo 2025

  Galicia viña sendo nas últimas décadas un dos líderes mundiais na produción de mexillón. Aínda o é, de feito, pero a crise que atravesa o sector nos últimos anos e a crecente competencia doutros países está a por en risco esta condición. España era o segundo produtor mundial de mexillón, despois de China, aínda que o país asiático dedica o groso da súa produción ao consumo interno. E, dentro de España, a maior parte da produción é galega, que concentra o 95% das bateas existentes no Estado, nomeadamente na Ría da Arousa, onde temos dúas de cada tres bateas galegas.

  Habitualmente a produción das bateas galegas roldou as 250.000 toneladas anuais de mexillón. Entre 2014 e 2021 moveuse sempre ao redor desa cantidade, cun máximo en 2018 (279 mil toneladas). Porén, os datos de 2022 e 2023 están moi por debaixo desa cifra, perdendo mesmo o nivel das 200 mil toneladas e establecendo un mínimo para as últimas dúas décadas.

  As causas deste devalo produtivo -que se estende a outras especies, como a ameixa, o berberecho ou o percebe- son múltiples, pero nelas xoga un papel fundamental o estado das augas da Ría de Arousa, que sofren os efectos do cambio climático e o quencemento do mar -coa redución do efecto de afloramento de augas frías-, ademais do incremento da contaminación. No caso do mexillón sumouse o problema concreto da crise da mexilla -utilizada para nutrir as cordas das bateas e producir o bivalvo-, na que tamén é determinante a calidade das outrora ricas augas arousás.

  Dende a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa alértase de que a situación que agora vive o mexillón -e que dende hai anos sofren outras especies máis sensibles- responde a problemas estruturais, que deben ser estudados en profundidade para chegar a un diagnóstico que asegure o futuro do sector. "Hai dous grandes problemas na Ría de Arousa, por un lado un menor afloramento de augas, e polo tanto menos alimento para o mexillón. E, pola outra, unha menor renovación das augas interiores da ría, o que fai que a contaminación e as verteduras de calquera orixe teñan un maior impacto", explica o seu voceiro, Xaquín Rubido.

  "Dende hai máis de dez anos, vendo o descenso da produción dos distintos recursos marisqueiros, dende a Plataforma vimos solicitando á Xunta que se faga un estudo independente que aborde de forma integral toda esta problemática para facer unha diagnose e así adiantarnos ao problema, non ir detrás do problema, poñendo parches", sinala Rubido.

  "A administración non ten unha actuación acorde e proporcional á importancia do problema", sinala o voceiro da PDRA, que engade que se dá "unha situación esquizofrénica na Xunta na que, por unha banda, cualifica de catastrófica a situación da Ría de Arousa cando fala co Goberno central, pero cando se trata de asumir as súas competencias mira cara a outro lado e non fai nada". A PDRA reclama dende hai anos a declaración de interese xeral para o sector do mar,  o saneamento integral das rías e a rexeneración dos bancos marisqueiros.

  A competencia do marisco producido noutros lugares

  O ouro negro que producía a Ría de Arousa, que chegou a acadar un valor de produción de 150 millóns de euros anuais, está en crise. E nesa crise están en xogo preto de vinte mil postos de traballo. Neste contexto veñen xurdindo duros competidores, como Chile, que cada vez con máis intensidade poñen o pé en todos os mercados internacionais, beneficiándose dos acordos de libre comercio e da redución de aranceis.

  A crise da mexilla semella superada, con bos datos de cría que anticipan unha recuperación da produción de mexillón para o ano 2025 e seguintes. Porén, as ameazas ambientais para este sector fundamental da economía galega continúan. E, ademais, nun contexto de maior competencia internacional: o mexillón chileno xa está aquí e ameaza con arrebatar a Galicia o mercado europeo, no caso do mexillón conxelado e procesado. 

  O 85% das exportacións galegas de mexillón diríxense a Europa, onde chega cada vez máis mexillón procedentes de Chile, que xa dirixe á UE o 47% das súas vendas internacionais. Ademais, o país sudamericano pode ofrecer prezos máis reducidos pois os seus custos de produción son case a metade que os galegos (0,69 euros por quilo, fronte aos 1,18 euros das bateas arousás).

  Rubido alerta de que "á baixada de produción de marisco propio [mexillón e tamén outras especies] únese a súa baixada de prezo nas lonxas". "A razón é que no mercado xa está introducido dunha maneira masiva o marisco foráneo e os nosos prezos non son así competitivos. A Administración mira para outro lado, sen garantir unha trazabilidade que permite que ti collas un produto e teñas a seguridade de que é de aquí", comenta.

  "A ría vai camiño de converterse nunha expendedora de marisco con indicación de que é da Ría de Arousa pero que en realidade procede de calquera parte do mundo", advirte, sinalando que "o consumidor galego está a consumir marisco con convencemento de que é de aquí, pero que non é galego realmente. Un marisco producido moitas veces sen os controis que aquí temos e que sofre nalgúns casos niveis de contaminación elevados".

  Chile leva varias décadas desenvolvendo unha potente industria de cultivo do mexillón, especialmente na rexión de Los Lagos, onde se atopa Chiloé, curiosamente un territorio de enorme semellanza paisaxística con Galicia. A súa produción total pasou dunha 24 mil toneladas no ano 2000 a roldar as 430 mil toneladas en 2022.

  No propio Estado español cada vez son maiores as importacións de mexillón procedente de Chile, como indican as estatísticas oficiais do Ministerio de Economía. No ano 2024 importáronse máis de 28 mil toneladas do país sudamericano, cun custo de case 80 millóns de euros, un valor case catro veces superior ao de 2021.

  Nos últimos anos as importacións totais de mexillón realizadas polo Estado español non deixaron de medrar, pasando de roldar os mil millóns de euros ata o ano 2014 a superar claramente os dous mil millóns o pasado ano. As exportacións tamén aumentaron, pero fixérono en menor medida. O saldo entre importacións e exportacións de mexillón é cada vez máis negativo en España e o pasado ano achegouse aos mil millóns de euros, de xeito que o valor das importacións de mexillón practicamente duplica o das exportacións.

  Derivado de Praza

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados