E-distrito

Noticias

Estas son dúas actividades cotiás que axudan a reducir o risco de infarto en mulleres

Estas son dúas actividades cotiás que axudan a reducir o risco de infarto en mulleres

  Tarefas rutineiras de alta intensidade, como subir rápido as escaleiras ou cargar compras pesadas, contribúen a previr enfermidades cardiovasculares

  09 decembro 2024

  Un estudo publicado no British Journal of Sports Medicine revelou que series breves de exercicio intenso, de menos dun minuto cada unha, poden reducir case á metade o risco de episodios cardiovasculares graves, como infarto ou insuficiencia cardíaca, en mulleres que non fan exercicio regularmente.

  O equipo internacional de investigadores, liderado desde a Universidade de Sydney (Australia), conclúe que só entre 1,5 e 4 minutos diarios de actividades rutineiras de alta intensidade, como subir escaleiras rapidamente ou cargar compras pesadas, axudan a previr enfermidades cardiovasculares en persoas que non poden ou non queren participar en exercicios máis extensos ou estruturados.

  O traballo analizou datos de 81.052 homes e mulleres de mediana idade do Biobanco de Reino Unido.

  Prevención de infartos

  Os resultados mostran que as mulleres que incorporaron unha media diaria de 3,4 minutos de actividade física intensa intermitente na súa rutina diaria tiñan un 45% menos de probabilidades de sufrir eventos cardiovasculares graves, un 51% menos de ter un infarto e un 67% menos de desenvolver insuficiencia cardíaca, en comparación con aquelas que non realizaron ningunha actividade deste tipo.

  Aínda que os resultados foron máis significativos en mulleres, os homes que realizaron unha media de 5,6 minutos diarios de actividade física intensa tamén mostraron unha redución do 16% no risco de eventos cardiovasculares.

  Os investigadores conclúen que este tipo de práctica pode ser un obxectivo prometedor para a prevención de episodios cardiovasculares graves, especialmente en mulleres que non practican outro tipo de actividade.


Referencia: Device-measured vigorous intermittent lifestyle physical activity (VILPA) and major adverse cardiovascular events: evidence of sex differences (Publicado en British Journal of Sports Medicine)

  Derivado de GCiencia

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados