Case unha semana despois de que as riadas arrasasen a provincia de València, provocando a morte de máis de duascentas persoas, ningunha administración quere facerse responsable do ocorrido na tarde do martes coa alerta tardía a pesar de que as competencias veñen reflectidas na lei. A competencia da coordinación en materia de emerxencias recae sobre a Generalitat Valenciana pilotada por Carlos Mazón, que está no epicentro das críticas por neglixencias como o tardío aviso, pasadas as 20 horas do martes pasado, e a descoordinación nos traballos de reparación.
Por ese motivo o propio Mazón deslizou este luns na Cadena Cope que o envío das alertas antes de que chegase a Depresión Illada en Niveis Altos (DINA) era responsabilidade do Goberno central, dirixido por Pedro Sánchez, concretamente da Confederación Hidrográfica do Júcar, que depende do Ministerio de Transición Ecolóxica. O ministerio de Teresa Ribera desmentiuno cunha contundente nota: "As confederacións hidrográficas non lanzan alertas, o organismo competente para lanzar alertas hidrolóxicas son os servizos de emerxencias autonómicos".